Ourense instálase no escándalo

Agustín Fernández, alcalde de Ourense © Ourense Dixital

Hai dous grandes concellos do país cuxos gobernos hai moitos meses que apenas falan de política. Santiago e Ourense, Ourense e Santiago, transitan dende hai case dous anos por senllos camiños empedrados nos que o ritmo da marcha non o marca o proxecto de cidade, os debates cotiáns ou os plans de futuro, senón os xulgados. Nos dous extremos da autoestrada AP-53 choven acusacións de prevaricación e peticións de dimisión que cambian de bando político en función da cidade. Este xoves o escándalo foi de novo para o sur, desta volta por iniciativa do PP e co alcalde ourensán, o socialista, Agustín Fernández, como protagonista.

Desta volta quen acusa é o voceiro conservador na cidade, Rosendo Fernández. O tamén vicepresidente da baltarista deputación ourensá anuncia que o seu partido vén de denunciar o rexedor na Fiscalía pola urbanización da rúa na que se atopa a súa vivenda con fondos do Plan E. O socialista, segundo o PP, pediu licenza para pavimentar o entorno da súa casa en 1991 e para facelo puxo sobre a mesa un aval de case 11.000 euros. En 2009, cando se ocupaba da Concellaría de Facenda, o goberno local aprobou as obras para toda a rúa por 200.000 euros e, unha vez rematadas, Agustín Fernández recuperou o seu aval previo informe favorable do propio Concello.

O PP denuncia o alcalde ante a Fiscalía pola urbanización da rúa na que se ubica a súa vivenda

Nesta sucesión de acontecementos o PP ve prevaricación, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos e, con independencia do que resolva a Fiscalía, esixen a dimisión "inmediata" do alcalde. Pola súa banda o rexedor saíu ao paso das acusacións cualificándoas de "terrorismo político". Visiblemente alterado, segundo detallan os informadores que presenciaron a comparecencia, Fernández defendeu a legalidade das obras e o seu voto favorable ás mesmas. "Por que tería que absterme na Xunta de Goberno que aprobou a urbanización dunha rúa na que vivimos máis de 20 veciños?", preguntouse. Baixo esa lóxica, abonda, tería que absterse tamén en todos os asuntos que afecten o conxunto da cidade por ser veciño da mesma.

"Un tema administrativo"

O socialista ve nesta denuncia un novo capítulo do "acoso político" ao que o somete o PP, quen basea a súas acusacións nunha "mentira". Este, defende é "un tema administrativo e persoal" e nada máis ca iso, polo que resulta "lamentable" levalo á vía penal. El non chegou a acometer as obras por conta propia "porque era tecnicamente imposible" e cando se fixeron non achegou fondos igual que tampouco o fixo ningún outro veciño da rúa. Por todo isto, asegura, vai emprender accións legais contra o PP.

Fernández anuncia accións legais contra os conservadores

Este novo episodio político-xudicial prodúcese nun contexto no que o propio alcalde e dúas edís máis suman, en total, sete imputacións, a maioría derivadas de denuncias de particulares. Así e todo, o número de membros do goberno local é sensiblemente inferior ao de Santiago, onde o PP defende a continuidade de todo o gabinete no que 10 dos seus 13 membros teñen contas pendentes coa xustiza. En Compostela o asunto que derivou nun maior número de imputacións foi o intento de pagar con fondos públicos a defensa xurídica dun edil imputado na Pokémon. Segundo Alberto Núñez Feijóo este non é motivo para dimitir porque se trata dun asunto "administrativo".

Agustín Fernández, alcalde de Ourense © Ourense Dixital

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.