Nos últimos meses, a ministra de Sanidade, Igualdade e Servizos Sociais, Ana Mato, non deixou de estar presente en todas as portadas. A imputación do seu exmarido, Jesús Sepúlveda, na trama Gürtel situou a ministra no epicentro do debate. E os máis recentes recortes en materia de Sanidade, considerados máis ideolóxicos que económicos, tampouco axudaron a acougar os ánimos.
A reprodución asistida, sometida a "razóns médicas"
A partir de agora, ser muller estéril será requisito fundamental para o acceso a un tratamento de reprodución asistida. E así o indicou este martes a titular de Sanidade tras o Consello Interterritorial cos delegados autonómicos cos que fixou a nova carteira básica de servizos sanitarios. Segundo o acordado, serán os problemas médicos os que determinen se unha muller pode acceder ou non a estes servizos. Quedan fóra do financiamento público as mulleres sen parella ou as lesbianas que, aínda que sexan fértiles, necesitan destes tratamentos para poder ser nais.
A incorporación do requisito de esterilidade na carteira de servizos básicos provocou o rexeitamento dalgunhas comunidades autónomas coma o País Vasco, Andalucía, Asturias e Canarias, ademais de diversas asociacións de homosexuais. Segundo Mariano Sánchez Bayle, portavoz da Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública, os tratamentos de reprodución asistida teñen un custo que oscila entre os 600 e 6.000 euros por ciclo, segundo a técnica. Cantidades que poden resultar difíciles de asumir para unha persoa soa.
A retirada da tarxeta sanitaria a inmigrantes sen papeis
Os inmigrantes foron os peor parados cos recortes do Ministerio. En setembro do ano pasado facíase efectiva a retirada da tarxeta sanitaria aos 153.000 inmigrantes sen residencia legal en España. Segundo a normativa en vigor, só terán acceso ás urxencias, a maternidade e a atención infantil até os 18 anos. Catro comunidades autónomas -Andalucía, País Vasco, Asturias e Canarias-seguiron atendendo sen restricións a estes inmigrantes. O caso do senegalés Alpha Pam, privado do dereito á asistencia sanitaria e falecido por tuberculose en Mallorca, converteuse nun símbolo das consecuencias que a exclusión dos inmigrantes sen papeis da Sanidade Pública está a deixar ao seu paso.
O machadazo en dependencia
As axudas á dependencia tamén foron obxecto do recortazo de Mato. Seis anos despois da súa entrada en vigor, o desenvolvemento da Lei de Dependencia retrocedeu moi seriamente. Tras varios semestres de recortes sucesivos, o Goberno asestou o machadazo definitivo en maio, cando colgou na súa web o Plan Nacional de Reformas 2013 sen informar previamente por outra canle. Deste xeito revelouse o compromiso adquirido coa Unión Europea de recortar 1.108 millóns de euros en dependencia. Unha cantidade que é superior á que Administración central ten orzada para este ano (1.087 millóns). A Coordinadora Estatal das Plataformas en Defensa da Lei de Dependencia denunciou o pasado 19 de xullo fronte ao Ministerio de Sanidade a situación de "gravidade e agonía" que está a sufrir o sector.
Maiores de 26 sen cotización
Tras a aprobación do Real Decreto que deixaba sen asistencia sanitaria os españois maiores de 26 anos que non traballasen ou cotizasen na Seguridade Social -o mesmo que establecía a retirada da cobertura médica aos inmigrantes sen permiso de residencia-, Mato apresurouse a negar que o paraugas da Sanidade fóra deixar de cubrir estas persoas. Naquel momento, a ministra afirmou que "ningún español ía deixar de ter tarxeta sanitaria por cartos".
Con todo, esta reforma sanitaria é clara. Só terán dereito a cobertura médica a cargo do Sistema Público de Saúde os chamados asegurados: traballadores, pensionistas, desempregados con prestación ou que xa a esgotaron e se atopen en procura activa de emprego. O resto, sempre maiores de 26 anos, "poderán ostentar a condición de asegurado sempre que acrediten que non superan o límite de ingresos determinado regulamentariamente". Este teito fixouse dous meses despois en 100.000 euros anuais.
As pílulas anticonceptivas máis modernas, sen financiamento
O próximo 1 de agosto é a data marcada polo Goberno para deixar de financiar oito pílulas anticonceptivas de terceira xeración que estaban incorporadas no paraugas do financiamento público de 2011. Os anticonceptivos hormonais máis modernos -como Dretine, Drosure, Drosiane, Liofora ou Yira, cuxo prezo oscila os 10 euros ao mes- pasarán a ser de pago íntegro para o millón de mulleres que os utilizan en España. Tras o anuncio desta determinación a principios de xullo, o Ministerio de Sanidade aludiu a unha necesaria "optimización de recursos" para acalar as voces que relacionaban esta decisión con motivos ideolóxicos.
As políticas de igualdade non se salvan do recortazo
A tesoira do Goberno tampouco tivo piedade coa igualdade e as vítimas da violencia de xénero. As políticas de igualdade reduciron neste ano un 24% o seu orzamento e os recursos para combater a violencia machista diminuíron un 7%. A este tallo hai que sumar outro 22% en 2012, ademais dos recortes que moitas comunidades autónomas están a aplicar a este tipo de servizos.