Os partidos apuran as derradeiras horas de campaña coa vista posta no domingo

Esta noite péchase a campaña electoral, dando paso á xornada de reflexión. Dominio Público Praza Pública

Este venres pola noite finaliza a campaña electoral, dando paso á xornada de reflexión e ás votacións do domingo, que se presentan con máis incógnitas e voto non decidido que nunca. Foi unha campaña estraña, tanto pola sucesión de convocatorias electorais (dentro de 13 días comezará a campaña das eleccións municipais e europeas), como pola coincidencia coas xornadas festivas da Semana Santa, como pola incógnita do anunciado asceso da ultradereita de VOX.

As distintas formacións políticas están a realizar ao longo deste venres os seus derradeiros actos e lanzando as súas derradeiras mensaxes, coa vista posta xa nas votacións do día 28. A Coruña, Ourense, Vigo e Madrid son os escenarios dos principais actos deste venres de PP, PSdeG-PSOE, En Común, BNG e En Marea, que apuran as últimas horas de campaña para tentar convencer os votantes indecisos, a abstencionistas e a quen dubidan entre varias opcións.

Alberto Núñez Feijóo, este venres en Lugo © PPdeG

O PP galego pechará a campaña en Madrid, no mitin central que o partido que lidera Pablo Casado celebrará no WiZink Center a partir das 20 horas. No acto participará Alberto Núñez Feijóo, que este venres interveu en senllos actos en Lugo e Vigo, onde a formación levou a cabo un mitin. Alí, o presidente da Xunta pediu o voto para o PP para "garantir" unha España "unida e constitucional" na que se poidan "falar libremente distintas linguas".

O PSdeG-PSOE pechará a campaña cun mitin en Ourense, no que intervirá o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero. Será na Asociación Aixiña a partir das 20.30 horas. Este xoves Caballero fixo “un chamamento a todas as galegas e os galegos que non queren ver a Vox dirixindo o rumbo de España dende o goberno”. O secretario xeral do PSdeG-PSOE participou en actos en Ribadavia e Santiago de Compostela, onde estivo acompañado pola presidenta do PSOE, Cristina Narbona.

Acto do PSdeG-PSOE en Ribadavia © PSdeG

En Común celebrou este venres actos na Coruña e Santiago de Compostela, neste caso cun encontro co estudantado universitario no que participaron Antón Gómez Reino, Yolanda Díaz e Juan Carlos Monedero, que destacou que o momento político actual obedece ao mesmo movemento de "acción-reacción" que se produciu moitas veces ao longo da historia entre os avances da esquerda e a posterior reacción da dereita, neste caso personificada por VOX. O peche de campaña terá lugar na Sala Filomatic da cidade herculina a partir das 20.30 horas

Acto de En Común Unidas Podemos na Facultade de Ciencias Políticas da USC © En Común

O BNG pechará a campaña na Coruña, cun mitin ás 20 horas no Teatro Rosalía, no que participará a portavoz nacional Ana Pontón, o candidato ao Congreso pola provincia,  Nestor Rego, e outros candidatos como María Xosé Bravo, Miguel Pernas e Suso de Toro.

Pola súa banda, o Bloque lanzou un vídeo final de campaña que destaca que “Somos un gran país e non temos que renunciar a nada, podemos ter voz propia e frear á dereita”. “Temos a oportunidade de recuperar peso político no Estado e que os nosos problemas empecen a ter solucións e tamén e ser un muro de contención contra a dereita que só propón medo, crispación e unha volta ao pasado”, engade Ana Pontón, que protagoniza o vídeo.

Finalmente, En Marea pechará a súa campaña en Vigo, cun mitin no Museo do Mar no que participarán Luís Villares, Iris Malvido, Ana Seijas, Cristina Pérez e Iván Olmos. Este venres pola mañá o propio Villares, xunto con Ana Seijas, Mariló Candedo, Alba Nogueira e Adrián Dios mantiveron unha xuntanza con investigadores precarios da Asamblea de Investigadoras da USC. A formación propuxo medidas para "achegar estabilidade e condicións salariais dignas ao persoal investigador das universidades" e comprometeuse a traballar para "duplicar o orzamento en I+D+i".

Os e as representantes de En Marea, á saída da súa xuntanza con investigadoras precarias © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.