Para EU a fronte de esquerdas converterá "a rabia en votos"

Yolanda Díaz e César Santiso CC-BY-SA Praza Pública

A fronte de esquerdas que Esquerda Unida e Anova conformaron para concorrer ás eleccións do 21-O comeza a deixar caer algunhas das que de seguro serán as súas ideas-forza na campaña electoral: "aire fresco para o Parlamento galego", "converter a rabia en votos", "hai alternativa", "a coalición dos de abaixo, da xente humilde, da xente normal" ou "a política para transformar a sociedade e non para ocupar unha cadeira". Foron algúns dos valores que este luns salientaron Yolanda Díaz e César Santiso, nunha rolda de prensa previa á celebración dun Consello Político Nacional extraordinario de Esquerda Unida.

EU sinala que a proposta se dirixe "a aquelas persoas que están sufrindo a crise, os 300 mil parados galegos, as 100 mil persoas sen ningún tipo de ingresos ou aos 30 mil mozos e mozas que deixaron Galicia por non ter oportunidades"

Dende Esquerda Unida séguese facendo fincapé no carácter "anticapitalista" da fronte e nos seus obxectivos de "rebeldía" pero cada vez máis inténtase alixeirar a coalición de carga retórica e abrir os seus límites, sinalando que a proposta se dirixe "a aquelas persoas que están sufrindo a crise, os 300 mil parados galegos, as 100 mil persoas sen ningún tipo de ingresos ou aos 30 mil mozos e mozas que deixaron Galicia por non ter oportunidades".

Unha e outra formación manteñen abertas varias liñas de traballo e moitas tarefas pendentes. En primeiro lugar, os militantes de Esquerda Unida votarán este xoves a partir das sete da tarde se aproban ou non a coalición técnica con Anova. Ademais, negóciase un programa electoral, cuxa liñas mestras xa foron negociadas e acordadas entre EU e Anova pero na que se quere que encaixen outras formacións que xa manifestaron o seu desexo de incorporarse á fronte, como Equo.

 

Nova denominación

Antes do martes ás cinco da tarde presentarase unha nova marca que ben podería ser unha "reformulación" ou "engádega" á anterior

Por último, deben decidir unha nova marca para a coalición, unha vez que a Xunta Electoral determinase este luns que o nome de Alternativa Galega non é válido, ao xa estar rexistrado. De feito, é a denominación coa que o ex alcalde de Noia Pastor Alonso Paz se presentou ás eleccións de 1993 despois de abandonar o BNG. Fontes da fronte de esquerdas sinalan que Alternativa Galega foi un nome "de última hora" despois de "moita discusión" e que antes do martes ás cinco da tarde (límite fixado pola Xunta Electoral) se presentará unha nova marca que ben podería ser unha "reformulación" ou "engádega" á anterior.

 

Polémica con Compromiso

"Durante semanas Compromiso declarou a súa negativa a incorporarse e mesmo sinalou o seu veto explícito a EU"

En canto ao cruce de declaracións sobre os motivos polos que finalmente Compromiso por Galicia non entrou na coalición técnica con EU e Anova, Yolanda Díaz afirmou que Esquerda Unida foi "transparente" en todo momento sobre o obxectivo de conformar "unha fronte anticapitalista" e que "durante semanas Compromiso declarou a súa negativa a incorporarse e mesmo sinalou o seu veto explícito a EU". Díaz explicou que o venres, cando CxG "mudou a súa posición", xa non había tempo para modificar unha coalición "na que EU e Anova levaban traballando moitos días". En calquera caso, afirmou que a fronte está "aberta a todos os partidos que compartan os obxectivos de cambiar o sistema".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.