Os expertos demandan unha reforma electoral que incremente a proporcionalidade

Imaxe do debate celebrado na Nave de Vidán CC-BY-SA Praza Pública

“Calquera medida que vaia no sentido de reducir a distancia entre representantes e representados, entre políticos e cidadanía, será positiva”. Con matices en canto ás fórmulas escollidas e aos seus tempos, o debate sobre a reforma electoral que acolleu o pasado xoves A Nave de Vidán, deixou unha demanda compartida por todos os ponentes de avanzar cara unha maior proporcionalidade. As propostas presentadas nos últimos meses por Compromiso por Galicia e o BNG van nesa dirección, todo o contrario que a formulada polo Partido Popular, que a través sa redución de deputados, dificultaría o acceso ao Parlamento ás forzas máis pequenas, e incrementaría a sobrerrepresentación de Lugo e Ourense e a infrarrepresentación dos votos dos cidadáns das circunscricións de Pontevedra e A Coruña. Nas provincias occidentais de Galicia vive preto do 80% da poboación galega, que ten menos dereitos políticos que o outro 20% das provinciais orientais, sobrerrepresentadas.

Na conversa participaron o analista electoral e economista Carlos Neira Cortizas, o profesor de Ciencia Política da USC Francisco Martínez Hidalgo e o profesor de Socioloxía da UdC Xosé Antonio López Rei, moderados polo blogueiro político Filipe Diez. Neste diálogo analizouse, principalmente, se existe ou non necesidade de modificar a actual Lei de Eleccións e os posibles modelos alternativos. A posibilidade de lograr unha maior proporcionalidade no lexislativo galego, as vías para estimular a participación cidadá nos procesos electorais, os modelos de campañas ou a posición dos grupos da esquerda a respecto da reforma que o PP pretende sacar adiante tamén se puxeron sobre a mesa.

Carlos Neira restou importancia ao órdago insinuado por Alberto Núñez Feijoo, que ve cada vez "menos probable"

Esta proposta popular estaba na mente de todos, pero o debate de propostas en positivo acabou por desprazar a análise da reforma promovida polo PP. De feito, Carlos Neira restou importancia ao órdago insinuado por Alberto Núñez Feijoo, que ve cada vez "menos probable". "Non a utilizaron na primeira lexislatura porque non o necesitaban e formúlana agora, cando pensan que o van necesitar", pero Neira coida que esta reforma "pode chegar a non ser prioritaria" para os conservadores, cando menos nos próximos meses, toda vez que nin sequera o recorte do Parlamento "lles vai solucionar a papeleta de ganar as eleccións", por causas como as fotos de Marcial Dorado, "o financiamento do partido aquí e en Madrid ou os efectos acumulativos da crise". É dicir, na actual foto fixa da política galega, o PP quedaría lonxe da maioría absoluta mesmo a pesar do plus de representación que obtería con esta reforma.

Neste senso, López Rei situouse na posición contraria á proposta popular e apostou por incrementar o número de deputados: "Unha democracia de calidade custa cartos. Canto custa manter o Parlamento cada ano, catro millóns de euros? La Voz de Galicia recibe moitos máis cartos públicos cada ano. E ao Celta perdoóuselle unha débeda moito maior".

"Os tempos mudan nunha dirección no que se deben facer compatibles o vello sistema de partidos e as novas demandas cidadás. A reforma electoral é necesaria, pero para levala adiante son necesarias a pata social e a pata partidaria"

En canto á posibilidade de que as forzas da oposición cheguen a un acordo para presentaren unha proposta alternativa de reforma electoral, López Rei e Martínez Hidalgo amosáronse optimistas, ao contrario que Neira, que non o ve probable: "a relación de forzas, con PP e PSOE en contra de avanzar cara a unha maior proporcionalidade, leva a pensar que o mellor que se pode conseguir a curto prazo é o mantemento do status quo". Porén, Neira ve positivo o feito de que se abra o debate: "Necesítanse cambios, e que haxa debate é positivo, porque deste debate poden xurdir mudanzas que  leven a sistemas electorais máis participativos. O sistema de listas pechadas xa cumpriu o seu ciclo" e reclamou que "hai que falar da reforma electoral que propón o PP, pero tamén hai que falar das reclamacións efectuadas pola cidadanía e o movemento 15M nos últimos anos. Os tempos mudan nunha dirección no que se deben facer compatibles o vello sistema de partidos e as novas demandas cidadás. A reforma electoral é necesaria, pero para levala adiante son necesarias a pata social e a pata partidaria".

 

Cara a unha maior proporcionalidade

“O sistema electoral non son cifras, é a vontade política de vertebrar un suxeito político. Xorde da política, non son matemáticas”, lembrou Martínez Hidalgo

No debate falouse de todo, pero sobre todo fixéronse propostas e lanzáronse ideas tendentes a facer máis pequena a distancia que se abre entre a cidadanía e os políticos, entre as demandas da rúa e os parlamentos, e de cara a mellorar os mecanismos de representación. Con todo, alén das propostas concretas tamén se fixo fincapé no espírito das posibles reformas, destacando a necesidade de mudar a actual cultura política. “O sistema electoral non son cifras, é a vontade política de vertebrar un suxeito político. Xorde da política, non son matemáticas”, lembrou Martínez Hidalgo, que destacou que en calquera caso “é difícil facer xiros de 180 graos no sistema electoral. Hai que vivir con parte das decisións que se adoptaron en anos e décadas anteriores”.

De igual xeito Carlos Neira salientou que "non hai fórmulas máxicas" e López Rei sinalou que "temos a cultura política que temos, e de aí temos que partir" Segundo Martínez Hidalgo, "a participación e comportamento político dependen da formación e cultura política que se foi construíndo nas últimas décadas. As políticas educativas e as políticas sociais son enxeñaría social e constrúen a participación política a longo prazo. Prestámoslle moita atención ao curto prazo, e deberiamos prestarlle moita máis atención ao medio e longo prazo".

“Calquera medida que vaia no sentido de reducir a distancia entre representantes e representados, entre políticos e cidadanía, será positiva”, resumiu López Rei. E Martínez Hidalgo chamou a "avanzar cara a unha maior proporcionalidade, apostando por un sistema proporcional puro, e sobre todo utilizando a circunscrición que corresponde para cada tipo de elección: circunscrición local para as municipais, autonómica para as autonómicas e estatal para as xerais”. Os outros dous ponentes concordaron nos beneficios das circunscricións electorais amplas, aínda que dende o público se sinalou que "a circunscrición única impide a relación directa entre os deputados e o corpo electoral, unha proximidade que si permiten as circunscricións máis pequenas". Porén, Hidalgo e Neira respondéronlle que a proximidade é un factor que non pesa tanto, agás nas eleccións locais, e que xa os partidos se preocuparían de establecer unha estrutura territorial na súa lista de candidatos, para asegurar o seu dominio sobre o territorio. Neste senso Carlos Neira alertou de que a división das circunscricións en distritos máis pequenos é un arma que sempre beneficia os grandes partidos.

Martínez Hidalgo chamou a "avanzar cara a unha maior proporcionalidade, apostando por un sistema proporcional puro, e sobre todo utilizando a circunscrición que corresponde para cada tipo de elección"

Máis polémica provocou o debate sobre a conveniencia das listas abertas, defendidas por Carlos Neira. López Rei e Martínez Hidalgo apostaron en cambio polas listas pechadas, para evitar a personalización e que algún candidato poida gañar o favor da opinión pública a través dos medios de comunicación e da súa capacidade económica. En calquera caso os tres coincidiron en que ten que haber máis participación directa da cidadanía, sexa a través das listas abertas (como defendeu Carlos Neira), ou porque haxa máis participación e debate no mesmo seo dos partidos, como recomenda López Rei, que faría que as listas pechadas tamén fosen máis próximas á cidadanía e a representasen mellor.

 

Financiamento e outras propostas

Todos apostaron pola máxima transparencia e mesmo se chegou a apuntar o desexo de que os partidos estean unicamente financiados por achegas públicas, excluíndo toda achega privada

A substitución da Lei d'Hont por un sistema proporcional puro ou outro semellante que non prexudique as forzas minoritarias tamén xerou consenso. O mesmo que a eliminación das dificultades para a presentación e debate das ILP e a convocatoria de referendos. López Rei reclamou que se facilitase o control dos cargos públicos, "que deben responder xudicialmente da súa xestión, ou dos gastos que decidan e medidas que adoptan”

Tamén se fixo fincapé na importancia de que exista transparencia e control no financiamento dos partidos políticos, unha das cuestións fulcrais no actual funcionamento das democracias. Todos apostaron pola máxima transparencia e mesmo se chegou a apuntar o desexo de que os partidos estean unicamente financiados por achegas públicas, excluíndo toda achega privada. Neira sinalou que “todos, sen excepción, se financian de forma ilegal”, outros máis ca outros. 

López Rei lembrou que "os plenos da Eurocámara ou do Parlemento galego retransmítense a través de Internet ninguén os ve. Os mecanismos moitas veces si que existen, pero iso non asegura o resultado, se non hai cultura política”

Defendeuse igualmente unha redución do gasto electoral, primando os mecanismos de marketing electoral e debate a través das redes, moito máis baratas que outros soportes, pero tamén as fórmulas máis tradicionais de propaganda e relación coa cidadanía, dende os cartaces ás portas dos edificios públicos até as charlas a nivel de barrio.

Neste senso, dende o público preguntouse “Por que podemos votar en Eurovisión e non podemos votar as leis do noso concello?”, o que foi respondido dende a mesa: “Porque Eurovisión é retransmitido en directo e ten un sistema de votación directo e sinxelo, e os plenos dos concellos non se retransmiten”. Con todo, López Rei lembrou que "os plenos da Eurocámara ou do Parlemento galego retransmítense a través de Internet ninguén os ve. Os mecanismos moitas veces si que existen, pero iso non asegura o resultado, se non hai cultura política”.

Parte do público asistente ao debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.