Máis interrogantes sobre o novo copagamento de medicamentos. A catro días de que entre en vigor o Real Decreto Lei que establece, entre outros aspectos, a fin do pagamento só vía impostos da prestación farmacéutica para os pensionistas o Goberno galego vén de introducir un novo elemento de incerteza. Na xornada en que o Consello Interterritorial de Saúde se reúne para abordar de novo o recorte e, ao tempo, para retirar do financiamento público máis de 400 medicamentos de uso común, o presidente da Xunta aproveitou unha pregunta parlamentaria do secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, para asegurar que en Galicia ningunha persoa que perciba unha pensión de xubilación terá que "adiantar" máis de oito euros.
En virtude do establecido polo Ministerio de Sanidade os receptores de pensións pasarán a ter que achegar o 10% dos seus medicamentos con límites mensuais de 8 euros ou 18 euros, en función da renda. Pero o departamento de Ana Mato prevé que eses límites se apliquen a posteriori, isto é, tendo que ser a cidadanía a que adiante o 10% de toda a medicación que precise. Despois, de maneira "trimestral ou semestral", devolveríasenlles os cartos correspondentes á diferenza. Mentres que o Goberno vasco xa asegurou que non aplicará o novo copagamento e o andaluz apostou por limitalo, Alberto Núñez Feijóo asegura agora que "ningún pensionista terá que adiantar os seus cartos" porque "cando pague 8 euros, automaticamente non se pagará nin un euro máis".
Vázquez insta a Feijóo a levar o novo copagamento ante o Tribunal Constitucional, "como Euskadi e Andalucía"
O xefe do Executivo respondía deste xeito á pregunta de Vázquez que, na sesión de control, o instou a facerlle fronte ao Real Decreto pola vía do "recurso ante o Tribunal Constitucional, como Andalucía e Euskadi". "Se lle fan falta cartos, imposto á banca para pagar o que ía pagar cos pensionistas", que "non son os responsables desta crise". "Non veña hoxe, como fai sempre, co anuncio dunha moto nova", anticipaba o socialista antes do anuncio de Feijóo. O único sistema que "beneficia os pensionistas" é "non pagar os medicamentos, mire que doado", nun contexto no que "o problema non é o pensionista que non enferma", senón "o pensionista polimedicado, que cobra 609 euros ao mes e consome 200 en medicamentos". "Ao máis feble dos febles é ao que vostede lle vai aplicar o 10%".
"Sexa valente e deixe de enganar a xente", retou o líder do PSdeG. "Dígalle a Galicia que imos defender o elo máis feble da cadea social deste país", abonda, nun contexto no que Feijóo debe ser "presidente de Galicia" e "defender os pensionistas" no canto de "dobrar o xeonllo ante Génova e Rajoy". Por este motivo, di, no caso de que o PSdeG teña "a responsabilidade de gobernar Galicia" despois das vindeiras eleccións "comprometémonos a que os pensionistas non van pagar os seus medicamentos". "O que tiña que facer vostedes, farémolo nós", conclúe.
Pero segundo Feijóo as palabras de Vázquez non resistirían "un detector de mentiras". "Vén dicir que no Consello Interterritorial se van sacar fármacos e que isto o fai o PP -os populares teñen maioría absoluta nese órgano-" pero, en opinión do presidente, os socialistas galegos deberan ter en conta que o Goberno de Felipe González tamén retirou medicamentos do financiamento público e "en 1998" tamén se fixo -daquela xa gobernaba José María Aznar. "Non traballamos nin para mentir nin para enganar", di Feijóo, para asegurar a continuación que "a media" do que pagarán os pensionistas galegos "será de 4,75 euros" ao mes. A resposta chegará, en calquera caso, a partir do día 1.