Moito se leva escrito sobre o comportamento electoral da mocidade. Nos últimos tempos, por exemplo, os estudos derivados do traballo demoscópico indican que mozas e mozos tenden cara a posturas progresistas e se fixan en forzas emerxentes como Podemos. Asemade, non son poucos os argumentarios políticos nos que, de cando en vez, subxacen as proclamas a respecto de mirar polo benestar de quen serán as persoas dirixentes do mañá en ámbitos como o emprego, os estudos ou o lecer. Malia todo isto no Estado español en xeral e en Galicia en particular ninguén se converterá en alcalde ou alcaldesa nas eleccións do 24 de maio grazas ao voto xuvenil e moito menos, grazas ao apoio das persoas que se incorporan ao censo por faceren 18 anos dende as anteriores municipais, as de 2011. O voto das novas e novos votantes pesa pouco, cada vez menos. Non en van, na última década a súa incorporación censual reduciuse case un 40%.
Segundo os datos da Oficina do Censo Electoral as cifras censuais de referencia para o 24-M, as do 1 de xaneiro de 2015, indican que 82.354 persoas votarán por primeira vez nunhas municipais en Galicia por chegaren á maioría de idade, aos 18 anos, dende os anteriores comicios locais. Hai catro anos eran 12.000 persoas máis as que se estreaban nas votacións municipais por este motivo e nas municipais de 2007 a cifra avultaba unhas 20.000 persoas máis. En 2003, as primeiras municipais do século XXI, sumáronse ao censo en Galicia 131.000 persoas por faceren 18 anos dende 1999.
O escaso peso das novas e novos votantes augura unha escasa atención das forzas políticas cara a este sector da poboación en xeral pero, que acontece nun dos principais termómetros electorais nas municipais galegas, isto é, nas cidades? A Oficina do Censo Electoral só desagrega os datos de votantes que veñen de cumprir 18 anos ata o nivel provincial e fontes deste organismo estatal consultadas por Praza Pública confirman que non é só que esta estatística non se publique con datos de cada concello senón que, simplemente, non existe. Así e todo, a información do padrón municipal pode servir para obter unha aproximación.
As persoas que votarán por primeira vez nas sete cidades por faceren 18 anos dende as anteriores municipais son unhas 32.000
Nos inicios de 2011, ano das anteriores municipais, estaban empadroadas nas cidades galegas unhas 32.000 persoas de entre 14 e 17 anos. As cidades con maior número de habitantes nesta franxa de idade eran, obviamente, as máis poboadas do país: case 10.000 en Vigo e algo máis de 7.000 na Coruña. A continuación situábase Ourense, con 3.900, Lugo, un chisco por riba das 3.300 e Pontevedra, tamén roldando as 3.000. Pechaban a lista Santiago (2.936) e Ferrol (2.181). Os datos do padrón municipal máis recentes indican que a comezos de 2014 a cifra de poboación urbana galega entre 17 e 20 anos era moi semellante, polo que cabe estimar que os novos votantes municipais nas cidades por faceren 18 anos dende as anteriores serán algo máis de 32.000.
Con estes datos e estimación na man, canto pesan estes votantes máis novos no conxunto do electorado urbano? O cruzamento dos datos do padrón municipal por idades co censo electoral oficial que rexe o proceso electoral do 24-M permite realizar un achegamento a este valor, escasísimo nas sete cidades. As urbes galegas nas que as novas e novos votantes terían maior peso serían Ourense e Pontevedra, onde 3.986 e 3.039 persoas, respectivamente, están no grupo de persoas que tiña entre 17 e 20 anos en 2014. Isto indica que, aproximadamente, serían arredor dun 5% do censo total. No resto das cidadades a súa importancia relativa sería aínda menor, xa que apenas chegaría ao 4%.
Xusto na banda contraria á desta poboación máis moza está o indubidable peso das persoas de maior idade e, polo tanto, das políticas municipais dirixidas cara a elas. Segundo o padrón municipal a comezos de 2014 vivían nas sete cidades 213.031 persoas de 64 ou máis anos, 10.000 máis que no ano das anteriores eleccións municipais.