Este venres, ás 20.31 horas da tarde, Pablo Iglesias publicaba un chío en Twitter no que animaba a participar este sábado en Vigo na Marea Constituínte que impulsaron os denominados alcaldes do cambio para acelerar o proceso de confluencia da esquerda cara as autonómicas do outono. “En Galicia mañana hay #MareaConstituinte. Adelante, construyamos las alianzas del cambio que llegará a la Xunta!”, dicía o líder de Podemos. Pouco despois, nunha votación consultiva “non oficial” celebrada tras unha asemblea en Santiago, 192 simpatizantes de Podemos amosaban a súa preferencia por acudir ás autonómicas coa marca de Podemos fronte a 36 que apostaban por facelo coa marca de En Marea.
A secretaria xeral galega, Carmen Santos, acude finalmente este sábado ao encontro constituínte de Vigo á espera de que as bases decidan o martes se concorren ás autonómicas en solitario ou “en alianza electoral”
Con ese resultado sobre a mesa, este sábado a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, acudirá ao encontro de Vigo coa Marea para dicir que quere seguir traballando pola confluencia pero sen diluír nela o seu propio proxecto político. “Son uns aliados fraternos, e queremos traballar con eles, pero queremos manter o noso proxecto que é lexítimo, e eses van a ser os termos nos que imos seguir traballando xuntos e tecendo alianzas", di Santos.
Á espera do que decida este sábado a Marea Constituínte, o seguinte paso de Podemos Galicia será unha consulta telemática aos seus 20.000 inscritos que se celebrará ata o próximo martes. Na pregunta que se lles formulará contémplanse dúas opcións para a participación de Podemos nas autonómicas: “en alianza electoral con outras forzas políticas e sociais do cambio” ou “en solitario”. Unha formulación que non explicita a aspiración dos alcaldes do cambio de concorrer baixo unha soa marca, como defenderán este sábado na Marea Constituinte de Vigo, que conta cuns 2.500 inscritos.