Pachi Vázquez promete gravar as rendas altas: "se non pagan, non pintan moito aquí"

Pachi Vázquez, nun intre da conferencia © Nueva Economía

Aos socialistas mudoulles a faciana. Á primeira hora da mañá deste xoves a cúpula do PSdeG estaba convocada no Hostal dos Reis Católicos de Compostela. O candidato do partido á Presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, interviña nun almorzo informativo do Fórum Europa para expoñer as liñas mestras do seu proxecto con vistas ás eleccións do 21 de outubro. E así o fixo, nun discurso no que Vázquez semellou sentirse cómodo debullando propostas electorais. Pero no transcurso do coloquio o líder socialista recibiu, con expresión de evidente estupor, a nova de que o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, viña de ser detido. Mentres, dirixentes da formación como Francisco Caamaño, Xosé López Orozco ou José Ramón Gómez Besteiro acudían aos seus teléfonos móbiles á procura de información e intercambiaban xestos de sorpresa e preocupación. "Non sabemos absolutamente nada", repetían con incredulidade ao seren consultados.

"Hai que escoller entre as grandes fortunas e os pensionistas"

Pero mentres todo isto sucedía Vázquez continuaba a falar do que tocaba, primeiro dende o descoñecemento dos acontecementos e despois, tentando deixalos a un lado ata o remate dun acto no que o cabeza de cartel do PSdeG puxo a ollada na parte económica do seu programa como vía para mudar a xestión do "sufrimento" pola do "crecemento". Neste sentido Vázquez fai especial fincapé na súa intención de subirlles os impostos ás rendas máis altas, a comezar por un incremento do IRPF para quen gañe máis de 120.000 euros ao ano. Cuestionado por unha eventual fuga de fortunas cara a fóra de Galicia, espantadas por esa taxa, Vázquez ofreceu unha sentenza contudente: "hai unha teoría que vén funcionando" segundo a cal "se lles cobramos, marchan". "Para non pagar tampouco pintan moito aquí", resolve, nun contexto no que as grandes fortunas teñen que colaborar co noso país", xa que, nun momento no que cómpre incrementar os ingresos, "hai que escoller entre as grandes fortunas e os pensionistas, entre que os enfermos teñan que pagar os medicamentos con recursos que non teñen ou que as grandes fortunas" asuman a suba do imposto sobre a renda.

As facturas, "no caixón dos empresarios"

Pachi Vázquez formula esta reforma fiscal nun contexto no que o presidente do Goberno galego, di, non pode limitarse a exerce de "contable" para cadrar os límites de déficit e así presumir de "solvencia", actitude que lle atribúe a Feijóo. Este xeito de proceder deriva, ao seu xuízo, no que considera "un segredo a voces en Galicia", que "hai centos de empresas galegas que tiñan que cobrar da Administración e non están cobrando" e "centos de empresarios que non acaban de crer" que Feijóo "diga que paga a 50 días cando levan máis de dous anos agardando". Para Vázquez este tipo de procedemento só se poden "entender dende a vaidade persoal" do actual presidente que, por exemplo, non se acolle ao plan de pagamento a provedores do Goberno central cando ten "a centos sen cobrar".

O outro piar da "cosmética contable" da Xunta está para Vázquez no peche anticipado do exercicio económico, datado o pasado ano no 30 de setembro e que neste 2012 se producirá, segundo Feijóo, ao longo de outubro. Así e todo, o candidato socialista sinala que "dende o 30 de xullo" na Xunta "xa non se reciben facturas na maior parte das delegacións do Goberno", algo que só serve para "chegar vivos ás eleccións" pero que "está a levar por diante milleiros de postos de traballo". A opacidade do Goberno impídelle ao PSdeG coñecer a situación real das contas públicas, asegura, polo que "non me podo comprometer máis que a que cando cheguemos ao Goberno, contarlle a verdade a este país" sobre "o que debemos".

Vázquez co ex presidente Laxe, que o presentou na conferencia CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.