O presidente da Xunta volve incendiar o debate sanitario. Como xa fixera en decembro nunha entrevista na canle Intereconomía a pasada fin de semana Alberto Núñez Feijóo volveu deixar caer, desta volta dende as páxinas do diario ABC, o que, na súa opinión, sería un camiño para aforrar nos servizos públicos de saúde. Para o xefe do Goberno galego "dar de comer" aos pacientes ou "facerlles a cama" simplemente "non é sanidade", dado que estes servizos non son "o mesmo" que "operalo do corazón". A controvertida análise de Feijóo, sumada á súa notable experiencia na xestión sanitaria -foi secretario xeral do Sergas e presidente do Insalud- irritou notablemente a oposición parlamentaria e os grupos en defensa da sanidade pública nun rexeitamento que este luns resumía o voceiro parlamentario do PSdeG, Abel Losada, en cuxa opinión as afirmacións do líder conservador supoñen "unha estupidez inhumana".
Feijóo, di Losada, "debe desculparse ante os pacientes que están ingresados nos hospitais galegos, moitos con enfermidades graves", en cuxos casos "pagar a cama" ou a alimentación "forma parte da asistencia sanitaria". Pero, á marxe das propias declaracións, o parlamentario socialista non ve casual a reiteración de certas análises. "Feijóo leva tempo preparando o terreo para un brutal negocio na sanidade pública galega, empezou co hospital de Vigo", asegura, lembrando ademais a participación na súa construción público-privada de empresas como "Acciona e Bankia". "Habería que preguntarlles como lles vai", ironiza, en referencia á nacionalización de Bankia malia á súa participación "en procesos de privatización que significan negocio e dividendos".
Precisamente na diferenza de tratamento entre a entidade bancaria ata hai pouco dirixida por Rodrigo Rato e os servizos públicos fundamentais detense o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera. Para o nacionalista supón un verdadeiro "escándalo" que se "utilicen recursos de todos para socializar as perdas do sector financeiro, mentres os beneficios irán ao ámbito privado" e, ao tempo, Feijóo "diga que non se pode entender que é sanidade pública" prestar servizos como a alimentación nos hospitais. Jorquera dá tamén en concluír que o presidente "está preparando o terreo para novos recortes en servizos fundamentais" que van "castigar os cidadáns, en particular os máis febles da sociedade, os enfermos", con "novas formas de repagamento".
"É inconcibible que un presidente diga semellante barbaridade", din dende a Asociación en Defensa da Sanidade Pública
Fóra do ámbito estritamente político onde as verbas do xefe do Goberno galego causaron unha maior indignación foi no ámbito propiamente sanitario. "Tómannos por parvos", resume o voceiro da Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, Manuel Martín, que en declaracións a Praza Pública considera "inconcibible, inaceptable e inasumible" que "un presidente diga semellante barbaridade". "Unha hospitalización é un conxunto de actividades para tratar a saúde con coidados de todo tipo" que "inclúen o encamamento, a prescrición de tratamentos", a aplicación de "goteiros con medicamentos" a realización de radiografías ou mesmo intervencións cirúrxicas. "Pero para todo iso loxicamente" o paciente "ten que ser alimentado de acordo coas características da súa enfermidade" e "haberá que lavalo, porque as condicións hixiénicas permiten manter a saúde", evidencia Martín. "Todo forma parte dos coidados hospitalarios", engade.
Neste contexto dende a asociación advirten de que "estes individuos que nos gobernan están tentando cobrar as persoas en situación de maior necesidade, cando están enfermas", impoñendo co repagamento "impostos que gravan a enfermidade" e abrindo a porta a "delirantes situacións de desigualdade". "Pode xerar situacións nas que nunha cama estea un señor pudente que pode pagar a comida e, na do lado, unha persoa con pouca capacidade económica á que a súa familia lle leva unha friameira porque non ten recursos económicos". "É unha absoluta necidade dicir que a alimentación do paciente e a súa hixiente non forman parte dos coidados hospitalarios", máis aínda, di, facelo mentres "lle dan 20.000 millóns a unha empresa desvalixada" polos seus xestores, afirma, en referencia a Bankia.
Xustificación dende o PP
O PP chama a interpretar a Feijóo "no contexto do debate da sostibilidade do sistema sanitario"
No medio da treboada de críticas o encargado de defender as declaracións do presidente foi o voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, que chama a "interpretar esas declaracións no contexto do debate da sostibilidade do sistema sanitario, que en Galicia e en España é público". "É o único país, xunto con Gran Bretaña e Dinamarca, que non ten ningún mecanismo de copagamento na asistencia", advirte. Partindo desta consideración inicial Puy coida que "nos servizos adxacentes" á asistencia sanitaria "o que se trata é de conseguir un bo servizo ao menor custo". "Todas as autoridades autonómicas están reflexionando sobre a sostibilidade do sistema" e "hai comunidades que xa teñen adoptado medidas que en galicia, grazas a unha boa xestión, non houbo que tomar", caso por exemplo do "cobramento por receitas ou o peche de hospitais". "Estamos xestionando ben sen copagamento, o cal non quere dicir que España no seu conxunto non teña que reflexionar sobre a sostibilidade do sistema sanitario", advirte, nun contexto no que "hai unha serie de servizos que se prestan no interior do hospital" e que xa "corren por parte do paciente", caso por exemplo de "ver a televisión" nos cuartos hospitalarios.