"Parece difícil unha política de alianzas a curto prazo co PSOE porque renunciou a defender postulados de esquerda"

Gaspar Llamazares Dominio Público Praza Pública

Gaspar Llamazares ofreceu este xoves unha conferencia na Coruña sobre O futuro da esquerda, dentro do ciclo organizado pola Asociación Sociocultural Namentras. O deputado de Izquierda Unida por Asturias foi presentado por Anxo Guerreiro nun acto ateigado de público. A próxima cita deste ciclo de conferencias será o día 15 de marzo, coa intervención de Carlos Aymerich (+Galiza). 

Llamazares advertiulle a Rajoy que está abocado a unha "primavera española" se "se empeña en seguir facendo recortes" que son "inasumibles" para os traballadores. Neste senso, Llamazares expresou o apoio de IU, "sen ningún tipo de condicionantes", a unha hipotética folga xeral. O deputado por Asturias, un dos que con máis empeño defendeu as reivindicacións do movemento 15M afirmou que "os cidadáns demandan que sexamos coherentes coas nosas propostas de esquerda, pero tamén cambios na forma de facer política para que a sociedade cada vez teña máis participación".

 

"A cuestión é se a esquerda é capaz de  reconquistar espazos que abandonou: o espazo social e o espazo comunicacional"

A crise económica, que comezou con chamadas á refundación keynesiana do capitalismo, virou en políticas neoliberais aínda máis fortes, cunha esquerda, ademais, debilitada. Como explica este proceso?

Foi un espellismo, pensar que o capitalismo ía dar paso a unha reformulación de esquerdas ou a unha saída socialdemócrata. Era unicamente un engado, porque en realidade a esquerda estaba moi débil en Europa, a esquerda real era minoritaria e a esquerda gobernante facía políticas de dereitas. A esquerda non valorou cales son os poderes reais hoxe en día, que xa non son os poderes tradicionais, senón que os grandes poderes son o poder dos mercados, o mercado financeiro e o poder dos grande conglomerados de comunicación. E aí a esquerda perde por goleada. A cuestión agora é se a esquerda é capaz de reelaborar unha política de esquerdas e de reconquistar espazos que abandonou: o espazo social e o espazo comunicacional.

"É necesario un movemento de fronte ampla das esquerdas, con aqueles movementos cos que compartimos posicións programáticas"

Como debe ser a transformación da esquerda neste momento e que papel ten que cumprir Esquerda Unida?

Hai que realizar un proceso de confluencia das esquerdas e nese proceso Izquierda Unida é imprescindible. A esquerda non ten por que ser coma a ave fénix, non creo que sexa necesario reducila a cinzas para que renaza, senón que hai que contar coas estruturas existentes, pero ademais hai que incorporar á esquerda social, os movementos sociais e o 15M, aí está o futuro da transformación da esquerda. Hai que facer un triplo movemento: Primeiro, un movemento de recomposición interna, recuperando aquelas persoas que se separaron, unha esquerda sen amabilidade non será quen de renovarse. Segundo, un movemento de fronte ampla das esquerdas, con aqueles movementos cos que compartimos posicións programáticas, e dende esa fronte ampla haberá que establecer un diálogo co PSOE, aínda que parece difícil unha política de alianzas a curto prazo co Partido Socialista, porque un dos problemas da esquerda é que esa parte renunciou a defender postulados de esquerda. E mentres o PSOE non volva facer políticas de esquerdas, non coincidiremos nin na defensa da banca pública, nin na recuperación da fiscalidade, nin na democracia participativa, nin nas políticas sociais.

"Pode que nalgún momento haxa que elixir entre a Unión Europea e Europa"

Se non se pode facer xirar a política da UE, de imposición de políticas conservaodras, habería que tentar outras estratexias? Pode estar na axenda da esquerda a saída do euro?

Eu nese tema son laico, non teño posicións de principios. Creo que é importante que haxa un marco rexional para enfrontar a globalización e que defenda a democracia e o Estado social. Pero se ese marco rexional para o que serve é para o contrario, para desmontar os restos do Estado de Benestar dos países membros, pois probablemente non mereza a pena. Espero que se poida rectificar o camiño da Unión Europea, pero tampouco nego que nun momento determinado se poida prescindir do euro. A UE é contraria a Europa agora mesmo, pode que nalgún momento haxa que elixir entre a Unión Europea e Europa.

Parece que a política sofre unha crise de representación, da que vostede é se cadra un dos que sae mellor parado. Debe cambiar a forma que que os partidos se organizan e se relacionan cos cidadáns e cidadás?

Dende o 15M, pero xa antes, os cidadáns estannos pedindo que ademais de defender un programa político, sexamos os seus representantes. E por iso ás veces tiven que plantarme e poñer por diante de todo ese papel de representación cidadá. A representación cambiou, xa non se expresa nunha formación política, exprésase en actitudes, en prácticas que conecten cos cidadáns. A esquerda seguramente non o coidou nos últimos tempos e traballou no Parlamento como partidos pechado. Hai que abrir os partidos, para darlles un papel máis central aos cidadáns, pero tamén hai que abrir os parlamentos e darlles un papel máis activo aos deputados, para que sexan máis autónomos dentro dos seus grupos políticos.

"Vivimos unha época de restauración do centralismo, non só a través do PP, senón polo temor a defender unha posición federalista dende a esquerda"

Cal é a posición de Esquerda Unida fronte ao carácter plurinacional do Estado. Como ve a situación de EU en Galicia?

Hai espazo para unha esquerda federalista en Galicia, que combine a súa vocación social cunha representación da nación galega. Vivimos unha época de restauración do centralismo, non só a través do PP, senón a través do temor a defender unha posición federalista dende a esquerda. Parece que non é politicamente correcto e que as experiencias pasadas trouxeron frustracións. E parece que se confrontan as vellas posicións do centralismo arcaico e do independentismo. É necesario que se recupere a iniciativa federalista que EU representa e que estea presente no Paralamento Galego. Esquerda Unida ten unha oportunidade histórica neste momento, falando con outros, para configurar unha candidatura e unha proposta sólida que lle permita estar presente no Parlamento galego, non dunha maneira conxuntural, senón dunha forma estrutural, porque en Galicia existe un cuarto espazo federalista.

Rolda de previa previa á conferencia deste xoves na Coruña. O concelleiro César Santiso e Gaspar Llamazares CC-BY @antonioiu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.