Tres técnicos de AEOPAS (Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento), Jaime Morell, Luis Babiano e Emilio Chacón, visitaron na tarde deste luns a Estación Depuradora de Augas Residuais de Ferrol, acompañados do alcalde da cidade, Jorge Suárez, e de dous concelleiros. Na visita, os representantes da entidade, constataron que a EDAR non está a depurar as augas, e de igual xeito foron testemuña dalgunhas deficiencias estruturais que presenta a instalación: humidades, problemas de impermeabilización e algunha fisura. Porén, como destacou Jaime Morell, secretario xeral de AEOPAS, a planta podería entrar en funcionamento case de inmediato, mesmo co escaso caudal que está a recibir. Morell salientou igualmente que a instalación é "tecnoloxicamente" de primeiro nivel.
O xestor de Emafesa negouse a facilitarlle aos representantes do Concello información técnica sobre o funcionamento da planta
Para Morell, "resulta estraño que nin a Confederación Hidrográfica nin Augas que Galicia, que recepcionaron a planta, non comprobasen o seu funcionamento e non se amañasen os pequenos problemas estruturais que presenta. É unha responsabilidade da empresa construtora e da dirección de obra que a recepcionou, e haberá que reclamarlles esta responsabilidade".
Pola súa banda, Jorge Suárez denunciou que "dende agosto de 2014 [momento en que a planta entrou supostamente en funcionamento] ata hoxe non se fixo absolutamente nada para poñer en funcionamento todas as fases da depuración. Era algo que se podía ter feito, porque estaba detectado o problema". "De ter feito os investimentos oportunos antes da recepción da obra, non estariamos falando agora dun problema de depuración e a auga sairía limpa por este emisario. Non estariamos contaminando unha zona protexida da Rede Natura e cometendo un presunto delito medioambiental", salientou.
"Un día máis podemos constatar que a auga non se está a depurar. Polo tanto ratificámonos en que a taxa de saneamento non só foi inxusta, senón que tamén a consideramos ilegal", engadiu. Tras analizar e prorratear o custe do metro cúbico da auga que teñen que pagar os ferroláns, AEOPAS estimou que é mais do dobre do prezo medio do Estado, en torno a 0.68 céntimos por litro fronte os 0,30 doutros municipios.
O alcalde ferrolán adiantou que dende o Concello xa se está traballando nas auditorías anunciadas nas últimas semanas. Este mesmo luns o concelleiro de Servizos, Bruno Díaz, mantivo unha reunión co departamento de GEAMA (Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente da Universidade da Coruña), que está disposta a realizar unha auditoría técnica para comprobar se esta depuradora pode realmente funcionar ou non. Estas auditorías son o primeiro paso para impugnar, por incumprimento grave, o contrato de concesión do servizo de auga e saneamento outorgado a Emafesa, e iniciar o camiño á remunicipalización do servizo. Este luns Suárez confirmou de novo este obxectivo: "Imos continuar o noso camiño, que é o de depurar todas as responsabilidades, e traballar pola remunicipalización do ciclo da auga, como está no noso programa".
Na visita puido comprobarse unha vez máis a actitude de opacidade e obstaculización ao labor de fiscalización practicadas polos xestores de Emafesa, dependentes de Urbaser. Tanto ao alcalde (presidente de Emafesa) coma aos concelleiros que o acompañaban (conselleiros da empresa mixta, da que o Concello posúe un 51%) requeríuselles identificación, e a súa entrada foi obstaculizada. Así mesmo, negóuselles a información técnica que solicitaron sobre o funcionamento da planta. "Un motivo máis para pedir que Urbaser destitúa ese xestor, e que cumpra o que lle esixen os pregos do contrato de concesión, que é manter constantemente informado o socio público", salientou Jorge Suárez. Nas últimas semanas o Concello de Ferrol xa solicitou o cese do xestor de Emafesa, pero a parte privada fixo valer a súa capacidade de bloquear, no consello de administración da empresa pública, calquera iniciativa da parte pública.
A Coruña quere ser bandeira do "dereito humano á auga"
Os técnicos de AEOPAS tamén visitaron A Coruña, onde a xestión do ciclo da auga xa é pública, a través de Emalcsa, empresa que dá servizo a case 400 mil persoas de toda a área metropolitana e que pode servir de modelo aos distintos procesos de remunicipalización que se están a abrir en Galicia. Na cidade herculina, mantiveron unha xuntanza co alcalde, Xulio Ferreiro, co que analizaron a iniciativa dun Pacto Social Pola Auga Pública, impulsada pola Asociación, á que A Coruña ten intención de unirse.
Entre outros aspectos, o Pacto Social pola Auga Pública quere asegurar para toda a poboación unha dotación mínima por persoa e día de entre 60 e 100 litros, mesmo en caso de impago
“Debemos levar a implementación do dereito humano á auga a toda a cidade. Non só debemos xestionar este servizo correctamente dende o punto de vista económico, tamén dende unha óptica social e ambiental”, destacou Ferreiro. Entre outros aspectos, o Pacto Social pola Auga Pública quere asegurar para toda a poboación unha dotación mínima por persoa e día de entre 60 e 100 litros, “mesmo en caso de impago”. Tamén sostén que “a xestión do ciclo integral da auga pode e debe ser un xacemento importante para a xeración de novos empregos”.
“O pacto é moito máis que lograr que a xestión da auga sexa pública, é xestionar o servizo como dereito cidadán, individual e colectivo. A veciñanza non pode ser un cliente cautivo, nin se lle pode cortar a billa a unha familia con dificultades económicas”, salientaron os representantes de AEOPAS.
Na xuntanza analizáronse os diversos modelos de xestión da auga que se están a implantar noutras cidades europeas, como Berlín ou París, e que están adoptando modelos máis centrados nos valores que na economía de mercado
Na xuntanza analizáronse os diversos modelos de xestión da auga que se están a implantar noutras cidades europeas, como Berlín ou París, e que están adoptando modelos máis centrados nos valores que na economía de mercado. A busca deste Pacto Social pola Auga Pública ampárase nunha serie de normativas europeas que defenden que a auga debe ser un ben público. A Asemblea Xeral de Nacións Unidas recoñece que a auga é “un dereito humano de carácter esencial”, cuxo acceso debe ser garantido ás persoas, mentres que o Pleno da Eurocámara vén de aprobar este setembro a iniciativa cidadá Right2Water, que busca asegurar que toda a cidadanía teña dereito á auga e o saneamento, deixando claro que “non debe tratarse como un elemento comercial”.
Este martes pola tarde, a visita dos técnico de AEOPAS continuará en Compostela. O xerente da Asociación Luis Babiano, reunirase na Casa do Concello, co concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia de Santiago, Xan Duro