Os grupos parlamentarios admiten conversas para renovar o Valedor

O ex Valedor (esquerda) e o seu substituto provisional CC-BY Praza Pública

O pasado 15 de maio o daquela Valedor do Pobo, Benigno López, presentaba a súa dimisión. Facíao despois dunha sonora polémica a conta da súa aposta por suspender temporalmente a aplicación da Lei de Dependencia e da súa pública defensa dos recortes dos gobernos galego e central. Tras a súa marcha, non exenta de reproches á oposición parlamentaria e á prensa, o posto foi ocupado en funcións polo ata ese momento vicevaledor, José Julio Fernández, chegado ao posto a proposta do PP -a vicevaledora promovida polos socialistas, Dolores Galovart, dimitiu antes que o propio López-. Este martes a defensoría galega volverá ao debate nun pleno extraordinario do Parlamento pero non para elixir un substituto ou substituta, senón para iniciar a a reforma da propia institución, proposta polo presidente da Xunta no debate de política xeral e tramitada coa forma dunha proposición de lei do Grupo Popular.

Puy matiza que "non hai prazos" para a renovación, polo que o Valedor podería permanecer en funcións ata despois dos comicios

Así e todo, os tres grupos parlamentarios admitiron este luns, máis ou menos abertamente, segundo os casos, que xa se fala de remuda. A voz máis explícita foi a da portavoz do BNG, Ana Pontón, quen asegura ademais que o PP aínda "non tivo ningunha iniciativa para poñer ningún nome enriba da mesa". Mentres, di, o Bloque "solicitoulles unha xuntanza" aos conservadores "e nós si temos achegado algún nome", tanto ao PP como ao PSdeG, "porque cremos que é importante que se produza a remuda". Tamén o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, admitía ao ser cuestionado polos xornalistas que as conversas existen. "Conversas ten que haber", explicita o socialista, dado que é imprescindible o acordo do PP con, cando menos, un dos dous grupos da oposición para que se produza o nomeamento. "É certo que se falou, entre todos estamos buscando a proposta de personalidades do mundo galego que puidesen representar ben ese posto. Pero "nin eles -en referencia ao PP- nin nós" indicaron propostas concretas, asegura.

As palabras de Vázquez producíanse despois de que o voceiro do PP, Pedro Puy, se vise forzado a recoñecer a existencia das negociacións, precisamente porque Pontón as fixera explícitas. "Teño por costume non darlles máis publicidade da que acordamos ás conversas que teñen os portavoces". "Confirmo que hai algunha conversa", di Puy, engadindo ademais un matiz que pode ser fundamental na culminación do proceso: "prazos non hai". A xuízo do conservador a persoa que se faga cargo da institución no futuro -con independencia da dimisión de Benigno López, o seu mandato remataba a finais deste mes de xullo- deberá iniciar o seu labor "coñecendo cal é a estrutura coa que conta de acaordo co establecido na lei", isto é, cando remate o trámite parlamentario que comeza este mércores.

Así as cousas, e dada a necesidade de consenso, todo conduce a concluír que a José Julio Fernández lle queda bastante máis ca unhas semanas como Valedor en funcións, e que así podería seguir mesmo  ata despois dunhas eleccións autonómicas aínda sen data, pero sobre as que cada vez paira máis a posibilidade dun adianto. Se isto fose así corresponderíalle á maioría parlamentaria que sustente o novo Goberno galego levar a iniciativa para nomear a un Valedor ou Valedora que xa non contará con tres vicevaledores. Só terá un que, ademais, realizará as funcións de secretario ou secretaria xeral da institución.

O ex Valedor (esquerda) e o seu substituto provisional CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.