Pachi Vázquez bota a andar a súa Executiva instándoa a "sumar" aos críticos

Foto de familia da nova Executiva Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Pachi Vázquez bota a andar a súa Executiva Nacional, moito máis súa que a anterior. O secretario xeral dos socialistas galegos rodeuse este venres do novo equipo directivo do PSdeG, tallado á súa medida tras a vitoria no Congreso Nacional da pasada semana e renovado nun 80%. Na ponte de mando non hai ninguén que represente o considerado sector crítico do partido pero Vázquez, como xa fixera na clausura do cónclave, asegura que é a hora de suturar as feridas e ademais, facelo rápido. Cómpre "conxugar o verbo sumar" no seo da formación, di, "sumar aos que pensaron coma nós e aos que lexitimamente tiveron outra opción" porque "sería inxusto dedicar un só minuto a falar de nós mesmos e perdelo sen falar dos problemas dos galegos". "Para non falar do país -asegura- xa está Feijóo".

Con esta mensaxe de partida Vázquez dirixiu unha Executiva na que por primeira vez estivo acompañado polo novo presidente do PSdeG, o lugués Xosé López Orozco, e polas catro persoas fortes do seu equipo: Francisco Caamaño, Laura Seara, Margarita Pérez e Carmen Gallego. Ante o seu novo equipo, o do Carballiño insistiu na mensaxe de unidade. "Hai algo que nos fai grandes dende hai 130 anos, que opinamos e debatemos pero tras un congreso todos estamos traballando para serlles útiles" a quen "cren que é posible gobernar doutro xeito". Ese semella que será, precisamente, o roteiro dos socialistas durante os próximos meses, lanzar propostas que combinen o corpo a corpo co Goberno galego coa pretensión de amosárense como alternativa a sentar no sillón de San Caetano.

O interrogante é se Vázquez optará por ser candidato ou avalar outra persoa para selo; Caamaño é unha das pezas clave da Executiva

"Este país necesita xa unha alternativa, que se vai fraguar na nosa acción política nos vindeiros meses", acción que incluirá contactos co BNG tamén unha mensaxe de certo desmarque a respecto da dirección federal do PSOE. Unha vez consumado o divorcio político a respecto do ex ministro de Fomento, José Blanco, Vázquez subliña que a súa intención é dotar o partido dunha "voz propia no socialismo español" e "pilotar dende Galicia, por Galicia e para Galicia". Entre as primeiras decisións a tomar pola "proximidade das eleccións autonómicas" figura a creación dun Consello de Política Municipal", para "darlles vos aos alcaldes e voceiros" locais. "Así conseguiremos o obxectivo de ser un partido forte e unido, que recupere a confianza dos galegos e galegas e sexa quen de vertebrar unha alternativa para gobernar", sinala.

Pero, cómpre deducir das palabras de Pachi Vázquez que será el quen encabece esa "alternativa" na carreira electoral? Ese é, precisamente, un dos interrogantes que fican sobre a mesa tras o Congreso Nacional do PSdeG e non será resolto ata que se convoquen formalmente as eleccións primarias. Os escenarios posibles son, esencialmente, dous: que Vázquez teña a vontade de ser candidato e concorra a un proceso interno no que os críticos poderían volver dar a batalla ou ben que o secretario xeral aposte por outorgarlle o seu apoio a outra persoa para ser cartel electoral. Neste sentido, hai quen non ve casualidade no feito de que Caamaño sexa unha das pezas clave da nova Executiva. Aínda que nunca segunda fila, tampouco se dá por desbotado o nome do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro.

Vázquez, na reunión da Executiva Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.