Piratas de Galicia únese á confederación estatal e á candidatura 'pirata' única europea

Membros da Confederación Pirata CC-BY-SA Confederación Pirata

Un partido galego xa ten coalición para as vindeiras eleccións europeas. Piratas de Galicia veñen de xuntarse á Confederación Pirata, unión de varios partidos pirata do Estado, que se presentarán aos comicios nunha candidatura conxunta e que se unirán á iniciativa europea, European Pirates, xunto ás demais formacións da UE que compartirán  un programa común en todos os países. 

Así, Piratas de Galicia será unha das patas que forme esta candidatura única do movemento pirata europeo, nado en 2006 en Suecia e presente en 68 estados. Xuntaranse arredor dos European Pirates, formado por preto de 100.000 persoas de 34 países e que, a través das súas diferentes formacións en diversos territorios, contan con representación xa no Parlamento Europeo, así como en diversas cámaras estatais e rexionais e en varias corporacións municipais, especialmente en Alemaña, Suecia, República Checa ou Islandia.

Piratas de Galicia únense á confederación estatal que formará parte da candidatura de European Pirates

Xa que logo, a candidatura European Pirates, da que formará parte a confederación estatal, acudirá ás eleccións europeas cun programa común que se está a redactar coa colaboración cidadá en todo o continente, principalmente grazas ás novas tecnoloxías e a Internet. É xa a primeira candidatura paneuropea cun texto programático único, que está centrado "na defensa dos dereitos fundamentais, na loita contra a corrupción e na participación cidadá", idearios fundamentais do movemento. "Toda persoa está convidada a achegar ideas e dar a coñecer as súas iniciativas ao movemento internacional pirata. Rexémonos polo principio de unha persoa, un voto", afirma Francisco Javier Martín, voceiro dos Piratas de Madrid.

"A elaboración conxunta do programa é un xeito de demostrar que os nosos postulados de democracia directa funcionan"

"A vantaxe é que somos un movemento internacionalizado; temos diferentes enfoques rexionais pero compartimos o fundamental. Con vistas ás eleccións europeas, queremos dar esa imaxe de unidade que poucos partidos teñen porque todos imos decidir o mesmo programa e defender o mesmo, e non porque haxa unha elite que o decida, senón porque é ao revés: facémolo desde a base", explica para Praza Fabián Plaza, un dos voceiros de Piratas de Galicia. "É un xeito de demostrar que os nosos postulados de democracia directa funcionan e permiten que desde unha acción local se consigan resultados a nivel global", engade.

"Exiximos democracia directa e transparencia en todos os niveis da Unión Europea, dende o Parlamento Europeo ata os concellos", explica Isabel Fernández, voceira dos Piratas de Galicia, que acadou algo máis de 1.500 votos nas últimas eleccións galegas, que ten sobre un cento de afiliados e que forma parte dunha confederación que "funciona de xeito plenamente horizontal" e a través de "nodos plenamente autónomos en todo aquilo que non atente contra os Dereitos Humanos, a transparencia ou a participación cidadá". Será un programa de "cidadáns organizados contra a partitocracia, a corrupción e os recortes en dereitos sociais", tal e como destava o voceiro de Piratas de Extremadura, Ángel Vázquez, e que se pode resumir no Temón Pirata, que serve de guía dos fundamentos básicos e do desenvolvemento de políticas que pretende o movemento.

A de European Pirates é a primeira candidatura paneuropea cun programa único de cara aos comicios á Eurocámara

"Estamos a tecer redes para cambiar o sistema cara a un máis humano, transparente e totalmente participativo, onde o poder resida realmente na cidadanía. Queremos facer da Unión Europea a Europa das persoas, non a dos mercados", di Kenneth Peiruza, de Pirates de Catalunya, formación que supera o milleiro de afiliados.

Desde Galicia, a idea é tamén conseguir "visibilidade" porque a súa aspiración é "que cambien as cousas desde aquí, impulsando a democracia directa nos concellos e nas administracións da comunidade autónoma". Ademais, como recoñece Fabián Plaza, conseguir simpatizantes do movemento "é máis doado nesta época de corrupción política e de desafección cos partidos políticos tradicionais". "Nós non temos cúpula e aquí cada afiliado ten os mesmos deberes e dereitos", di quen recorda que o feito de que as eleccións europeas teñan circunscrición única en cada Estado e de que European Pirates teña un programa común asegúralles que "sexa cal sexa o resultado, o que se defenda vai beneficiar a todos en xeral". Os dous europarlamentarios do Partido Pirata sueco na Eurocámara xa defenden os postulados esenciais do movemento hoxe en día.

 

Varias iniciativas nos últimos anos

Os últimos anos, os membros da Confederacion Pirata denunciaron as barreiras electorais con Yo Avalo, plataforma que se compartiu con todos os partidos respectuosos co ideario pirata, e grazas ao que se puideron canalizar os avais de decenas de miles de persoas, permitindo participar nas eleccións xerais do 2012 a outros 32 partidos, entre eles EQUO e Escanos en Branco.

Ademais, destacan que evitaron o bloqueo de Wikileaks, proporcionaron métodos seguros de comunicación para os activistas da Primavera Árabe, denunciaron as reformas do Código Penal de Gallardón, o canon dixital ou a lei Sinde-Wert, tamén os casos de espionaxe da NSA publicados por Edward Snowden e Wikileaks con AntiPRISM, ademais de achegar "solución ás dificultades para mercar libros escolares por parte de moitas familias coa iniciativa Parents2Parents".

O movemento pirata tamén desenvolveu ferramentas de participación cidadá, usadas por outros colectivos e partidos como Liquid Feedback, empregada polo movemento italiano Movimento 5 Stelle. "Esta filosofía é a que inspira o funcionamiento da Confederación Pirata e é ofrecida a toda ONG, sindicato ou partido que respecte os dereitos fundamentais e a participación cidadá", lembran.

Emblema dos Piratas de Galicia CC-BY-SA Piratas de Galicia
Membros da Confederación Pirata CC-BY-SA Confederación Pirata

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.