Unha carreira de resistencia. Nos días previos ao Nadal de 2010 o PSdeG era unha pota a ferver. Un ano e medio despois de acceder á secretaría xeral no medio do trauma da derrota electoral Pachi Vázquez dispúñase a aplicar con rigor o principio "unha persoa, un cargo", que se aprobara no congreso extraordinario no que fora elixido. Isto implicaba, entre outros aspectos, que varios dos membros do Grupo Parlamentario Socialista debían elixir entre permanecer no Pazo do Hórreo ou dedicarse en exclusiva a seren edís nos concellos dos que formaban parte. Vázquez foi á guerra, puxo sobre a mesa un cambio radical na dirección do seu grupo no Hórreo. E gañou. Pola mínima, pero gañou. Pouco máis dun ano despois, en marzo de 2012, o PSdeG celebraba o seu duodécimo Congreso Nacional. Menos dunha semana antes do cónclave artellouse unha candidatura alternativa á de Vázquez. Coa ex ministra Elena Espinosa á cabeza e auspiciada por, entre outros, José Blanco e Abel Caballero, a alianza in extremis semellaba ás portas de facerse co control da formación. E Vázquez volveu gañar. Por 33 votos, pero gañou. Este luns, con matices, a historia volveuse repetir, desta volta na confección das listas electorais.
Na lista da Coruña entra Méndez Romeu pero non Lage, quen lle disputara a Caamaño o liderado provincial
Despois de que o adianto dos comicios se saldase no PSdeG coa suspensión forzada polo calendario do proceso de primarias e a elección de Vázquez como candidato por aclamación do Comité Nacional, as asembleas locais e provinciais do partido elaboraron as súas propostas de listas. Dende A Coruña chegou unha candidatura encabezada por Francisco Caamaño, quen mantivera ata o final aberta a posibilidade de optar á Xunta, con María Debén como número dous. Non figuraba na lista o ex conselleiro José Luis Méndez Romeu nin tampouco o barbanzán José Manuel Lage Tuñas, un dos deputados socialistas máis activos nos últimos anos. Vázquez propúxose emendar a proposta para introducir a Romeu e Caamaño, aliado seu no congreso de marzo, resistiuse ata o punto de amagar coa rebelión. Pero o tirapuxa caeu, de novo, do lado do do Carballiño. Méndez Romeu será o número dous. A tregua escenificouse cunha aperta entre Vázquez e Caamaño ante as cámaras no recibidor do hotel compostelán no que, na mesma tarde deste luns, José Blanco dixo polo baixo: "estámoslles axudando", en referencia ao efecto que no PP teñen as liortas intestinas no socialismo.
Solventada a introdución de Romeu da comisión nacional de listas saíu unha relación final na que Caamaño mantivo a ausencia de Lage, quen lle disputara o liderado provincial do partido, así como doutros representantes do sector crítico coruñés. A xuntanza do Comité Nacional, inmediatamente posterior, deulle tamén o seu visto e prace a outras modificacións, como o ascenso de Carmen Gallego ao número 4 de Pontevedra -ocupábao un afín a Modesto Pose, contrario a Vázquez que renunciou a dar a batalla pola candidatura-. Por Lugo a cabeza de cartel será Concepción Burgo, que xa foi parlamentaria na lexislatura que remata, e por Ourense o número un será o propio candidato á Presidencia da Xunta.
Vázquez enfila a que hai tres anos era vista como unha improbable batalla: a de optar á Presidencia da Xunta
Mentres, dende Lugo, o PP celebraba unha xunta directiva provincial que incluíu unha torta de aniversario para Feijóo e chanceaba nas redes sociais sobre o "sufrimento" do PSdeG para compoñer as súas candidaturas, os socialistas continuaban a maratoniana xuntanza do seu tenso Comité Nacional, que se estendeu durante case cinco horas. Despois de gañar outra carreira de resistencia, de novo ateigada de curvas e tras a que volveu quedar xente polo camiño, Vázquez enfila a que hai tres anos era vista como unha improbable batalla: a de optar á Presidencia da Xunta nun, cando menos, aberto panorama electoral.