O mapa político que debuxaron as eleccións municipais do pasado maio nas cidades galegas obriga, en todas as urbes agás Vigo, a un exercicio de negociación practicamente permanente por parte dos gobernos á hora de abordar os asuntos que requiren o visto e prace do pleno. Neste ámbito, os orzamentos municipais constitúen a proba de maior relevancia de cada ano, toda vez que as contas son a base da xestión municipal e, ademais, a ausencia de consenso para aprobalas pode derivar, en última instancia, na súa vinculación a unha cuestión de confianza ao goberno. Só dúas das sete cidades, Vigo e Pontevedra, comezaron 2016 co orzamento do ano en vigor. As cinco restantes atópanse no inicio dun proceso de negociación que examina a capacidade dos grupos políticos. Esta é cadansúa situación.
A Coruña
Xulio Ferreiro e Eugenia Vieito, presentando as liñas principais dos orzamentos
Na primeira quincena de decembro o goberno da Marea Atlántica presentou as liñas mestras sobre as que pretende asentar o seu primeiro orzamento, un proxecto duns 242 millóns de euros case 10 menos que no exercicio anterior, que segundo o alcalde, Xulio Ferreiro, está "baseado na visión e nas liñas políticas do goberno", pero tamén "na realidade económica e social existente". O "benestar da parte da poboación" máis "seriamente afectada por este momento socioeconómico", afirma Ferreiro, é o que orienta a proposta de incrementar o investimento social uns 9 millóns de euros, unha suba do 21% a respecto do derradeiro orzamento do PP.
A proposta inicial inclúe unha suba do 21% no investimento social, se ben o PSOE local ve "puro fume efectista" e acusa o goberno de falta de información
Na proposta inicial do goberno coruñés tamén rexistran incrementos as partidas de áreas como igualdade (94%), participación (70%), mobilidade sostible (6,56%) ou medio ambiente (3%). Mentres, retroceden ámbitos como o urbanismo, case un 30%, ou áreas de administración interna como facenda (-3,77%) ou a propia Alcaldía (-1,91%).
O que para o alcalde é unha proposta "realista" que prima as áreas sociais foi recibido polo voceiro do PSOE local, José Manuel Dapena, como "puro fume efectista, pura propaganda e puro oportunismo". Nos últimos días Dapena acusou o goberno de non lle proporcionar información dabondo para a negociación, alén do que denomina como "tocho" composto por un arquivo informático de 42 páxinas e unha vintena máis en papel.
O voceiro socialista acusa a Marea Atlántica de pretender incrementar os gastos en "publicidade e propaganda" e "asistencias técnicas" e, mentres afirma non "saber nada" do que o goberno "quere facer", a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, apela á súa "responsabilidade". Engade, ademais, que as diversas partidas non están pechadas porque, precisamente, o proceso negociador se atopa aberto e continuará nas vindeiras semanas. A xuízo de Ferreiro cumpriría que o PSOE explicite "que proxectos lle gustaría poñer en marcha", porque "dese xeito saberíamos se hai gañas de negociar e non de enredar". Para o PP, a cidade está sumida na parálise.
Lugo
A alcaldesa de Lugo, presidindo unha xunta de voceiros
O partido na Alcaldía segue a ser o mesmo que hai un ano, pero ese é o único factor que non mudou politicamente nos últimos meses na cidade da Muralla. O equipo de Lara Méndez traballa sobre un bosquexo de orzamentos de algo máis de 89 millóns de euros, unha redución de case 4 millóns a respecto do 2015 a causa, fundamentalmente, da fin do programa europeo Urban. Ao contrario do que viña acontecendo nos últimos anos, cando o goberno de López Orozco só tiña que procurar ao BNG -e, nalgunha ocasión, ao PP- para sacar adiante as súas contas, a pluralidade do pleno lucense, con catro grupos na oposición, provoca un exercicio negociador necesariamente maior.
O equipo de Lara Méndez precisa do apoio de Lugonovo e do BNG para sacar adiante as contas, que roldarán os 90 millóns de euros
Segundo adiantaron tanto Méndez como a súa concelleira de Economía, Ana Prieto, a intención do goberno é manter o investimento social na contorna do 20%. Outras prioridades, sinalan, son a posta en marcha dun plan de emprego e mais a promoción turística, na que a alcaldesa ve unha das principais oportunidades de crecemento da economía local. "Cos grupos da esquerda estamos tentando xa aproximar posturas, e iso non significa que a oposición non vaia ter información en tempo e forma", indica Méndez.
Mentres, como noutras cidades, o PP local diagnostica que o Concello está "parado", o grupo maioritario na banda esquerda da oposición, Lugonovo, insta a alcaldesa a través do seu voceiro, Santiago Fernández Rocha, a "abordar con valentía a negociación". Segundo Rocha o PSdeG "non ten en conta súa minoría aritmética" e isto pode abocalo á "caída libre". As prioridades do grupo para 2016, afirma, son "poñer orde en materia de persoal, desfacer os chiringuitos e apostar definitivamente polo plan de mobilidade", así como blindar a área social.
O BNG, tamén necesario para a aprobación do proxecto, asegura non dispoñer aínda de "toda a información" sobre o proxecto orzamentario, se ben para o voceiro municipal, Rubén Arroxo, "a información que recibimos ata agora está lonxe dos intereses dos lucenses". A remunicipalización de servizos externalizados é para Arroxo unha das prioridades que o Bloque marca nun contexto no que, di o nacionalista, "xa lembramos en varias ocasións que o PSOE non cumpriu os compromisos que adquiriu con nós para apoiar a investidura da alcaldesa e isto, evidentemente, vai condicionar o noso apoio aos orzamentos", que será decidido en asemblea, subliña.
Ourense
Pleno do Concello de Ourense
O novo goberno de Ourense, o único urbano encabezado polo PP, tampouco ve doado a aprobación orzamentaria. O alcalde, Jesús Vázquez, sitúa o primeiro trimestre do ano como horizonte para unha negociación que, dada a configuración do pleno, requiriría do acordo, cando menos, con Democracia Ourensana ou co PSOE. A negociación cos sindicatos a respecto do cadro de persoal municipal, indicou este xoves en rolda de prensa, é o punto de inicio "obrigado" do proceso das contas de 2016, as cales lle gustaría ao rexedor poder levar a pleno no mes de abril.
Jesús Vázquez coida que sería "necio" non procurar o acordo
Así as cousas, ao inicio do proceso o gabinete de Vázquez traballa nun proxecto que roldará os 104 millóns de euros e que baixará ao ámbito do concreto no momento en que fique solventada a cuestión do persoal. Ata ese momento o Concello seguirá baseando a súa xestión xa non nas contas de 2015, senón nas de 2014, toda vez que o anterior alcalde, o socialista Agustín Fernández, xa non foi quen no pasado exercicio de sacar adiante o proxecto. Segundo o rexedor "sería necio" obviar que cómpre un acordo que, admite, "será difícil" acadar.
Santiago
Primeiro xuntanza de Martiño Noriega coa oposición a respecto dos orzamentos
O goberno de Compostela Aberta presentou esta mesma semana o seu proxecto de orzamento e iniciou tamén os contactos ao respecto coa oposición. A edil de Facenda, María Rozas, defende un proxecto de 99,4 millóns de euros "aberto a achegas da oposición" e no que, afirma, non hai "estimacións inchadas" como en anos anteriores, rebaixándose o montante total nuns 3 millóns por mor da caída prevista na recadación de impostos como o IBI, recortado nas ordenanzas fiscais aprobadas cos votos de PSOE e PP.
No inicio das negociacións o goberno local formula un incremento do gasto social que cifra no 35% e unha redución de 700.000 euros en protocolo e publicidade
O incremento das partidas de investimento social nunha contía que o goberno local sitúa no 35%, ata 8,4 millóns de euros, é o que o equipo de Martiño Noriega presenta como prioridade para abordar proxectos como Centro de Acollida de Persoas sen Teito ou a Casa das Mulleres. Duplicar os fondos para "mantemento" de diversas áreas da cidade, ata acadar un millón de euros, ou ampliar a dotación para atender a zona rural son outras das prioridades dun proxecto no que aumentan os fondos para amortizar débeda, de 6 a 9 millóns, e os gastos de protocolo e publicidade retroceden uns 700.000 euros.
Tras a primeira toma de contacto Noriega evidencia que este non é un documento "pechado" e augura "semanas de diálogo" á procura dun acordo que pasa, esencialmente, polo PSOE local, cuxo voceiro, Francisco Reyes, mantén unha tensa relación con Compostela Aberta que nos últimos días levou a cuestionar o interese do alcalde por sacar adiante o orzamento. Alén das críticas pola data na que é presentado o proxecto orzamentario o edil Gonzalo Muíños manifesta a vontade de "diálogo" do seu grupo e dende o BNG Rubén Cela insta o grupo de goberno a ter "cintura política" para non caer nos "erros" do proceso de negociación das ordenanzas municipais.
O PP local, pola súa banda, censura a demora e tamén a redución de recursos, que non atribúe ás ordenanzas senón ao que denomina como "falta de ambición" do goberno local. Compostela Aberta, pola súa banda, lembra que o goberno dos populares con maioría absoluta non foi quen de sacar adiante o seu primeiro orzamento ata finais de xullo.
Ferrol
Jorge Suárez e Beatriz Sestayo
Tras un 2015 xestionado a partir dos algo máis de 50 millóns de euros do derradeiro orzamento do goberno do PP, o novo equipo municipal ten diante de si un duplo reto para lograr o consenso: entre os socios da coalición que encabeza Jorge Suárez -Ferrol en Común e PSOE- e co BNG, que a priori se presenta como aliado máis viable para sacar adiante as contas. As tensións xurdidas no seo do gabinete local nos últimos días marcan o ritmo do proceso.
Os orzamentos dependen do consenso entre Ferrol en Común e PSdeG e de ambos co BNG
Suárez afirma, no entanto, que a prórroga momentánea das contas de 2015 non frea a "folla de ruta" do goberno local que, segundo recolle Ferrol 360, indica que traballa "concienzudamente" nun proxecto no que, avanza, as grandes liñas pasarán polas áreas sociais e o fomento do emprego, así como por abordar cuestións herdadas como a xestión da depuradora. Atenderase, afirma Suárez, a "todos os barrios e parroquias" nun panorama que a nova voceira do PP, Martina Aneiros, define como de "incapacidade manifesta".