Podemos e as mareas: entre o apoio claro e a escasa participación

Asemblea de Podemos en Compostela, o pasado mes de xuño Dominio Público Podemos Compostela

As asembleas de Podemos apostaron polas mareas cidadás na Coruña e Lugo, pero non alcanzaron a participación mínima exixida nos estatutos da formación nin en Ourense nin en Vigo. A escasa mobilización dos seus simpatizantes nestas dúas localidades -que non chegou ao 10% do quórum requirido- impediu que decidisen de vez como e en que plataforma participan nas vindeiras eleccións municipais que se celebran en menos de dous meses e medio. 

Podemos apoia as mareas da Coruña, Lugo e Compostela pero a escasa participación impediu a decisión en Vigo e Ourense; en Pontevedra e Ferrol aínda non se celebrou a consulta

Logo de que se fixesen públicos os resultados das últimas consultas cidadás -e despois de que a asemblea de Podemos xa decidise anteriormente en Santiago- tan só en tres das sete cidades galegas a formación que lidera Pablo Iglesias decidiu xa confluír nas principais iniciativas cidadás: a Marea Atlántica da Coruña, LugoNovo e Compostela Aberta. Ourense en Común, malia non poder confirmarse formalmente, conta co apoio implícito do novo partido, ao igual que a Marea de Pontevedra, que conta xa con lista electoral e candidato á alcaldía. Vigo, con dúas opcións, e Ferrol, pendente aínda de estrutura e votación, son as que presentan agora máis dúbidas.

A Coruña

O apoio máis claro chegou na Coruña, onde 396 dos 428 simpatizantes (o 92,5%) que participaron na votación aprobou "apoiar unha candidatura cidadá", dos cales 304 (o 78,8% do total) apostou por unirse á Marea Atlántica. Malia que faltaba aínda a confirmación a través da consulta, Podemos presentara xa a súa lista afín -Somos Coruña- ás primarias desta plataforma, onde varios dos seus membros na cidade participaron desde os seus inicios. 

A consulta sobre a Marea Atlántica da Coruña foi a que contou con maior participación e tamén un maior apoio da asemblea de Podemos

A Marea Atlántica semella así a iniciativa máis asentada, ao contar co apoio explícito de Podemos, Equo, Anova, EU, Espazo Ecosocialista e CxG, ademais do doutros colectivos sociais e políticos da cidade, que presentaron as súas candidaturas en forma de lista ou persoas integradas nalgunha delas ás primarias que se celebrarán a vindeira semana e na que, segundo estimacións da plataforma, poderánn participar ata uns 2.000 dos máis de 3.500 asinantes. Ademais, 340 cidadáns solicitaron xa o voto telemático para un proceso no que Xulio Ferreiro, o candidato á alcaldía, prevé "unha participación récord". 

Vigo

O caso de Vigo foi o único no que na consulta de Podemos se ofrecían dúas opcións. Os simpatizantes, logo de decidir se apoiaban unha plataforma xa constituída ou impulsaban unha candidatura  propia, debían elixir entre a Marea ou Vigo en Común. Pero dos máis de 3.000 inscritos na formación na cidade, tan só 246 acudiron a votar, polo que -e segundo os estatutos do partido- ao non superarse o 10% do censo de simpatizantes será a dirección autonómica a que decida se se segue adiante co proceso e se volve votar ou non. 

No caso de que se levase a cabo esta consulta outra vez, faríase de maneira presencial nunha asemblea e a través do voto en urna e non de maneira telemática como nesta ocasión. Nese caso, o máis probable, os membros de Podemos elixirán entre apoiar Vigo en Común ou Marea de Vigo. No caso desta última iniciativa, que xa conta co apoio de EU e Anova, posiblemente o candidato para as municipais xa estará elixido, xa que as primarias celebraranse o 14 de marzo nunha data na que haberá tamén votación para o resto da candidatura. O día 18 presentarase de maneira oficial a lista para logo decidir se se presentan como agrupación de electores ou como partido instrumental. 

Podemos, que non tivo quórum en Vigo, deberá elixir entre a Marea ou Vigo en Común

En canto a Vigo en Común, será ese día 18 cando se leven a cabo as votacións nunhas primarias cuxos resultados e lista final de candidatos se fará oficial un día despois. Dúas alternativas ante as que, e no caso de que non se acaben unindo, Podemos terá que elixir. 

Ourense

En Ourense a situación foi semellante, aínda que a decisión final pareza máis clara. Tan só 70 membros de Podemos participaron na consulta na que a opción pola que podían optar era a plataforma Ourense en Común. Ao non superar o 10% de votos exixidos, será tamén agora a dirección galega a que determine se hai unha segunda oportunidade para decidir a aposta de cara ás municipais. 

Aínda que de maneira formal Podemos non se integrase en Ourense en Común, son varios os membros da formación que participan desde hai tempo nesta iniciativa cidadá e mesmo Alejandro Hermida Prada, que forma parte do círculo da cidade, é un dos candidatos a liderar a candidatura cidadá nunhas primarias que se celebrarán o 14 e 15 deste mes. 

A formación apostou por LugoNovo na súa consulta e apoia Ourense en Común, malia que a baixa participación impediu oficializar o visto e prace á confluencia

Lugo

Na capital lucense, foron tan só 99 os inscritos que participaron na consulta de Podemos, aínda que a cifra foi dabondo para superar o quórum exixido. De entre os participantes, 60 optaron pola confluencia coa candidatura LugoNovo, iniciativa xurdida da fusión entre Gañemos Lugo e Lugo en Común, e que aínda non ten data confirmada para unhas primarias que se levarán a cabo durante este mes de marzo. 

Logo desta consulta, Alternativa Cidadá de Esquerda (ACE) emitiu un comunicado no que manifesta a súa "sorpresa e perplexidade" por "someter a consideración o apoio a só unha das candidaturas de unidade popular existentes na cidade". Ademais, asegura que Podemos non lle contestou a unha petición de reunión, aínda que expresa o seu "desexo de continuar traballando para acadar unha fronte ampla".

Compostela

Na capital de Galicia, Podemos xa levara a cabo a consulta cidadá en anteriores semanas. Cunha participación de 220 persoas, máis do 90% apostou por apoiar unha candidatura de unidade cidadá, mentres que o 57,7% de todos estes participantes (116) optaron por se diluír na plataforma Compostela Aberta, que conta co apoio de EU ou Anova e que celebrará as primarias os días 19 e 20 de marzo. Nesta mesma semana, o alcalde de Teo, Martiño Noriega, decidirá se opta a liderar a candidatura

Pontevedra e Ferrol

Quedaría agora por saber a decisión que tomen os simpatizantes de Podemos en Pontevedra e Ferrol. Segundo aseguran desde a dirección galega da formación, en ambos os dous casos está "pendente" levar a cabo as votacións, que se realizarían na segunda quenda de consultas sobre as eleccións municipais, a finais deste mes de marzo.

As asembleas de Ferrol e Pontevedra deberán votar aínda sobre a confluencia, aínda que o apoio á Marea parece clara na capital do Lérez

No caso da cidade do Lérez, a Marea ten xa presentada publicamente a súa lista e o seu candidato á alcaldía, Luís Rei, apoiado por diferentes formacións políticas e colectivos sociais nun proceso no que Podemos tamén amosou o seu apoio. Faltaría xa o aval formal e oficial da formación de Pablo Iglesias. 

En Ferrol, a Marea Ártabra continúa a avanzar nunhas primarias que se celebrarán o 20 de marzo, aínda que o complicado proceso de Podemos nesta cidade parece dificultar tamén o seu apoio a esta iniciativa, que non é nin moito menos claro. "Non se solicitou aínda facer consulta ningunha", insisten desde o partido, que non está constituído oficialmente na cidade departamental logo das irregularidades detecadas nas votacións para elixir o seu consello cidadán. 

 

Candocia, candidata por Ames Novo

Por outra banda, Pilar Candocia encabezará a candidatura da Iniciativa Cidadá Ames Novo tras as eleccións primarias levadas a cabo a pasada fin de semana e que, segundo a plataforma, son as de "maior participación de Galicia". Máis de 500 persoas participaron nun proceso no que a elixida acadou 300 votos e na que os once primeiros da listaxe obtiveorn máis de cen votos cada un. O segundo posto da candidatura corresponde a María Jesús Bóo e o terceiro a Xaime Subiela. 

Presentación das primarias da Marea Atlántica Dominio Público @mareatlantica
Presentación de Compostela Aberta CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.