Os servizos xurídicos da Deputación estudarán se o alcalde de Baralla vulnerou a Lei de memoria histórica

Manuel Martínez, Lara Méndez e Antonio Veiga, voceiros de PSdeG e BNG © Deputación de Lugo

Os servizos xurídicos da Deputación de Lugo estudarán se as declaracións realizadas hai unhas semanas polo alcalde de Baralla, Manuel González Capón, xustificando os crimes do franquismo, vulneran a Lei de memoria histórica. Esta decisión adoptouse esta mañá no marco dunha reunión extraordinaria da xunta de portavoces do pleno do ente provincial.

O goberno provincial de PSdeG-PSOE e BNG incluirá unha proposta de reprobación do rexedor popular no vindeiro pleno da Deputación, que se celebrará en setembro

A xuntanza durou menos de 15 minutos, pois a voceira popular, Elena Candia, abandonou a sala denunciando "falta de respecto" por parte do portavoz socialista e alcalde de Becerreá Manuel Martínez. O goberno provincial de PSdeG-PSOE e BNG incluirá unha proposta de reprobación do rexedor popular no vindeiro pleno da Deputación, que se celebrará en setembro.

Os representantes do PP non fixeron declaracións ao respecto, pero nun comunicado de prensa indicaron que "se o grupo de goberno decide levar esta proposta a un pleno", os populares actuarán "como corresponde". Tampouco aclararon se o Partido Popular “condena” os crimes do franquismo, como lle esixían socialistas e nacionalistas, e Candia limitouse a dicir que o seu partido ten "unha postura clara", de "respecto e solidariedade coas vítimas do franquismo" e que as declaracións do alcalde de Baralla foron "desafortunadas". Tamén xustificou que estas se produciron durante unha “discusión dentro do contexto político”.

O socialista Manuel Martínez cualificou o comportamento de Candia como un "acto de covardía política”

O socialista Manuel Martínez cualificou o comportamento de Candia como un "acto de covardía política” e sinalou que “esta situación nace porque o señor Feijóo utilizou políticamente o terrorismo, presentando unha moción en todos os Concellos, para debatir o que debería facer no Parlamento”. Martínez tamén se referiu ao “franquismo ideolóxico” de moitos dos alcaldes do PP.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación provincial, Antón Veiga (BNG), acusou a Elena Candia de "volver faltar ao respecto ás vítimas galegas da ditadura franquista". Para Veiga, a representante popular "traía perfectamente deseñada a súa estratexia, para non ter que pronunciarse". O Partido Popular ten que ser claro e contundente na condena ao franquismo, dado que polo que respecta a esta Deputación o PP nunca foi claro e contundente á hora de condenar á ditadura", sostivo. E lembrou que o pasado ano, cando o goberno provincial decidiu retirarlle honras a Franco, a Pilar Primo de Rivera e á Falanxe, o PP "non tivo a valentía e a honradez de apoiar esta proposta".

Os voceiros de ambos grupos provinciais cualificaron as declaracións de González Capón de “auténtica barbaridade e un ataque as vítimas do franquismo, que só na provincia de Lugo superan as 3.000 persoas”. Do mesmo xeito, insistiron en que “o apoio ó xenocidio que representou o franquismo é totalmente contrario aos principios democráticos dunha sociedade como a actual, ademais de atacar principios morais básicos como a defensa da vida ou a condena á violencia”.

 

"Apoloxía do terrorismo"

Xosé Manuel Becerra (BNG) cre que as afirmacións do alcalde de Baralla poderían ser consideradas como apoloxía do terrorismo ou do xenocidio fascista

Pola súa banda, o voceiro do BNG no concello de Baralla, Xosé Manuel Becerra, criticou "a hipocresía do PP, do señor Barreiro e do señor Feijoo por  excusarse nunhas desculpas a destempo para tratar de tapar unhas afirmacións tan graves". Para o BNG é “inadmisible que o PP non teña obrigado a dimitir a González Capón ” xa que, segundo Becerra “a gravidade dunha postura como a que evidenciou o alcalde de Baralla non permite que siga nun cargo institucional da democracia unha persoa que defende as actuacións dun réxime totalitario”. Becerra afirma que "en política, en calquera situación, a petición de desculpas implica necesariamente a asunción de responsabilidades políticas". No caso do alcalde de Baralla, para o BNG, esta asunción de responsabilidades implica a demisión inmediata: “un alcalde que fai unhas afirmacións dese tipo non pode seguir nin un minuto máis no sillón da alcaldía”, dixo.

Xosé Manuel Becerra cre que as afirmacións do alcalde de Baralla poderían ser consideradas como apoloxía do terrorismo ou do xenocidio fascista, e lembra que este tipo de actuacións están penadas pola lei noutros paises europeos e no propio estado español. Para o BNG “non é só a sociedade galega e os veciños e os veciñas de Baralla que viviron, sufriron ou padeceron a represión franquista os que reclaman unha reparación por estes feitos. A sociedade en xeral esixe unha actitude coherente do partido popular que implica a demisión do alcalde". 

Manuel J. González Capón, alcalde de Baralla © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.