Pachi Vázquez pídelles aos alcaldes do PSdeG que lle cobren o IBI á Igrexa

Vázquez, con Hernando e Laura Seara CC-BY-NC-SA PSdeG

"Sen excepcións". O secretario xeral do PSdeG define deste xeito a extensión que, ao seu xuízo, debera ter o cobramento do IBI á Igrexa católica entre os concellos gobernados polo seu partido. Nuns tempos "nos que a solidariedade é necesaria, a Igrexa ten que dar exemplo", di Pachi Vázquez para defender que "todos os  gobernos socialistas" deben "aplicar" o imposto de bens inmobles naqueles edificios da institución católica que "non sexan de culto", unha medida que non comparten algúns rexedores como o vigués Abel Caballero e mesmo algúns voceiros da formación en diferentes plenos municipais do país.

Varios grupos municipais socialistas rexeitaron a medida, proposta polo BNG, e en concellos como Amoeiro o PSdeG xa a aplica

"Non somos unha formación militar" pero "cando tomamos un acordo, a dirección do partido pide que se aplique sen excepcións", subliña Vázquez ao ser preguntado polos discrepantes. E é que, ademais de Caballero -cuxas boas relacións coa Igrexa tamén o levaron, por exemplo, a evitar o derrubamento dunha cruz en homenaxe ao bando franquista da Guerra Civil-, tamén o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, evitou pór en marcha esta recadación impositiva, como reclamaban os seus socios de goberno, do BNG. Nun sentido semellante se pronunciaron os socialistas dende gobernos locais como o de Betanzos ou dende a oposición en Santiago ante mocións semellantes, tamén procedentes das bancadas nacionalistas. Esas posturas contrastan coas do alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino, que hai escasas semanas lle deu ao bispado "ata o 20 de xullo para pagar voluntariamente". "En caso contrario -advertía- comeza a vía do contencioso administrativo".

Pero malia aos rexeitamentos, á "autonomía" municipal e á ausencia de "potestade xurídica" da dirección do PSdeG para aplicar esta directriz Vázquez advírtelles aos seus rexedores de que cando o partido "toma decisións, tómaas" e "non se lles pode pedir a uns que si e a outros que non", con independencia das "opinións e razonamentos" de cadaquén. O socialista exemplifica que os diferentes alcaldes "poden ata darlle subvencións á Igrexa se lle parece oportuno" porque "sería legal", pero "somos un partido político" que "ten moi claro" que ese cobramento se debe realizar "con absoluta rotundidade", subliña.

Mobilizacións contra a supresión de partidos xudiciais

A necesidade de cobrarlle o IBI á Igrexa foi un dos asuntos tratados na xuntanza mantida entre a dirección do PSdeG e o secretario de Política Institucional do PSOE, Antonio Hernando, na que tamén se abordou a posibilidade de que o Ministerio de Xustiza aplique unha drástica redución de partidos xudiciais, atendendo así o informe do Consello Xeral do Poder Xudicial que, no caso de Galicia, reduciría a estrutura territorial na que se asenta a Administración de Xustiza dos 45 partidos actuais a tan só 13. En opinión de Hernando o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, asumirá como "propio" un informe que, advirte, pon en risco a posibilidade de acceder "en condicións" aos tribunais para boa parte da cidadanía en aras dun criterio unicamente "economicista".

Neste sentido Pachi Vázquez sinala que este recorte suporía, "como na sanidade e na educación", construír "a Galicia dos que poden pagar e a dos que non poden", botando por terra a Xustiza propia "dun país moderno" xa que, explica, moitos cidadáns terían que realizar grandes desprazamentos para poder acceder a un tribunal se así o prescian. "Hai un clamor" para "non suprimir" xulgados, di Vázquez, que lembra ademais que en diversos concellos "PP, PSdeG e BNG" rexeitaron esta medida. Pero existe o risco de que o presidente da Xunta "traizoe a este país", afirma. Por este motivo, anuncia, o PSdeG irá a unha "postura belixerante en cada partido xudicial", coa intención de "unir" a diferentes axentes sociais para "que o Goberno galego non sexa cómplice do desmantelamento" dos partidos xudiciais por "un economicismo ridículo" que é "unha auténtica estupidez" e "unha parvada".

Vázquez, con Hernando e Laura Seara CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.