Os homes que lexislaban contra as mulleres

Manifestación feminista © Susete

Lembran a Gallardón cando dicía que a maternidade era o que facía ás mulleres realmente mulleres? ou a Cañete cando afirmou sen pudor que un debate entre un home e unha muller era complicado? Foron lapsus ou as afirmacións dos mandatarios do PP reflíctense tamén nas súas políticas?

O socialista francés Charles Fourier dicía que o grao de civilización dunha sociedade se mide polo grao de liberdade da muller. Se o pai do cooperativismo erguera a cabeza e botase un ollo ao Estado Español pensaría que somos uns bárbaros ou, como mínimo, uns incivilizados.

A expresión feminización da pobreza pretende connotar o crecente empobrecemento material das mulleres, o empeoramento das súas condicións de vida e a vulneración dos seus dereitos fundamentais. É un feito palpable que un dos efectos máis rotundos dos programas de axuste estrutural inherentes ás políticas neoliberais é o crecemento do traballo gratuíto das mulleres no fogar, resultado dos recortes dos programas sociais por parte dos gobernos. Así, aquelas funcións das que o Estado abdica, xa sexa saúde, nutrición ou educación, volven recaer na familia. No caso do Estado Español, acudimos, precisamente, ao desenvolvemento dese termo.

Un dos efectos máis rotundos dos programas de axuste é o crecemento do traballo gratuíto das mulleres no fogar

A demolición do cuarto piar do Estado do Benestar

En xaneiro cumpríronse oito anos da aprobación da Lei da Dependencia, que supoñía un bastión ao que non se debía renunciar unha vez conseguido. Porén, a chegada da crise, a austeridade e as esixencias europeas no control do déficit non a deixaron medrar.

No 2011 os Orzamentos Xerais do Estado recollían 1.498 millóns para o financiamento desta lei. Para este 2015 a previsión foi de 1.177, un 27% menos. Logo chegaron os trocos na lei, que remataron coa súa esencia de dereito subxectivo.

O freo na aplicación desta lei foi, evidentemente, moi pernicioso para os dependentes, pero tamén para as mulleres, e dun xeito dobre. Por unha banda, porque moitas abandonaron os seus traballos para coidar dos seus maiores e pola outra, porque a lei supuxo unha boa canteira de emprego feminino. Entre 2009 e 2010 os datos ofrecidos polo Goberno indicaban que grazas á lei se crearan 165.000 traballos directos, a maioría para mulleres.

A reforma que precarizou o precario

O Partido Popular decidiu levar a cabo a reforma de marzo de 2012. O Goberno afirmou que buscaba protexer o emprego, facilitando a súa creación grazas a unha importante rebaixa da indemnización por despido improcedente e á eliminación da autorización previa en caso de despidos colectivos.

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do ano pasado reflectiu unha leve recuperación pero evidentemente, é un dato que non dilúe o deterioro acumulado durante os últimos sete anos de crise laboral. Porén, como afectou a reforma laboral ás mulleres? Os contratos de xornada parcial falan claro: aumentan un 4% en mulleres mentres que diminúen un 1,6% en homes. Queda por ver que aporta o dato de peche de 2015 pero semella que poderíamos falar dunha nova modalidade de precariedade centrada nas mulleres.

Os datos indican que estamos ante unha nova modalidade de precariedade centrada nas mulleres

Canto á brecha salarial, o Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de publicar a última Enquisa Anual da Estrutura Salarial de 2012. A diferenza sitúase nun 24%, máis alta ca nos cinco anos precedentes.

Menos presuposto para a violencia machista

A actual alcaldesa popular de Madrid, Ana Botella, citou hai uns anos o conto popular da Cinsenta para afirmar: “A Cinsenta é un exemplo para as nosas vidas polos valores que representa. Recibe os malos tratos sen protestar, busca consolo no recordo da súa nai".

Con consolo non se reduce a violencia machista e con asfixias orzamentarias, tampouco. No 2014 a partida de transferencias orzamentarias para programas de axuda era de 12.090.000 euros, no 2015 quedou en 11.715.000. O Ministerio de Sanidade conxelou a aportación aos plans concretos de prevención de violencia de xénero, que inclúe os programas de asistencia e axudas a familias e mulleres que sufriron violencia machista. O Programa de Asistencia Social para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero mantense nos 4.000.000 de euros do 2014. A partida que máis diminuíu é a referente ao convenio para a teleasistencia móbil ás vítimas de violencia de xénero que pasou de 5.500.000 euros en 2014 a 3.600.000 en 2015.

No 2014 a partida para programas de axuda a víctimas de violencia machista superaba os 12 millóns, en 2015 non chega a eles

Todo isto nun contexto que nos deixa as cifras de 54 mulleres asasinadas en 2013 e 53 no 2014. Da primeira cifra, once acusaran previamente ao seu asasino, da segunda catorce. Semella que, cando o goberno omite a súa responsabilidade, nin protestar abonda.

Abortada a Lei Gallardón

Ás veces a cobiza rompe o saco e isto foi o que lle pasou ao anterior titular de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón coa reforma da lei do Aborto.

O madrileño quixo derrocar a lei Aído, que impoñía restricións ao aborto en función dos prazos, fronte a unha que só o despenalizaba en dous supostos. O primeiro sería o menoscabo importante e duradeiro para a saúde física e psíquica da muller. O outro era a violación. Eliminaba o suposto de malformación que estaba recollido na lei de 1985.
A reforma era unha das promesas electorais dos populares. Porén levantou feridas, mesmo dentro do PP. Baróns e pezas relevantes como Monago ou Celia Villalobos mostráronse contrarios.

As rúas eran un fervedoiro de protestas contra esta involución nos dereitos femininos. Rajoy non se complicou e instalouse no laissez-faire ata o último momento antes da aprobación, no que anunciou a retirada da lei. Posteriormente Gallardón puxo punto final á súa carreira política.

Pero a guerra non está gañada. O Partido Popular segue dándolle voltas á posible reforma, sempre cun endurecemento das condicións da anterior lei socialista. Tal como conta hoxe El Diario, tanto o ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, como o portavoz do PP no congreso, Rafael Hernando, afirmaron que "o aborto non é un dereito". Queda por ver en que remata a guerra e que papel xogan os movementos sociais e a oposición.

Stieg Larsson poñíalle o título ao seu best-seller Os homes que non amaban as mulleres porque, entre outras cousas, relataba unha fonda trama de misoxinia. Con mudar un pouco o título describimos as políticas do Goberno nos últimos anos. Puidera ser que a afirmación de que no Estado Español vivimos unha feminización da pobreza soara aleatoria. Porén, coas reformas do Partido Popular cúmprense os eixos fundamentais: vulneración dos dereitos, precarización do traballo e abdicación do Estado das súas funcións. 

Manifestación polo dereito ao aborto en Vigo © PGDA

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.