BNG e Anova amosarán na prisión o seu "apoio" a Oriol Junqueras, ex-vicepresidente da Generalitat e líder de ERC, encarcerado desde hai un ano de maneira preventiva e acusado de rebelión xunto a outros cargos políticos cataláns pola Fiscalía, quen lle pide 25 anos de cadea. Ana Pontón, portavoz do Bloque, visitará o cárcere de Lledoners o vindeiro luns 5 de novembro xunto á eurodeputada Ana Miranda, que xa visitara o seu ex-compañeiro na Eurocámara en setembro. Pola súa banda, o fundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, e o seu portavoz nacional, Antón Sánchez, visitarán a Junqueras e tamén o ex-conseller Raül Romeva o 10 de decembro.
Ana Pontón visitará a Junqueras este luns 5 de novembro; Beiras e Sánchez acudirán á prisión de Lledoners o 10 de decembro e estarán tamén con Romeva
Para Ana Pontón, a situación de Junqueras e do "resto de presos e presas políticas cataláns" é produto da “profunda deriva autoritaria do Estado español” que "persegue e encarcera ou exilia a políticos, sindicalistas, activistas, tuiteiros ao tempo que permite a apoloxía franquista nos medios de comunicación e ataques á diversidade lingüística do Estado".
A portavoz nacional do BNG manifesta que o sentir maioritario da sociedade é de “fastío e indignación” dunha realidade á que é necesario responder colectivamente cun “basta xa, ben alto e claro”. "É o momento", reitera Pontón, de “plantarlle cara ao neofraquismo e desenmascarar a imaxe de demócratas dos Salvinis e Bolsonaros españois”.
"É o momento de plantarlle cara ao neofranquismo e desenmascarar a imaxe de demócratas dos Salvinis e Bolsonaros españois", di Pontón
Anova, pola súa banda, asegurou nun comunicado que pretende mostrar a "solidariedade" da formación cos "dirixentes políticos de formacións legais presos" para que "poidan realizar o traballo político nas rúas e nas prazas e tamén nas institucións nas que foron electos", como é o caso do dirixente de ERC Oriol Junqueras. “Entendemos que o feito de que sigan en prisión preventiva é unha mostra máis da deriva autoritaria que atravesa aos poderes do Estado español diante das demandas democráticas postas enriba da mesa por boa parte da sociedade catalá”, di.
“O Estado español debera recoñecer antes ou despois o que fixeron xa Canadá ou Reino Unido: o de entender que os conflitos políticos no século XXI teñen que dirimirse abrindo as urnas, e non poñendo freos á democracia”, sinala Anova. Ademais, lembra que imaxes como a das cargas policiais nos colexios electorais no 1-O de 2017 forman parte "da historia máis negra do Réxime do 78" e “son impropias de calquera democracia”.
BNG e Anova denuncian "a incapacidade do Goberno central para buscar e acordar solucións políticas a un conflito exclusivamente político"
No mesmo sentido se expresa Ana Pontón, que cre que o feito de que Junqueras, Forcadell, Romeva e o resto de políticos cataláns continúen presos, un ano despois do referendo do 1-O, constata "a incapacidade do Goberno central para buscar e acordar solucións políticas a un conflito exclusivamente político", a diferenza do que acontece "noutros Estados con maior tradición e calidade democrática". A líder do BNG afirma que o Estado español actúa "desde a persecución das ideas, e contra a cultura do acordo e do diálogo como o que practicou Canadá co Quebec, o Reino Unido con Escocia ou o vindeiro ano Dinamarca coas Illas Feroe". O problema de fondo para a portavoz do BNG é un: “O Estado español négase a asumir o seu carácter plurinacional e a actuar en consecuencia, recoñecendo o dereito a decidir".