Os movementos sociais, "a proba do algodón da esquerda"

David Fernández, xunto a Antón Sánchez no coloquio CC-BY-SA Praza Pública

"Respectar os movementos sociais é a proba do algodón de calquera esquerda". David Fernández reflexionou así sobre a complicada conxugación da loita social na rúa e no movemento asociativo co traballo político nas estruturas dos partidos e das institucións. Falou este catalán, deputado da CUP no Parlament e coñecedor como poucos desa loita social allea ao sistema establecido na que traballou -e traballa- desde hai anos. Político, activista, xornalista e protagonista de portadas por erguer un zapato contra Rodrigo Rato ou abrazar -desde as antípodas- ao president Artur Mas tras o éxito da consulta do 9N en Catalunya, ten claros os riscos pero tamén as vantaxes de implicarse na política que, cre, "está pensada das elites e para as elites" e na que insiste en que as institucións "só son un instrumento, unha ferramenta máis". 

"A politica está pensada desde as elites para as elites; o Parlamento só é unha ferramenta máis"

Convidado por Anova, mantivo  un coloquio con representantes de diferentes movementos sociais galegos -da Coruña pero tamén doutras cidades como Vigo- nun encontro celebrado na sede da Marea Atlántica. Defensor e figura referencial da loita social, da esquerda independentista e das estruturas asociativas e cooperativas no seu país, David Fernández entende que "desde hai algún tempo, tal e como podemos comprobar arestora, hai un sobreexceso de volta á institución". Dio quen é a principal cabeza visible da Candidatura d'Unitat Popular (CUP), que deu o salto ao Parlament logo de anos de traballo municipalista, "a base" da súa formación, que nos concellos apostou "por dar voz aos sen voz". 

"Entendemos o municipalismo como un dique de contención, de autodefensa democrática contra o fuuro que nos queren impoñer e onde a autoorganización é clave", reflexionou Fernández, que loita tamén desde o Parlamento autonómico por acabar con esa que considera "a gran vitoria do neoliberalismo: a ruptura do vínculo social comunitario, a instauración dese individualismo visceral". Por iso, pon tamén exemplos de avances importantísimos impulsados desde a Cámara catalá e na que tivo moito que ver a irrupción de forzas como a CUP: a prohibición do fracking -que logo foi tombada en Madrid- ou unha pioneira lei contra a homofobia. 

"Todo isto que se acada non é grazas á CUP, senón que somos un instrumento máis e o Parlament é unha ferramenta máis tamén; é imposible entender estes avances sen a loita social de todos os movementos desde hai anos", insiste David Fernández, que é consciente do risco que estes mesmos movementos sociais -e as súas expresións políticas máis achegadas- corren ao inserirse nas institucións das que sempre os tiveron tan afastados. 

"Oo menosprezo á loita social é un dos grandes problemas dos partidos da esquerda", reflexiona David Fernández

"Moitos movementos sociais morren na institución e o debilitamento destes movementos é tamén o debilitamento da política", engade quen considera que "o menosprezo á loita social é un dos grandes problemas dos partidos da esquerda", xa desde a Transición, que tamén foi "a monitorización do movemento veciñal e sindical". "A socialdemocracia utiliza os movementos sociais como escaleira para chegar ao poder e logo bótanos a escaleira enriba", di en primeira persoa quen sabe por experiencia o "uso" que a esquerda máis tradicional fixo da loita fóra dos parlamentos e das administracións. 

"A socialdemocracia utiliza os movementos sociais como escaleira para chegar ao poder e logo bótanos a escaleira enriba"

"A proba do algodón para a esquerda transformadora é tamén o respecto á autonomía dos movementos sociais; a discrepancia é lóxica, pero aí adoitan tamén a vir os problemas", explicou David Fernández ante as preguntas e conversas con representantes de diferentes loitas en Galicia. "Cando o movemento social entra na institución, quen queda regando o xardín?", insistiu ao reflexionar sobre a chegada -cada vez máis evidente- de reivindicacións da rúa aos corredores da política tradicional. 

"Os movementos sociais tamén teñen o risco da elitización e do snobismo, de quedarse dentro de si mesmo", advertiu tamén quen cre que "xera máis acción social unha acción concreta que dez mil discursos". Porque David Fernández está no Parlamento, pero ten claro de onde vén e onde está o seu sitio. "O poder, de perto, é moito máis perverso que visto de lonxe". 

 

A represión aos movementos sociais

No coloquio, o líder da CUP tratou tamén a represión a estes movementos sociais, unha represión vista desde Catalunya, onde casos como os de Esther Quintana ou os que sacou á luz o documental Ciutat Morta están de plena actualidade. "A única alternativa á represión é a solidariedade", asegurou Fernández, que aposta por "desobedecer un sistema inxusto e desigual" e que aposta por empezar esa desobediencia nun mesmo. "O único territorio liberado é a nosa vida cotiá", engadiu quen aclara que accede á enerxía a través dunha cooperativa de economía social catalá, un dos numerosos exemplos que citou de alternativas "alleas ao sistema".

"Hai que desobedecer un sistema inxusto e desigual", di o deputado da CUP no Parlament

"Todo ten que ver co neoliberalismo: orde, máis seguridade e máis liberdade de mercado", asegura quen entende que "estamos nunha guerra económica" que, como dixo Warren Buffett, "están gañando eles". A represión, para Fernández, é unha derivada máis do sistema económico e baséase en tres doutrinas penais básicas e restritivas do século XX "que implosioaron no Estado español": o dereito penal de inimigo, "que lexitima o estado de excepción permanente"; a doutrina de seguridade nacional, "que sitúa a cidadanía como inimigo interior"; e a tolerancia cero.

"O seu obxectivo é castigar o activismo e facelo máis feble", insistiu sobre unha represión da que, dixo, hai que saber saír de varias formas. "Hai que saber saltar do campo de batalla onde nos queren meter", aclarou, advertindo de centrar o debate na violencia policial ou institucional e obviar o obxectivo final dos movementos sociais. 

David Fernández, xunto a Antón Sánchez no coloquio CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.