Podemos non ve con malos ollos que En Marea vire en partido instrumental

Ángela Rodríguez e Íñigo Errejón, en Pontevedra Dominio Público @MareaPontevedra

A dirección estatal de Podemos dá o seu visto e prace a que En Marea vire dunha coalición de partidos a un partido instrumental, unha fórmula xurídica empregada polas principais e máis exitosas mareas municipais -que apostan en xeral por esta fórmula- e pola que volveu apostar tamén Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, hai tan só uns días. 

Anova ou as mareas municipais apostan claramente polo partido instrumental para ampliar o espazo de En Marea

Así se deduce das palabras de Íñigo Errejón, número dous de Podemos e voceiro no Congreso da formación morada, que estivo esta fin de semana en Pontevedra participando nas xornadas Das prazas ás institucións. Para o político madrileño, a proposta de partido instrumental é unha "cuestión secundaria" de índole formal e apelou á autonomía do "espazo político propio" de Galicia.

A proposta do partido instrumental, que é tamén a das Mareas en Común que impulsan un espazo de confluencia de cara ás autonómicas ou do Encontro Cidadán por unha Marea Galega, permitiría asegurar o grupo propio galego no caso de repetírense as xerais e, sobre todo, ampliar e abrir o proceso á cidadanía e colectivos que a fórmula da coalición electoral limita, e moito. Ademais, daríalle personalidade propia a un espazo político en Galicia que pretende espallarse. 

Errejón cre que “o xeito de concorrer ou a fórmula xurídica” tan só é unha “cuestión secundaria”

Para o número dous de Podemos a nivel estatal, o fundamental é que “En Marea siga sendo quen de atraer a esa maioría social que pide un cambio nas institucións” e “o xeito de concorrer ou a fórmula xurídica” tan só é unha “cuestión secundaria”. Errejón coincidiu este domingo co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, nas xornadas de Pontevedra.

O rexedor da Marea Atlántica  insistiu en que a discusión "non é se convertemos En Marea en partido ou non", senón que a cidadanía poida "utilizar En Marea para as súas reivindicacións". "A confluencia é un mandato das prazas do 15M. Facer a política dos máis fronte á política dos menos", rematou Ferreiro. 

Ángela Rodríguez e Íñigo Errejón, en Pontevedra Dominio Público @MareaPontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.