Podemos irá en solitario ás galegas "a non ser que a xente de Galicia decida outra cousa"

Bescansa, no encontro organizado polo CPXG CC-BY-SA Praza Pública

Expectación. A presenza en Galicia da secretaria de Análise Política e Social de Podemos, a compostelá Carolina Bescansa, espertou esta semana unha notable expectación tanto nos círculos da formación -especialmente nalgúns dos territorios máis convulsos, caso de Vigo- e tamén nos medios de comunicación, cos que se atopou nun dos encontros informativos que vén organizando o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e polos que antes xa pasaron Anxo Quintana, Xoán Bascuas ou Xavier Vence. Malia atoparse en pleno proceso de implantación nos concellos Bescansa non obvia que os dous grandes retos que o partido ten por diante no vindeiro ano son as eleccións autonómicas das comunidades de réxime común e, sobre todo, as xerais previstas para o outono. E, que acontece coas eleccións ao Parlamento de Galicia? Falta moito, evidencia, se ben deita un chisco de luz sobre o seu roteiro, que pasa por non pechar as portas ás alianzas.

A directriz emanada da asemblea fundacional de Podemos indica que, como norma xeral, a forza que encabeza Pablo Iglesias concorrerá aos parlamentos autonómicos en solitario, coa súa "marca" e unha "papeleta" de seu. Iso implica, polo tanto, que calquera confluencia pasa pola integración baixo o paraugas de Podemos? O aprobado, subliña Bescansa, é ir en solitario. Pero, que acontece cos posibles achegamentos a formacións como as agora integradas en AGE? A concorrencia será en solitario, "a non ser que a xente de Podemos en Galicia decida outra cousa". Eses acordos, reitera, "decídeos a xente de Podemos" e non os seus dirixentes, asegura.

Podemos supedita o apoio ás mareas a, entre outros aspectos, que os pactos postelectorais sexan decididos en "referendo"

Desa "xente de Podemos", da militancia, depende tamén o xeito en que o partido actuará nas eleccións municipais de maio, ás que non concorrerá como tal. Nos concellos tamén hai "urxencia de cambio" e por iso, unha vez concluída a configuración da súa estrutura local, a finais de decembro, abordarán o "debate sobre cada unha das inicitivas municipalistas", isto é, sobre as mareas no caso galego. Que as apoien ou non, ademais das cuestións programáticas en cada localidade, estará supeditado a que as candidaturas se elixan a través de primarias abertas, que haxa un "debate aberto" para a elaboración dos programas e que os pactos postelectorais, salientan, sexan sometidos "a referendo". "Entre xaneiro e febreiro estaremos en condicións de abordar ese debate".

Feijóo, corrupción e lingua

Alén de cuestións sectoriais, caso por exemplo do funcionamento "oligopólico" dos grandes medios de comunicación, Bescansa aborda tamén, a preguntas dos informadores, a aposta do presidente da Xunta por cargar contra o novo partido, acusando a súa dirección de seren parte da "burguesía" mentres que el, por nacer nunha aldea, é "máis de Podemos que os de Podemos". Se ben, ao seu xuízo, ten que ser o propio Alberto Núñez Feijóo quen "explique" esas declaracións, Carolina Bescansa si reta o xefe de filas do PPdeG a "debater" sobre "propostas" en ámbitos como a "sanidade, educación, a débeda", o gasto público da Xunta de Galicia e, "moi especialmente, sobre corrupción", coa que o PP ten "un problema especial" que "non é compatible coa democracia". "Se el se sente de Podemos, se cadra tamén temos que falar diso", ironiza.

"Ninguén discute que a lingua é un elemento central de Galicia como pobo"

Neste contexto, a dirixente de Podemos tamén é cuestionada a respecto dunha das cuestións máis controvertidas na implantación do partido en Galicia: a lingua e o uso de toponimia deturpada por parte dalgúns dos seus membros. "Hai xa nestas alturas cousas que ninguén discute", afirma, e unha delas é o "respecto" á lingua galega como "elemento central da cultura" e de Galicia "como pobo". A partir desta premisa, admite, o partido aínda ten por diante a tarefa de "discutir" e deseñar "políticas concretas e de comunicación", así como liñas programáticas sobre a lingua en ámbitos como o educativo. "En Podemos as cousas decídeas a xente, os tempos da democracia son un pouco máis lentos", resolve.

Bescansa, no encontro organizado polo CPXG CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.