Pachi Vázquez achégase máis ao cartel electoral do PSdeG

Pachi Vázquez, tras ser reelixido líder do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O 25 de abril de 2009 un deprimidísimo PSdeG renovaba a súa dirección no Congreso Nacional Extraordinario de Pontevedra. Había pouco máis dun mes que Emilio Pérez Touriño dimitira na secretaría xeral en plena onda expansiva da recuperación da maioría absoluta nas urnas por parte do PP. E había o mesmo tempo que os altos dirixentes do partido puxeran os ollos en Pachi Vázquez para ocupar a daquela pouco agradable cadeira. A crise arreciaba e no horizonte xa se vislumbraban algo máis de dous anos cunha máis que previsible costa abaixo electoral, confirmada en maio de 2010 cando o risco dunha inminente intervención do FMI e da UE forzou a José Luis Rodríguez Zapatero a mandar a súa política ao baúl das lembranzas dos bos tempos e sacar a pasear as tesoiras do recorte social. Neste complicadísimo escenario a Vázquez presentóuselle o reto de gobernar un partido que retornara ás bravas á oposición parlamentaria. Naquela altura a poucos se lles pasaba pola cabeza un debate para o que semellaba restar unha eternidade: poñerlle nome e apelidos ao cartel electoral do partido para as seguintes autonómicas. E non moitos se figuraban que ese cartel puidese levar o nome de Pachi Vázquez.

Case tres anos despois daquel congreso de Pontevedra Vázquez tívose que volver someter á vontade dos delegados, desta volta nun Congreso Nacional ordinario e cun escenario ben distinto. Parte dos dirixentes que lle encomendaran dirixir a travesía no deserto, entre eles o ex ministro de Fomento, José Blanco, artellaran en 2012 unha candidatura alternativa, sorpresivamente encabezada pola tamén ex ministra Elena Espinosa. Foi un cónclave rifado, "duro", en palabras do propio Vázquez. Pero o do Carballiño resistiu a treboada e, paradoxalmente, os 33 votos polos que se impuxo permitíronlle saír do Palacio de Congresos de Galicia, en Compostela, transmitindo unha sensación de reforzamento moito maior que a de 2009. Ademais agora voaba en solitario, "sen tutelas", repetía. 

Vázquez parte cunha posición de partida moito máis favorable de cara ás primarias

Inmediatamente despois da cita congresual de Santiago abriuse o interrogante. Será Pachi candidato? Ou, o que é o mesmo, presentarase e gañará as primarias que, estatutariamente, debe convocar dende a secretaría xeral? Ese é, precisamente, o escenario no que se atopan agora os socialistas, aínda que con algún interrogante menos que en marzo. Dende esa vitoria por 33 votos xa se celebraron tres congresos provinciais, os de Ourense, Lugo e A Coruña, e a vindeira fin de semana péchase o ciclo co de Pontevedra. O acontecido neses congresos e algúns outros movementos internos deixan, esencialmente, tres xogadores no taboleiro, aínda que a un deles, o propio Vázquez, cunha posición de partida moito máis favorable que os outros dous, por ocupar xa a secretaría xeral, polo perfil público que veu adquirindo nos últimos meses e tamén polas circunstancias dos demais eventuais aspirantes. 

As outras pezas do taboleiro

A segunda desas pezas é Francisco Caamaño, dende a pasada fin de semana secretario xeral do partido na Coruña tras un congreso tanto ou máis rifado que o nacional. Caamaño, cara a quen se escoitaron berros de "presidente, presidente" tras vencer na súa provincia mantivo durante meses aberta a porta a concorrer ás primarias. "Nunca digas nunca xamais", ilustraba a mediados de abril, xa como membro destacado da Executiva de Vázquez. Este martes, co congreso coruñés xa superado, explicaba nunha entrevista en Faro de Vigo que "debe haber primarias, pero iso non quere dicir que eu teña que ir". Fontes socialistas consultadas por Praza Pública corroboran que internamente a sensación máis estendida é precisamente esa. O máis probable é que Caamaño non se presente, manteñen, máis aínda despois da pugna pola secretaría provincial. É o mesmo que se percibe no entorno do propio Pachi Vázquez, quen logrou manter ao seu carón ao ex ministro no Congreso Nacional.

Blanco podería tentar dar a batalla final en Galicia

Para atopar a terceira peza hai que mirar cara a Lugo. Malia a todos os avatares no seo do partido aínda non se descarta que o ex titular de Fomento, ex vicesecretario xeral do PSOE e actual deputado no Congreso, José Blanco, tente dar a batalla final en Galicia. Pero para iso hai unha condición imprescindible: que no Tribunal Supremo fiquen definitivamente arquivadas as dilixencias que o vinculan ao caso Campeón, esencialmente asentadas nas declaracións do presunto líder da trama, o empresario lugués Jorge Dorribo. Con independencia do xogo de forzas que poida darse no seo dos socialistas galegos o principal factor que xoga en contra de Blanco é o tempo. Para poder concorrer ás primarias cunhas mínimas garantías o arquivo tería que producirse case inmediatamente e, en calquera caso, antes do verán. Outra posibilidade, aínda que a priori menos probable, é que Blanco xogase outra baza: a do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro.

Agora no seo do partido íntúese "que se pode gañar", isto é, que Feijóo pode perder a maioría absoluta

Porque ese, o tempo, é precisamente outra das claves do proceso. Coa sombra do posible adianto electoral ao outono pairando sobre o ecosistema político galego dende hai meses na sala de máquinas do PSdeG considérase crucial que a cidadanía saiba canto antes que fotografía aparecerá no seu cartel electoral. A diferenza do que acontecía no inicio e mesmo na metade da lexislatura as fontes consultadas por este diario coinciden en sinalar que agora múltiples membros destacados da formación "intúen que se pode gañar" isto é, que Feijóo pode perder a maioría absoluta. E isto provoca dúas reaccións opostas: que algúns dirixentes opten pola "prudencia" e a "responsabilidade" pechando filas co secretario xeral pero outros procuren dar un paso adiante, de cara a ese eventual retorno á Xunta. No caso de que non houbese máis candidaturas tras a convocatoria das primarias -a finais da primavera- Vázquez podería afrontar o verán xa como candidato á Xunta. En caso contrario a militancia socialista votaría xusto á volta do mes de agosto, se cadra moi pouco antes de votar a composición do próximo Parlamento de Galicia.

Pachi Vázquez, tras ser reelixido líder do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG
Caamaño, no congreso do PSdeG da Coruña CC-BY-NC-SA PSdeG
Blanco, na sede do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.