Podemos non se presentará ás municipais en todo o Estado e apoiará candidaturas cidadás

Acto de Podemos con Pablo Iglesias CC-BY-SA Podemos

Podemos non se medirá nas próximas eleccións municipais. Non polo menos no modo tradicional da contenda electoral. Os de Pablo Iglesias non presentarán listas xeneralizadas aos concellos. A súa estratexia pasará por apoiar candidaturas cidadás nos lugares onde ofrezan as garantías suficientes para comprometer as súas siglas e o apoio das súas caras máis visibles. O exemplo máis claro é o de Guanyem Barcelona, candidatura liderada por Ada Colau para o Concello da capital catalá e que contará coa complicidade e apoio de Podemos. Outros procesos, como o impulsado na Coruña como Marea Atlántica e de adscrición individual e sen siglas, poderían tamén contar co apoio dunha formación con escasa estrutura nas cidades galegas.

Os portavoces máis coñecidos de Podemos consideran que concorrer ás municipais de maneira xeral leva máis riscos que beneficios

A decisión final tomarase na asemblea cidadá de outono. Con todo, o equipo promotor do partido xa tivo o debate previo con cuxas conclusións chegarán a esa cita coa militancia. A falta de elixir dirección, os portavoces máis coñecidos de Podemos consideran que concorrer ás municipais de maneira xeral leva máis riscos que beneficios. Segundo fontes do equipo promotor, "queremos evitar a chegada de paracaidistas. Non podemos configurar listas sen contar con todas as garantías".

O propio Pablo Iglesias recoñeceu os riscos a que unha hipotética formación apresurada de listas leve ás candidaturas de Podemos a persoas con intereses ocultos. "É un perigo co que temos que ter moito coidado", advertiu Iglesias en resposta a un militante durante un encontro dixital celebrado este martes en Reddit.

A formación teme que candidatos cuestionables acaben usando Podemos en varias localidades

A encrucillada que expón esa decisión está chea de arestas. En Podemos son conscientes de que o paso atrás en municipais podería frear a súa ascensión, fixada agora nun 13,7% dos votos segundo a enquisa de Celeste-tel para eldiario.es. Hai temor de que a decisión supoña a perda dunha oportunidade única, pero o equipo promotor prefire asumir ese risco a que un candidato cuestionable se coe sen o debido control do partido.

Podemos aínda non configurou a súa estrutura organizativa. O pasado 24 de xullo, eldiario.es avanzou o esquema de partido deseñado polos principais dirixentes. O modelo proposto aposta polo centralismo na toma das principais decisións. De prosperar esa proposta, o consello cidadán (un órgano composto por 80 persoas) sería o encargado de tomar decisións sobre que facer en cada convocatoria electoral e como elixir as listas. Dito doutro xeito, a dirección do partido terá, tras a asemblea de outono, a decisión final sobre se Podemos se presenta ou non ás eleccións municipais.

Para frear o desencanto dos círculos que xa estivesen a pensar en chegar ás alcaldías, Podemos vai favorecer a creación de candidaturas cidadás. Trátase de promocionar unha especie de marcas brancas para asistir aos comicios sen comprometer ao partido e a súa folla de ruta centrada nas eleccións xerais. Do mesmo xeito que Guanyem en Barcelona, en cidades como Madrid, Zaragoza, A Coruña ou Málaga acelerouse a creación destes novos espazos de participación política.

A análise realizada polos promotores de Podemos conta con outra variable: Esquerda Anticapitalista. Esta antiga escisión de EU é un dos apoios sobre os que Iglesias creou a revelación política das europeas e o sector con quen agora mantén as maiores tensións. Esquerda Anticapitalista é a parte con maior presenza estatal dentro da organización de Podemos. De cara ás municipais, Podemos podería apoiarse nesa estrutura para buscar un puñado de listas propias. Con todo, a decisión final dos promotores pasa por eludir ese apoio para non dotar aos coñecidos como "anticapis" con máis poder que o que Iglesiaas e os seus estean dispostos a xestionar nun futuro.

Acto de Podemos Dominio Público @ahorapodemos
Cartel electoral de Podemos Dominio Público @ahorapodemos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.