Para o BNG é "irresponsable" que a Xunta insista en que Galicia ten asegurados dous terzos dos actuais fondos europeos

O Parlamento Europeo © Praza Pública

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, advertiu este luns de que Galicia pode perder ata 4.500 millóns de euros en fondos estruturais e de cohesión da Unión Europea para o período 2014-2020, pois o último dato de Eurostat outórgalle un PIB do 91,3%, que confirmaría a súa inclusión na categoría de rexións máis desenvolvidas, o que implica que apenas reciba un 25% dos 5.600 millóns de euros que lle corresponderon no período actual 2007-2013.

Miranda participou no congreso Cooperación Intelixente entre rexións da Unión Europea, celebrado na Coruña, onde detallou que con estes datos Galicia non cumpre os criterios que lle permitiría conservar unha parte significativa destes fondos a través de dúas vías: ser incluída na nova categoría de rexión de transición (o seu PIB tería que estar entre o 75 e o 90 por cento da media) ou a través da denominada rede de seguridade, tamén coñecida como aterraxe suave, pero non cumpre os requisitos establecidos na proposta da Comisión Europea para incorporarse a esta via. Porén, esa cifra do 91,3% supera os límites fixados para ambas as dúas categorías. 

Ana Miranda cre que resulta "sen fundamento, nin realismo" e ademais é "irresponsable" a afirmación de Alberto Núñez Feijoo de que Galicia manterá dous terzos dos fondos

Por ese motivo, Ana Miranda cre que resulta "sen fundamento, nin realismo" e ademais é "irresponsable" a afirmación de Alberto Núñez Feijoo de que Galicia manterá dous terzos dos fondos asignados no período 20007-2013, en base á súa hipotética inclusión nesa rede de seguridade. A eurodeputada afirmou que "hai que seguir dando a batalla por conseguilos e, a tramitación na Eurocámara pode ser unha das últimas oportunidades que teñamos. O BNG traballa nese sentido, sen caer en falsos optimismos que non van a axudar a que o Galicia reciba os fondos que tanto necesita para seguir na liña de converxencia coa media da UE".

O BNG presentou 210 emendas ao documento da Comisión Europea sobre o futuro Regulamento Marco dos Fondos Europeos, que agora está a debate no Parlamento Europeo dentro da Comisión de Desenvolvemento Rexional.

O Parlamento Europeo © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.