Os Ecogaleguistas envíanlles a EI, +G, EN, PNG-PG e MNG un documento para "construír un espazo cooperativo e plural da esquerda nacional"

Logotipo do Espazo Ecogaleguista CC-BY Espazo Ecogaleguista

O documento pretende fixar a posición aberta do Espazo Ecogaleguista para dialogar cara a consecución dun proxecto común alternativo. Segundo o colectivo, "non se trata de elementos de negociación ou principismos irrenunciables senón elementos para o dialogo bilateral e multilateral con outros colectivos e persoas interesadas no proceso". Para iso achega o documento e propón "fixar un calendario común en réxime de auto convocatoria que permita que ninguén se sinta incómodo e que non duplique as reunións locais ou comarcais".

Os Ecogaleguistas proponñen "fixar un calendario común en réxime de auto convocatoria que permita que ninguén se sinta incómodo e que non duplique as reunións locais ou comarcais"

O texto, presentado este martes, incide na necesidade de "renunciar ao dogmatismo e ao sectarismo para construír un partido dialogante e con afán unitario que se sitúa unicamente en contra das políticas que favorecen ao 1% que acumulan riquezas e beneficios fronte ao 99% que vive, e en moitas ocasións malvive, do seu traballo e da súa creatividade". Segundo os Ecogaleguistas, "a difícil situación que vive a grande maioría das persoas e ameaza o conxunto do noso país esixe grandes doses de xenerosidade"

 

Un espazo novo, nacional e en contacto coa sociedade autoorganizada

Para Espazo Ecogaleguista, "non se trata de reflotar experiencias fracasadas sustentadas en partidos hexemónicos ou compartimentos estancos, senón configurar un espazo cooperativo, plural e aberto onde o debate de ideas sexa cultural, con vontade de síntese, e non ideolóxico e de carácter pechado".

O texto propón "construír un espazo novo, non herdeiro de ninguén", e malia ser conscientes de que "a maior parte da militancia organizada que poida confluír nese novo proxecto vén do BNG", tamén afirma que "existe unha potencialidade cidadá externa aos actuais partidos políticos que foi afastándose da militancia que, mesmo na última etapa, deixou de votar ás organizacións existentes da esquerda".

O documento fai fincapé na "conexión coa cidadanía organizada", acompañando "a sociedade civil autorganizada respectando a súa autonomía"

A proposta dos ecogaleguistas é configurar unha forza política nacional, entendida como un proxecto "que sitúe o seu eixo de actuación en Galicia e na defensa dos seus intereses colectivos, pero que aborde esta cuestión coa necesaria amplitude que permita incorporar a sectores con conciencia nacional e galeguista, pero que non necesariamente se definan como nacionalistas no ideolóxico". E fai fincapé na "conexión coa cidadanía organizada", acompañando "a sociedade civil autorganizada respectando a súa autonomía e a súa pluralidade política e organizativa sen impoñer referentes únicos nas organizacións sociais, cívicas ou sindicais".

Logotipo do Espazo Ecogaleguista CC-BY Espazo Ecogaleguista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.