Patronal e sindicatos únense contra a actitude da Xunta no inicio da folga de transporte

Autobuses de transporte escolar nas proximidades dun colexio do rural ourensán Dominio Público Xunta de Galicia

A Xunta pon de acordo a patronal e os sindicatos. A poucas horas de que comece a folga indefinida no sector de transporte de viaxeiros este martes -desenvolverase todos os martes e mércores desde esta data-, tanto as centrais como as federacións de empresas de autobuses deixaron claro o seu rexeitamento frontal ao novo plan do Goberno galego para reorganizar as liñas e acusaron a Consellería de Infraestruturas de impedir que se dese marcha atrás no paro convocado. 

Os sindicatos e as federacións de transportes reiteran o seu rexeitamento frontal ao novo plan da Xunta

UGT, CCOO e CIG convocan folga pola falta de acordo coa patronal sobre os convenios colectivos, pero tamén como mostra de oposición ao plan que converte o bus escolar na base do novo sistema de transporte do rural. Os sindicatos advirten que o paro é "irreversible" e acusan a Administración de "insensatez" por provocar "a imposibilidade de suspensión da folga indefinida". 

A patronal e os sindicatos censuran que Infraestruturas cambiase unha reunión a tres bandas por dúas por separado

A Consellería de Infraestruturas convocara unha xuntanza a tres bandas para este luns, convocando a patronal e os sindicatos, que cren que tería sido posible "un consenso que posibilitase a suspensión da folga". No entanto, e segundo un comunicado conxunto das centrais, "unilateralmente a Administración dinamitou esta opción, incumprindo un acordo de reunión de todas as partes e tratando de reunir cada parte por separado". "Descoñecemos os motivos que a leva a incumprir o pactado e a finalidade disto", din. 

Os sindicatos aseguran que a Consellería "aboca" a cidadanía a sufrir as consecuencias do paro e os traballadores a "apoiar a mobilización". E faino, segundo insisten, ao rachar co "único acordo" ao que chegaran as partes. "Consultando todas as partes, é a única maneira de poder desenvolver un proxecto sustentable de transporte de viaxeiros na comunidade galega", insisten.  

Os sindicatos cren que a Xunta "dinamitou" a opción de desconvocar a folga ao convocalos por separado

"O transporte de viaxeiros paralizarase este martes en toda Galicia e a Consellería de Infraesgtruturas posibilitouno e mesmo, coa súa actuación, prefiriuno así", engaden os sindicatos, que advirten que esta postura só vai "endurecer o conflito". 

O caso é que as federacións de transporte de viaxeiros en autobús en Galicia (Anetra, Fegabús e Transgacar) coincidiron cos sindicatos en criticar a actitude de Infraestruturas e atribúen a Xunta "decisións erráticas sobre horarios ou formatos das reunións co sector", logo do cambio "unilateral" da reunión fixada a tres bandas que a Consellería converteu en dúas xuntanzas por separado. 

As centrais plantaron a Xunta e, pouco despois, estas tres federacións -que din representar o 90% das empresas afectadas- manifestaron tamén a súa "imposibilidade" de acudir á reunión, mentres que Fegatravi non se pronunciou. As outras tres reiteran a súa oposición "xeral" ao plan da Xunta e advirten de que as "decisións erráticas non parece que poidan cambiar ese rexeitamento". 

A patronal advirte que "decisións erráticas" da Xunta, como o cambio na reunión, "non parece que poidan cambiar o rexeitamento" ao plan

Ao igual que as centrais, as federacións enviaron un escrito á Xunta no que aseguran que botaron "en falta unha explicación", xa non polo cambio da xuntanza "como da súa decisión de convocar separadamente a sindicatos e empresarios". A patronal avoga pola "imprescindible paralización" do novo plan de transporte público e que se retome a súa elaboración "con rigor, calma e profesionalidade". Ademais, lembran que na reunión do pasado venres certificouse que a Administración está "soa". 

Mentres, a Xunta pide reconsiderar o paro pola súa afección a traballadores e excursións escolares. Os servizos mínimos na folga son do 40% para as liñas regulars e do 100% para o transporte escolar. 

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegura que o novo plan "ten como único obxectivo garantir os servizos aos cidadáns e postos de traballo no sector" e engade que é "a resposta do Goberno galego á decisión de parte das empresas de non seguir prestando máis de 500 liñas de autobús a partir de agosto". Ademais, di que o seu departamento mantén as "portas abertas" a estudar e negociar as propostas de sindicatos e patronal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.