Os tres grupos da oposición municipal en Ourense únense para pedir a dimisión de Baltar

Baltar, con Jesús Vázquez e Feijóo © PP Ourense

Os tres grupos municipais da oposición no Concello de Ourense únense contra Baltar. Presentarán este luns unha moción conxunta para o seu debate no próximo pleno ordinario no que esixirán a dimisión do presidente da Deputación logo de que fose denunciado ante a Fiscalía por ter ofrecido un emprego a cambio de manter relacións sexuais con el.

DO, PSOE e Ourense en Común presentarán unha moción conxunta para pedir a dimisión de Baltar; sairá adiante ao seren maioría

Democracia Ourensana (DO), PSOE e Ourense en Común suman maioría no pleno, onde o PP goberna en minoría, polo que a súa moción sairá adiante aínda que o PP vote en contra. A iniciativa foi anunciada por DO, cuxa sede será o escenario dunha declaración conxunta á prensa por parte dos tres grupos.

Mentres, o PP segue amparando a Baltar e advertindo que esperará a que como evolucione a investigación e a decisión do fiscal para decidir sobre o caso. De feito, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixou claro este domingo nunha entrevista na Radio Galega que "hai unha denuncia e máis nada". "Neste momento, o que hai é unha denuncia que, polo seu contido, a ninguén lle gusta, empezando polo propio denunciado, e temos que, por suposto, ser moi escrupulosos e moi esixentes en función de como evolucione", insistiu.

Feijóo cre que "non é prudente condenar a ninguén sen que nin tan sequera fose chamado pola xustiza"

"A primeira decisión correspóndelle ao fiscal" e, a partir de aí, "o PP terá que adaptar a postura que lle corresponda", insistiu Feijóo. "Agora ben, mentres haxa unha denuncia e máis nada, non me parece prudente condenar a ninguén sen que nin tan sequera fose chamada pola xustiza", rematou.

Baltar, con Jesús Vázquez e Feijóo © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.