O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, anunciou este sábado que a vindeira semana contactará con Pablo Iglesias e Albert Rivera para explorar a posibilidade de conformar unha maioría suficiente que lle permita ser investido presidente. Sánchez realizou este anuncio en Sigüeiro, na festa dos socialistas galegos, onde participou para apoiar o candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta..
Ante uns dous mil militantes, o líder do PSOE fixo un chamamento "ás forzas do cambio" a "entenderse" e "poñer fin ao fracaso de Mariano Rajoy"; asegurou que traballará "sen descanso, con humildade e xenerosidade" para acadar este obxectivo. "Prometemos que non iamos permitir que fose presidente do Goberno e cumprimos", afirmou, subliñando que o PSOE é "un partido coherente co seu programa político, a súa palabra e a confianza que millóns de españois depositan en todos os procesos electorais".
"Temos ideas e solucións para superar a resignación"
Mentres, Xaquín Fernández Leiceaga asegurou que “Feijóo é o primeiro presidente que antepón a súa axenda persoal aos intereses do país e o que menos cre en Galicia e na súa xente, o seu único obxectivo é conservar o goberno como pasaporte a Madrid”. “Fronte a un goberno que renegou da defensa de Galicia, aos socialistas galegos tócanos agora gobernar para construír unha Galicia que vaia a máis”, engadiu.
“Feijóo é o primeiro presidente que antepón a súa axenda persoal aos intereses do país e o que menos cre en Galicia e na súa xente"
O candidato á Presidencia da Xunta reivindicou os avances acadados durante os gobernos de Laxe e Touriño, “porque somos un partido de goberno para as persoas, entendemos o socialismo como un instrumento para que ninguén quede atrás, para que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades”.
Leiceaga comprometeuse “a recuperar o crecemento e o emprego de calidade, a recuperar os servizos públicos básicos e a cohesión social en igualdade, queremos unha Galicia solidaria que aposte polo futuro da mocidade e que se preocupe polos seus maiores”. “Existe unha posibilidade real de cambiar Galicia se conseguimos que o vindeiro 25 de setembro os galegos e as galegas voten masivamente, temos a responsabilidade histórica de saír na defensa de Galicia, o futuro non está escrito e temos que escribilo nós; chegou a hora do PSdeG”, dixo
“Existe unha posibilidade real de cambiar Galicia se conseguimos que o vindeiro 25 de setembro os galegos e as galegas voten masivamente"
“O 25 de setembro Galicia xógase moito o os socialistas galegos temos un proxecto para recuperar Galicia, temos que dicirlle aos galegos e ás galegas que temos ideas e solucións para superar a resignación e recuperar unha Galicia que vaia a máis, que sexa un faro de ilusión e esperanza”, rematou.