O persoal da Compañía de Radio Televisión de Galicia está "indignado" co peche da Radio Televisión Valenciana. A presidenta do comité interempresas do ente público, en pleno proceso de transformación en corporación, lamenta que as "arroutadas" do PP da Comunitat Valenciana vaian rematar coas súas canles públicas aínda que isto supoña cometer unha "ilegalidade". Raquel Lema subliña que a situación económica dos meidos galegos, saneados e sen débeda, non é equiparable á de Canal 9. Non obstante, apela a fomentar o aprecio por eles entre a cidadanía e a "responsabilidade" entre o seu propio persoal.
Como recibiron a noticia do peche da Radio Televisión Valenciana?
Estamos indignados e o primeiro o que nos sae é a solidariedade cos compañeiros e compañeiras. E despois, consideramos inauditas, inconcibibles, as manifestacións que fai o presidente da Generalitat Valenciana, unhas afirmacións populistas que vulneran o artigo 20 da Constitución, que fala do dereito á información veraz e plural e cuxo desenvolvemento normativo acabou ordenando por mandato parlamentario crear as televisións autonómicas. Esas manifestacións populistas e ilegais teñen moito perigo, porque van nunha liña de vulnerar leis das que nos dotamos todos. Non parece normal que un poder Executivo poida incumprir ou darlle a volta ou terxiversar unha sentenza xudicial. Imos mal se o poder executivo pode alterar o mandato xudicail cunha decisión que parece máis ben unha arroutada do goberno do PP de Valencia, que terá que discutilo no Parlamento, modificar a lei de creación e someterse a un consenso. Pode un presidente autonómico pechar colexios ou hospitais cunha arroutada? Nós cremos que non, isto é unha ocorrencia fascista que atenta contra un suposto Estado de Dereito.
Ven unha caste de “aviso a navegantes” nesta decisión?
"Denunciamos a manipulación porque non queremos ser cómplices de algo que nos pode caer enriba cando a sociedade nos diga que non somos necesarios"
Nós non nos damos por aludidos. Lamentamos esta ocorrencia do señor Fabra e combaterémola. Pero a situación da CRTVG é moi diferente, polas cifras, polo plantel de traballadores e traballadoras, levamos dous anos con superávit, non hai endebedamento... A situación económica de Valencia, que parece ser a escusa, non é a nosa. Pero nos preocupa, porque levamos tempo denunciando que a xestión da CRTVG non é a óptima. Estase externalizando a un ritmo galopante todos os programas que antes se facían na casa e non sabemos a que obedece, porque é o dobre de caro que producir dentro. Vemos a mesma filosofía e o mesmo xeito de funcionar do PP cos servizos públicos en xeral e cos medios de comunicación en particular, desfacéndoos a cachos: primeiro dilapídanos, métenos en xestións inasumibles, en déficits vergoñentos... Nós, como comité interempresas denunciamos tamén a manipulación informativa que se padece na CRTVG, é unha das batallas que temos que dar, porque non queremos ser cómplices de algo que se nos pode caer enriba cando a sociedade nos diga que non somos necesarios porque non cumprimos con ser veraces e obxectivos. Isto vese no blog Eu non manipulo, no que denunciamos día a día a manipulación informativa.
O non denunciar previamente a manipulación é algo que se lle reprocha nestes días ao persoal de Canal 9... Na CRTVG acontece o mesmo?
Nós non queremos avaliar o traballo que fan outras canles que son irmás da CRTVG. Cada un sabe o que fai e denuncia o que pode. Pero nós, polo que nos toca, temos a responsabilidade. Como profesionais dos medios sabemos que información lles debemos aos galegos e galegas e sabemos no que se está fallando. Non sempre se dá a información que Galicia precisa, merece e ten ordenada por lei. A televisión pública non pode ofrecer información parcial e partidista. Non é o noso traballo denunciar estas prácticas, pero como non se crea un consello de redacción, ese organismo que debe velar pola independencia que semella non interesarlle ao Parlamento, nós farémolo mentres non se cree. Nós queremos traballar con honestidade.
No caso de Valencia, a televisión é un instrumento político que xa non interesa?
"Unha das patas do estado democrático son os medios de comunicación públicos"
Non. Nós pensamos que na liña na que está o PP os informativos lle interesan aquí, en Madrid, en Mallorca... se poden controlalos, interésanlles. O que pasa é que lles veu unha sentenza do revés que os obriga a manter un milleiro de traballadores. Non son os traballladores cos que querían contar, só para facer os servizos informativos. Está en xogo o estado democrático, que non só son os hospitais e as escolas. Unha das súas patas son os medios de comunicación e quen non o queira ver está asimilando un discurso fascista. Se nos controlan empresas privadas os intereses non van ser os do conxunto da cidadanía, van ser outros. En Galicia, quen vai facer medios públicos en galego? A quen lle vai interesar? Con que radio e con que televisión van aprender os nosos fillos e fillas o idioma? É unha conditio sine qua non. Un mercado tan reducido como o galego non é rendible, por iso é unha obriga dos medios públicos.
Como se pode concienciar a poboación no aprecio, mesmo no agarimo polos medios públicos?
"Quen vai informar do que nos interesa aos galegos e galegas? Ana Rosa Quintana?"
Non o sei. Eu son presidenta do comité interempresas pero tamén teño unha filla de 18 meses e penso en que televisión ou que radio lle podo poñer para que escoite os debuxos en galego e non en TeleCinco ou Antena 3 ou V Televisión? Se non teño Shin Chan en galego, miña filla non pode escoitalos. É isto populista? Non. Quen vai informar do que nos interesa aos galegos e galegas, Ana Rosa Quintana? Virán só pola carnaza e polos accidentes que lles interesen. Pero a eles non lles interesa o que pasa nunha aldea ou o temporal que deixa a frota amarrada. Se iso non o fai un serivzo público non o fai ninguén. Non nos daremos conta ata que desaparezamos, por iso hai que repetir que son 34 euros ao ano o que nos custa manter abertas a televisión e a radio públicas. Agora os valencianos faranse esa pregunta. Ademais, a pesar dos problemas, a audiencia que teñen a televisión pública e a Radio Galega non ten nada que ver coa que tiñan esoutras autonómicas. A pesar dos problemas e das eivas, Galicia e a audiencia galega apostan polos medios públicos. Imaxinemos se acabásemos coas prácticas que, ao noso entender, lastran o funcionamento correcto dos medios públicos.