Pachi Vázquez: "Cando as primarias estean en marcha marcarei a miña posición"

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Pachi Vázquez atende a Praza Pública minutos despois da sesión de control ao presidente da Xunta. O secretario xeral do PSdeG defende o "traballo" que o seu partido fai "todos os días" no Parlamento aínda que non apareza tanto "nas fotos" como outras forzas políticas. Coa formación que lidera ollando cara ao seu proceso congresual Vázquez resístese, polo momento, a revelar se optará a un terceiro mandato mentres defende que o socialismo galego será "pioneiro" en "renovación" e "participación" da militancia grazas a unhas primarias que, subliña, lle custaron o "enfrontamento" coa cúpula federal do PSOE.

Vivimos un contexto político axitado. Os conflitos internos ou os que se viven no Parlamento permiten abordar con eficacia os problemas sociais e políticos do país?
Hai dúas grandes liñas de forza. Pasaron poucos meses das eleccións e hai unha grande axitación na rúa de múltiples sectores: pouco teñen que ver as preferentes con Pescanova, con T-Solar, coa fábrica de armas ou co plan eólico. Esa gran tensión social ten un nexo de unión coa tensión parlamentaria: a mentira dun presidente e dun candidato que cando foron as eleccións enganou a todo o mundo e que agora, cando a sociedade lle pide contas, segue escudado no engano e na mentira. Eu dígollo no Parlamento; cando di “yo mantengo el déficit en el 1,2%”, eu dígolle: perdoe, non, quen o mantén son os pensionistas pagando os medicamentos, as familias pagando o comedor escolar, os enfermos pagando as ambulancias, as familias que non teñen acceso ao crédito... Feijóo, na súa vaidade, pensou que como ganou, vale todo. Estes son os elementos da crispación social, porque este país está nun inmenso deterioro social, industrial e empresarial. Aquí non vai ao paro a xente da construción; o tecido obreiro e empresarial estase destruíndo cun goberno desaparecido e un presidente que mente e engana para ocultar unha relación cun narcotraficante durante nove anos.

Neste contexto, o presidente insiste en reclamarlle pactos ao PSdeG. Preséntase o pacto como un valor en si mesmo?
Téndenos a man para que? Para menos democracia, menos Parlamento, menos sanidade e menos educación? Iso, non. Que me tenda a man para crear emprego, para blindar a sanidade e a educación e o pacto pechámolo mañá. Esa dobre linguaxe da dereita... “nosotros no anulamos las ambulancias, hacemos la ordenación del tráfico sanitario, no suprimimos los libros de texto, hacemos un plan de gratuidad solidaria”. Son eufemismos que enganan a xente. O PSdeG quere pactar por este país, pero cos cidadáns. Feijóo non é que viva na mentira, el é unha mentira e iso pono dos nervios. Porque non se pode mentir permanentemente.

Cre que as fotos con Marcial Dorado lle están pasando factura electoral e política ao presidente?

"Feijóo, persoalmente, está bloqueado, porque as mentiras xa non collen no Parlamento"

Non hai un só ser humano ao que iso non lle pase factura. Se eu son médico, son o secretario xeral do Sergas en 1993, cando a gran lacra deste país era o narcotráfico e a drogodependencia, cando milleiros de persoas percorrían ás rúas defendéndose do narcotráfico, Feijóo percorría as rías con Marcial Dorado. Non é un día no que non sabías quen era, son nove anos. Está na cadea e chámao para felicitarlle o aniversario... O Goberno está paralizado, xa baixou os brazos, e el persoalmente está bloqueado, porque chega un momento no que as mentiras xa non collen no Parlamento.

Neste asunto o PP dilles a vostedes que están a facer de “teloneiro” de AGE...
Primeiro eu era o culpable de todo. Nunca chegou a dicilo pero sempre dicía “miren cara a Pachi Vázquez”. Pasei de ser o máximo responsable de que isto saíse e agora, que xa non aguanta ese discurso, somos teloneiros. Quen fai seguidismo é el, porque segue mantendo unha postura que enerva a todo o mundo. Dende o máximo respecto parlamentario, quen ten que contestar é o presidente.

Todo isto coincide cun proceso interno no seu partido, tanto en Madrid como en Galicia. É posible centrar os esforzos en facer oposición, nos problemas sociais mentres se desenvolve?
Nós estamos permanentemente traballando en iniciativas, porque o principal en política é ser útil á cidadanía. Non temos dereito a ocupar o espazo con problemas do partido. O partido está nun proceso pioneiro en toda España, vai ser a primeira federación do socialismo en 130 anos que vai formular un sistema de elección directa. Antipándonos ao que vai vir; estes días saía un comunicado de 100 intelectuais dicindo que hai que cambiar os partidos, dicindo que hai que ir a primarias... Primarias son sinónimo de participación. A xente está desafectada da política e hai que darlle participación, indo á democracia directa. Se llo dicimos á xente ímosllo negar ao smilitantes? Eu fixen unha aposta moi dura, que me custou enfrontamentos pero da que me sinto moi orgulloso. Pero ao final, o que era unha postura persoal agora estamos todos.

Pódelle garantir á militancia que o Comité Federal vai ratificar este sistema?

"Pode haber cúpulas ás que non lle guste moito o sistema [de primarias], pero por baixo todo o mundo está aí"

Estou convencido, absolutamente. Así mo transmite todo o mundo. Hai que votar, pero o que falo con todos os compañeiros: Euskadi, Valencia, Madrid, o PSC... practicamente todos están aí. Pode haber algunhas cúpulas ás que non lles guste moito o sistema [de primarias], pero por baixo todo o mundo está aí.

A dirección do PSOE pódese permitir neste momento vetar unhas primarias?
A dirección do PSOE fixo algo, que é apostar por abrir un modelo que é o das dúas palabras máxicas que van facer que a xente volva crer na política: transparencia e participación. O gran inimigo da política é o que fai Feijóo, o ocultismo. O futuro da política pasa por romper tabús, hai que conseguir que a cidadanía saiba o que pasa. A cidadanía ve a política como unha gran caixa negra da que non saen máis que cousas raras. Cambiemos esa caixa negra por unha caixa de cristal, e cando a cidadanía vexa o que pasa dentro, a un gustaralles e a outros non, pero todos o entenderán.

Os seus críticos din que as primarias non son tanto unha aposta pola participación como un intento, pola súa banda, de dilatar o proceso...
O feito de ser un proceso novidoso dilatouno dous meses máis. Nos poderíamos celebrar un congreso hai cinco meses, pero sen primarias. Pero tiven que sufrir para conseguir primarias, aínda que tardasen un pouco máis. O 95% deste partido decidiu apostar polas primarias, a todos nos gustarían que fosen máis pronto, pero van ser nun tempo prudencial e teñen que valer para que o partido sexa o que abra unha senda irreversible en España.

Vese con forzas para afrontar un terceiro mandato?

"Estou centrado en garantir que vai ser un proceso transparente, cando estea todo o mundo tranquilo cadaquén marcará as súas posicións e eu tamén o farei"

[Ri] Eu agora estou centrado en garantirlle á militancia que este vai ser un proceso transparente, que a dirección do partido vai manter unha escrupulosa neutralidade e que o que imos pactar vai ser aceptado por todos. Eu teño na cabeza en que o proceso sexa indiscutible e, cando o proceso estea en marcha, dirase quen quere xogar. José Ramón [Gómez Besteiro] xa o dixo e o resto da o dirán; eu non quero contaminar o proceso. Se eu dixese calquera cousa sería contaminante, cando estea todo o mundo tranquilo, cun proceso democrático e transparente, cadaquén marcará as súas posicións e eu tamén o farei.

Pode ser o comité federal un bo prazo para definirse?
Eu creo que é un momento clave, porque ao día seguinte iniciamos o proceso. Esas son as datas e está funcionando. Todo o mundo está sendo moi respectuoso, quen quere presentarse e quen non quere facelo.

No caso de que decida non repetir, vese apoiando outro candidato?

"Se eu apoiase a un ou a outro xogaría sucio"

Falar de hipóteses mentres non son realidades nunca trae nada bo. Sobre todo porque son o secretario xeral e teño que ser quen garanta que o xogo sexa absolutamente neutral. Se eu tivese tendencia a apoiar a un ou a outro xogaría sucio e vou xogar con absoluta limpeza.

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.