Os Ecogaleguistas piden que Compromiso chegue a un acordo con Anova e EU

Xuntanza dos Ecogaleguistas en Oleiros © Praza Pública

Non hai unanimidade en Compromiso por Galicia á hora de rexeitar a participación nunha fronte ampla, en clave progresista e nacional, xunto con EU e Anova. Espazo Ecosocialista presentou no Consello Nacional da formación, celebrado este sábado, unha proposta de mínimos para un acordo entre CxG e Anova que non excluiría a incorporación doutras forzas políticas, por exemplo Esquerda Unida. A proposta foi rexeitada por unha maioría clara (34 votos a 12), pero atopou un bo número de apoios. Os ecogaleguistas defenden a necesidade da "máxima unidade posible diante da situación de emerxencia nacional", e cren que sería un grave erro que CxG se presentase ás eleccións en solitario.

Os Ecogaleguistas cren "que aínda hai tempo" para que Anova e CxG cheguen a un acordo entre eles e con outras forzas, para así asegurar "o carácter nacional" do acordo e aseguran que van traballar para que Compromiso se incorpore ao acordo de fronte ampla. Consideran imprescindible esta unidade política, tendo en conta "a gravidade da situación actual de Galicia, no marco dunha profunda crise económica e financieira que se pretende solventar cunha agresión sen precedentes sobre a maioría social". E poñen como referencia o éxito social acadado polas manifestacións do 19 de xullo, sustentado na súa opinión na unidade sindical e na xenerosidade de todos os actores tradicionais para traballar unidos sobre as súas coincidencias.

A oferta de coalición finalmente aprobada (que exclúe a incorporación doutras forzas) non só lle pechaba as portas a EU, senón que facía practicamente imposible o acordo con Anova

Na proposta formal presentada polos Ecogaleguistas para acadar un acordo entre Compromiso e Anova faise unha defensa "da ética pública e dos valores cívicos e democráticos, que impulsarán unha nova cultura política, fronte do bipartidismo e a corrupción, en defensa do Ben Común, do autogoberno galego e do noso dereito a decidir, salvagardando os intereses da maioría da nosa sociedade, priorizando a creación de emprego e a de defensa do Estado do Benestar, dos servizos públicos de Ensino, Sanidade e das prestacións sociais, así como no impulso da radicalidade democrática e a participación cidadá". E sinálase que "este preacordo político está aberto á participación doutras organizacións que compartan estes obxectivos".

Porén, a proposta foi rexeitada, polo que a oferta de coalición finalmente aprobada (que exclúe a incorporación doutras forzas) non só lle pechaba as portas a EU, senón que facía practicamente imposible o acordo con Anova, que xa anunciara a súa intención de apostar por unha coalición máis ampla. Era, pódese dicir, unha proposta para non.

Critican que CxG "perde o seu carácter renovador se non é capaz de liderar as demandas políticas e sociais da cidadanía" e entenden que a demanda fundamental dun amplo sector da sociedade galega é neste momento a da "unidade"

Os Ecogaleguistas critican que Compromiso "perde o seu carácter renovador", que consideran fundamental, "se non é capaz de liderar as demandas políticas e sociais da cidadanía" e entenden que a demanda fundamental dun amplo sector da sociedade galega é neste momento a da "unidade". Así mesmo, alertan de que "a percepción que ten a sociedade é que CxG tivo durante agosto un forte corremento cara a dereita" e consideran moi negativo que no seo da formación se recorrese durante o debate a "formulacións sectarias e excluíntes que xa entendiamos superadas: españolismo, deslealdade...".

Xuntanza dos Ecogaleguistas en Oleiros © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.