"Ourense en Común pecou de inocente; entráronnos profesionais da política que nos complicaron"

Asemblea de Ourense en Común © Ourense en Común

Ourense en Común afronta a precampaña con "inxenio e imaxinación" ante as limitacións orzamentarias, A plataforma cidadá que agromou como un amplo proceso de confluencia viuse duramente golpeado por unhas polémicas primarias que provocoron que Podemos, Compromiso por Galicia, Iniciativa por Ourense e Anova retirasen o seu apoio á formación. Miguel Doval, destacado líder veciñal na cidade cabeza de lista da candidatura, recoñece que aquelas primarias fallidas "baixaron as expectativas" pero mantén a "ilusión" por "poñer o Concello a disposición dos cidadáns". 

Como leva a precampaña Ourense en Común?

Somos un equipo de xente modesta que tiramos do inxenio e da imaxinación para ir adiante. Contamos cun bo equipo de xente moza que colabora en todo tipo de iniciativas nesta precampaña e na posterior campaña. Como din por aí, 'con cartos faino calquera'. 

Como se contrarresta esa falta de cartos nunha plataforma cidadá?

Participa moita xente do asociacionismo e do tecido social que fai graffitis, que pinta, que recita poemas, que canta... Colaboran todos no que sexa posible e de forma voluntaria para axudar no que faga falta e con moita ilusión. Esa é a nosa forza. 

"As primeiras primarias baixaron as nosas expectativas; abrimos tanto as portas que se nos coou xente que non se nos tiña que ter coado"

Ourense en Común comezou como un gran proxecto de confluencia pero as primarias foron un duro golpe, tanto como para rebaixarlles moito as expectativas?

Quizais si que baixaron as expectativas porque había unha grande ilusión que facía moita falta, pero as primarias saíronnos daquela maneira polo egoísmo duns poucos, o que nos mermou un pouco. Tamén é certo que a xente na rúa non se preocupou de informarse moito do que pasou e do que ocorreu realmente. Pero seguimos traballando con ilusión porque o que nos preocupou sempre e nos preocupa é a nosa cidade, construír unha ferramenta necesaria para poñer o Concello a disposición dos cidadáns. Cometemos erros que nos fixeron recapacitar e abrimos tanto as portas de par en par que se nos coou xente que nunca se nos tiña que ter coado. 

Foi daquela un erro abrir tanto as portas?

O proxecto ou se abre ou non se abre, non se pode deixar a porta entreaberta para que pasen os fracos e queden fóra os menos fracos. Abrimos a porta para todos porque criamos que era o normal non deixar fóra a ninguén que quixese formar parte do noso proxecto. Gravamos as asembleas e colgamos todo o material en Internet con total transparencia. Non se nos pode pedir máis, pero xente educada noutro tipo de política viu a posibilidade de arranxar o que non dera arranxado no seu partido: conseguir votos suficientes para buscar unha praza no Concello de Ourense. Pareceulles que lles podía funcionar aquí e viñeron só a iso e non a colaborar, pero nin tan sequera excluímos a ninguén, senón que se excluíron eles sós. 

"Houbo xente que só viu en Ourense en Común a posibilidade de buscar unha praza no Concello que non conseguiría co seu partido"

Pero non foi un erro impor uns requisitos tan exiguos para a participación nas primarias? 

Si, nese caso si que posiblemente os requisitos foron un erro, pero foi un erro e aprendemos del. Non somos profesionais da política porque só queremos abrir as portas dos concellos. Igual podiamos facer como noutras mareas e buscar un candidato de consenso que non teña carné de partido, pero así viñeron as cousas e así os problemas despois. Sexa como for, seguimos cara a adiante con moito ánimo. 

Manteñen as expectativas de acadar un resultado positivo?

Seguimos recibindo moito apoio e moita xente entende e percibiu perfectamente o que pasou. Pecamos de inocencia e deixamos entrar a profesionais da política que nos complicaron un pouco a vida. Pero estamos nunha cidade pequena e canto máis se fala na rúa e máis se comenta o ocorrido, máis claro queda todo. 

"Pecamos de inocentes e deixamos entrar a profesionais da política que nos complicaron a vida"

Que sería o urxente no caso de que Ourense en Común chegase ao poder?

A primeira medida sería facer unha auditoría xeral para ver o que nos atopamos. Feita por profesionais pero coa participación da cidadanía. Outra das cousas máis urxentes tamén é aprobar ese plan de ordenación municipal porque estamos operando con un dos anos 80 e xa non se pode aguantar máis. Precisámolo por moitas cousas, pero tamén porque sería un importante xerador de emprego na cidade. E debemos poñernos con iso ao día seguinte de chegar ao Concello. 

"En Ourense a xente quere cambio; está aburrida e cansa de tantas corruptelas"

Os dous grandes partidos en Ourense están moi salpicados na provincia ou na cidade por polémicas de presunta corrupción, non prexudica a presentación de varias listas alternativas ao posible cambio político?

A xente quere cambio e iso está claro. Está aburrida de tantas corruptelas e casos polémicos en Ourense e no seu Concello. Está cansa e por iso propoñemos a creación dun observatorio anticorrupción e pola transparencia, un organismo independente para que faga viixilancia permanente de todo o que se fai na administaricón local e para que a cidadanía teña acceso a toda a información. 

Recollida de sinaturas de Ourense en Común © Ourense en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.