Parques infantís e unha máquina rozadoira, propostas máis votadas nos orzamentos participativos de Compostela

A proposta para facer catro parques infantís cubertos foi unha das máis votadas © Escapalandia

O proceso de Orzamentos Participativos de Santiago de Compostela deu a coñecer as propostas máis votadas pola cidadanía. En total no proceso rexistráronse 1.630 persoas, votando finalmente 1.350 os investimentos. Parques infantís cubertos, sendas peonís, sinalizacións, un plan de aforro eléctrico ou pavimentacións son algunhas das escollas realizadas polos composteláns e compostelás. O prazo para votar as propostas de actividades para a mocidade está aberto aínda ata o 6 de novembro.

A concelleira de Facenda, María Rozas, salientou que a participación superou a media doutras cidades, como Madrid, Sevilla ou A Coruña, "nalgúns casos duplicándoa". "Para ser o primeiro ano estamos moi satisfeitos. Un bo inicio malia o momento no que coincidiu, con dous procesos electorais polo medio e en pleno verán", dixo, engadindo que foi unha experiencia que permitirá "ir mellorando o proceso e o mecanismo de funcionamento" nos vindeiros anos.

Parques infantís cubertos, sendas peonís, sinalizacións, un plan de aforro eléctrico ou pavimentacións son algunhas das escollas realizadas polos composteláns e compostelás,

O proceso de Orzamentos Participativos de Compostela dividía as propostas en catro áreas: Cidade, Sueste, Nordeste e Rural. As dúas primeiras propostas de Cidade esgotaron os 300.000 euros que había dispoñibles para esta área. Trátase dos "parques infantís cubertos" (catro en total, segundo recollía a descrición da proposta), que teñen un custo de 200.000 euros, e do "plan de aforro para toda a cidade", que pide un cambio nas luminarias e nos horarios de alumeado. Para esta proposta hai dispoñibles 100.000 euros (o seu orzamento inicial contemplaba 300.000 euros).

En total no proceso rexistráronse 1.630 persoas, votando finalmente 1.350 os investimentos

A proposta máis votada na área Sueste foi a "senda cuberta no campus educativo Lamas de Abade", seguida da "mellora dos accesos peonís cara os centros educativos", tamén en Lamas de Abade. Entre as dúas propostas suman 196.000 euros. Na área Nordeste resultaron as propostas máis votadas as presentadas baixo os epígrafes "parque infantil no Outeiro do Sar, detrás de Consumo, e "achaflar beirarrúas en todos os pasos de peóns ou zonas de paso de Fontiñas". Estas propostas suman o orzamento dispoñible para a área, 225.259 euros. Finalmente, as parroquias do rural compostelán escolleron a proposta "vehículo desbrozador con aspiración" como primeira (120.000 euros), "paneis informativos unificados para a área territorial do rural" (72.000 euros), "pavimentación do campo da festa de Marrozos" (66.550 euros) e "sinalización das distintas aldeas que compoñen cada parroquia do rural" (20.107 euros). A suma é de 278.657 euros.

 

A proposta para facer catro parques infantís cubertos foi unha das máis votadas © Escapalandia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.