Os senadores chamaron 18.000 veces en 2011 a liñas 902 dende os móbiles oficiais

Treito do documento incluído no prego do contrato © Senado

É unha das institucións máis cuestionadas do Estado e a súa reforma é unha das materias que semellan permanentemente adiadas. A Constitución establece que é a Cámara de representación territorial e ata o momento nunca chegou a actuar como tal; dubídase da súa utilidade e, en tempos de duros recortes, cada vez son máis as voces que se preguntan por que cómpre seguir achegando recursos públicos para o Senado. Mentres isto acontece a Cámara Alta continúa a súa actividade normal, tamén no que atinxe á contratación administrativa, desta volta no tocante á telefonía móbil. Para realizar este contrato a Presidencia da institución tivo que elaborar un prego de condicións no que detalla o uso que as súas señorías lles dan aos seus teléfonos. E nel fica reflectida a tendencia dos senadores e senadoras cara aos servizos de tarificación máis elevada.

O custo do uso de liñas especiais, entre chamadas e SMS, rolda os 55.000 euros

Segundo consta neste documento ao longo do ano 2011 o Senado tivo contratadas 440 liñas móbiles de voz e datos coa compañía Vodafone, das cales 300 son de "perfil tipo 1" -o senado ten 266 membros-, con acceso a un servizo telefónico completo e de datos e as restantes, de "tipo 2", con funcións máis limitadas. Entre os dous perfís os teléfonos da institución acumularon ao longo de 2011 un total de 17.754 chamadas a "servizos de tarificación adicional", isto é, liñas como as comezadas por 901 ou 902. Estas chamadas prolongáronse durante 49.920 minutos o que, tendo en conta o custo deste tipo de chamadas -uns 49 céntimos o minuto, máis o establecemento de chamada duns 15 céntimos, máis o IVE-, dá lugar a un gasto de 32.000 euros.

Pero os servizos de tarificación especial empregados dende os móbiles do Senado non foron só de voz. A mesma documentación recolle a abundancia de mensaxes curtas (SMS) "especiais", as consideradas premium, que foron emitidas dende estes teléfonos. Concretamente, estas SMS que utilizan servizos como as descargas de música, os xogos ou os concursos televisivos, entre outros, foron utilizadas en 15.857 ocasións, o que suporía un gasto de arredor de 22.400 euros -as tarifas da compañía sinalan que o importe destas mensaxes é de 1,20 euros máis IVE-. Deste xeito, é posible concluír que, entre chamadas e mensaxes, a tarifa telefónica do Senado engordou nuns 55.000 euros só pola utilización de servizos de tarificación especial.

Características dos novos teléfonos

A empresa adxudicataria terá que renovar todos os móbiles do Senado "aos 24 meses dende o inicio do contrato"

Estes datos recóllense nunha documentación que tamén inclúe os requerimentos que o Senado fai para a súa nova contratación de telefonía móbil. Entre eles figura que as 300 liñas de "perfil 1" seguirán tendo acceso a "teléfonos 901 e 902", así como servizos de sms, mensaxes multimedia e tráfico de datos "mínimo garantido" de 500 megas por liña "sen limitación de velocidade". Estas prestacións ofreceranse en "terminal smartphone de gama media/alta" -por exemplo, un Iphone- que estará "enfocado a un uso preferentemente profesional". "Este tipo de terminal deberá ir acompañado" de, cando menos, "cargador, auriculares, cable de conexión a PC e memoria flash ou SD de 8 Gb". Para o perfil "tipo 2" o Senado pide servizos máis simples, non especifica que requira acceso a liñas 902 e limita o consumo de datos a 150 megas mensuais. Os terminais tamén terán "prestacións básicas", enfocadas "principalmente a un uso telefónico, aínda que poida realizar conexións con datos para acceso a Internet e sincronización do correo electrónico do Senado".

Ademais disto a empresa adxudicataria do contrato terá que poñer á disposición do Senado "un stock mínimo dun 5% de terminais de cada un dos tipos previstos", isto é, 15 móbiles "tipo 1" e sete de "tipo 2" para "permitir a substitución rápida ou activación de novas liñas". Ao tempo, a Cámara reclama tamén que os licitadores "contemplen nas súas propostas un plan de renovación tecnolóxica baseado na evolución dos terminais ofertados ou doutros de características similares ou superiores" que "estean no catálogo da empresa, sen que isto teña un coste engadido". "En todo caso", advirte, "como mínimo procederase á renovación total dos terminais, a petición do Senado, aos 24 meses dende o inicio do contrato".

Sesión solemne do Senado, na pasada lexislatura © Senado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.