Podemos Compostela decide esta semana de que forma participa nas eleccións municipais

Asemblea de Podemos en Compostela, o pasado mes de xuño Dominio Público Podemos Compostela

O pasado mes de outubro a Asemblea de Podemos aprobou (páxina 13 do seu documento político) que a formación non concorrería ás eleccións municipais con esta marca, pero si animou os círculos locais a participar en iniciativas municipalistas "que cumpran cos requisitos da nova política e as posibilidades de vitoria e cambio". As eleccións municipais, destacaba o texto, "deben servir para visibilizar, especialmente nas grandes cidades, as posibilidades de desborde e dunha nova maioría, así como para afianzar comunicación e alianzas con moitos sectores da cidadanía mobilizada". A decisión, en calquera caso, debería ser adoptada autonomamente polas persoas inscritas en cada localidade.

En cidades e vilas de todo o Estado hai tempo que Podemos participa de forma evidente nas plataformas cidadás (por exemplo en Guanyem Barcelona ou en Ganemos Málaga), aínda que a súa participación non se fixo oficial ata as últimas semanas. En Madrid, de igual xeito, Podemos aprobou impulsar conxuntamente con Ganemos Madrid unha "candidatura cidadá de unidade popular". En Galicia, semella que a confluencia pode ser máis doada na Coruña (coa Marea Atlántica), Ourense (Ourense en Común) ou Pontevedra (coa Marea Pontevedra), pero en calquera caso a participación de Podemos e a fórmula para facelo posible aínda debe ser debatido e votado polos círculos. E o mesmo, nas restantes cidades e moitas vilas do país.

Se a resposta é afirmativa, proponse unha segunda cuestión: se Podemos se "integra, suma ou apoia" a Compostela Aberta ou se crea "unha plataforma cidadá, un proxecto novo"

Unha das cidades nas que esa confluencia está en debate é Santiago. As máis de 800 persoas inscritas no círculo local de Podemos están convocadas esta semana a decidir se a formación participa nas eleccións municipais de maio, e de que forma o fai. As votacións, en formato electrónico, comezaron este luns pola mañá e estarán abertas ata o xoves ás doce da noite. A consulta, vinculante, consta de dúas preguntas; a primeira é "Se Podemos Compostela vai estar presente nas municipais dalgunha forma". E, se a resposta foi afirmativa, proponse unha segunda cuestión: se Podemos se "integra, suma ou apoia" a Compostela Aberta ou se crea "unha plataforma cidadá, un proxecto novo ao que convidaremos a sumarse ao todos os cidadáns e colectivos da cidade, incluíndo por suposto a Compostela Aberta".

O Consello Cidadán elaborou un documento cos pros e os contras que tería para Podemos Compostela sumarse a Compostela Aberta, e tamén as vantaxes e desvantaxes de crear unha nova plataforma

O Consello Cidadán Municipal fixo pública unha análise das opcións e a súa valoración de Compostela Aberta, sinalando que na súa opinión "cumpre cos requisitos especificados no documento Político". Porén, tamén defende que "a creación da nova plataforma habilitaría un espazo orixinal, un instrumento de cambio, que sería necesario definir xunto cos cidadáns e colectivos que se comprometan na súa construción".

O Consello Cidadán elaborou así mesmo un documento cos pros e os contras que tería para Podemos Compostela sumarse a Compostela Aberta, e tamén as vantaxes e desvantaxes de crear unha nova plataforma, e que foron debatidos nunha asemblea celebrada o pasado 29 de xaneiro. Entre os puntos positivos desa integración en Compostela Aberta, destácase que "existen contactos establecidos co mundo da cultura, da educación e a mobilidade de cara a comezar cos traballos de redacción dun programa electoral" e tamén que "a experiencia electoral previa dalgún dos seus membros, ademais da posible participación de partidos consolidados, achegaría coñecementos, experiencia e potencial electoral". Entre os negativos, sinálase que "acaban de empezar e algúns observadores consideran que xa están amortizados como proxecto", "a existencia de membros que poden relacionarse coa vella política, xente cunha traxectoria política previa que pode interferir na imaxe dun proceso novo, cidadán e independente" ou que "o proceso estivo moi mediatizado por Anova e EU, o seu comportamento partidista apartou a bastante xente do proceso, xente que pode resultar difícil recuperar".

En canto á opción de conformar unha nova plataforma, destácase que "atraeríamos con maior facilidade a persoas non involucrada politicamente", que "representaría dunha forma máis clara a imaxe de Podemos e o seu potencial tirón mediático e electoral" e que "sería máis doado controlar que non se convertese nunha sopa de siglas camuflada". Entre os contras desta fórmula, cítase a "escaseza de tempo para comezar o proceso de formación", a necesidade de "recoller sinaturas de apoio no caso de ir como Agrupación de Electores" e que sería "difícil explicar a decisión de non integrarnos nunha plataforma xa existente que cumpre cos requisitos establecidos no documento político".

Asemblea de Podemos en Compostela, o pasado mes de xuño Dominio Público Podemos Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.