Politólogos da USC estudan repudiar a Pujol como padriño da súa promoción

Jordi Pujol, durante un acto político CC-BY-NC-SA Josep Tomàs

A pasada fin de semana, o ex presidente da Generalitat Jordi Pujol emitiu un comunicado no que recoñecía a existencia de contas non declaradas da súa famlia no estranxeiro procedentes dunha herdanza. Asegurou que "non atopara o momento axeitado para regularizalas" durante os "máis de trinta anos de vixencia do actual sistema fiscal". O escándalo foi maiúsculo, sobre todo tras chegar este comunicado dous anos despois de que o ex president negase eses feitos e logo de que a existencia deses cartos fora descuberta nun informe da UDEF no marco da investigación xudicial sobre a trama de financiamento ilegal do seu partido.

A promoción de Ciencia Política 2008-2012 media repudiar a Jordi Pujol como padriño da súa promoción

A figura do que foi considerada unha das figuras claves da política contemporánea española e catalá quedou tocada. Tanto, que moitos dos seus antigos admiradores renegan xa del e que incluso o seu partido, CDC, fala xa dunha "refundación", afogado como está polos escándalos de corrupción. O rexeitamento chega de todos lados. Agora, os licenciados do Grao en Ciencia Política e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estuda repudiar a Jordi Pujol como padriño da súa promoción. Os alumnos da primeira promoción do Estado en completar esta titulación integramente no Marco Europeo de Estudos Superiores estudan agora se o rexeitan ou non e debaten arredor dun comunicado suxeito a cambios.

En maio de 2011, Jordi Pujol foi designado padriño da promoción 2008-2012 do Grao en Ciencia Política e da Administración. A iniciativa para o seu posiblemente rexeitamento xurdiu nunha conversa a través do móbil, tal como afirma Suso Baleato, un dos promotores da iniciativa, analista especializado en tecnoloxía política, que colabora coa OCDE e prepara a súa tese doutoral na Universidade de Konstanz (Alemaña).

O comunicado que estudan os politólogos cre que as confesións de Pujol "escurecen a súa labor política ao constatar que se produciu defraudando a confianza da cidadanía"

"Foi algo espontáneo. Decidinme a redactar un comunicado e propoñelo ao resto da promoción no mesmo foro onde escolleramos antes ao padriño. Outro dos compañeiros, que ademais é xornalista, mellorou o texto e puxémolo no foro e na web para que todo o mundo poida valorar a proposta", explica. No texto, esta promoción de políticas aclara que escolleron a Pujol para recoñecer a súa achega no proceso de restauración democrática e a constitución do estado das autonomías. Porén, tras coñecerse o contido do comunicado, a promoción entende que esas revelacións "escurecen a súa labor política ao constatar que se produciu defraudando a confianza da cidadanía española a traverso de prácticas contrarias á ética pública".

"Tendemos a esquecer que a corrupción só existe na medida en que é tolerada pola sociedade"

"Tendemos a esquecer que a corrupción só existe na medida en que é tolerada pola sociedade", afirma Baleato, referíndose ao que sucede e Alemaña, onde traballa nun centro de investigación. "O rexeitamento social á corrupción neste país é case virulento. E non se refire só corrupción política ou económica. Por exemplo, no ámbito académico dous ministros de Merkel tiveron que demitir xa por plaxiar as súas teses doutorais", di o autor de Qué hacemos con la financiación de los partidos.

Para esta promoción, "política e mais ética deben ser conceptos inseparábeis", motivo polo que non pode sentirse representada por alguén que, coma Jordi Pujol, "pese a ter efectuado unha importante tarefa política, non a acompañara dunha conducta ética axeitada".

Porén, algúns alumnos da promoción manifestaron a súa disconformidade, preferindo manter a Pujol como padriño, pese a ter recoñecido a ter ocultado contas en paraísos fiscais e ter mentido á opinión pública. Por este motivo, decidiron someter a súa decisión a unha votación, que estará aberta durante un mes para permitir participar a todos os membros da promoción.

Unha votación aberta durante un mes decidirá se repudian ou non a Pujol. "O relevante é que se estea discutindo", aclara Baleato

Non obstante, para para Baleato, o importante é que a iniciativa se plantexara. "O relevante é que se esté discutindo a nosa implicación como politólogos e como cidadáns no fenómeno da corrupción e as obxecións que xurdiron penso que se deben máis á  vontade de garantizar un proceso decisional o mais transparente posible, pois xa tivemos malas experiencias nese sentido no pasado."

No caso de que a votación sexa favorable, a promoción tomará a decisión de "declararse orfa de padriño", considerando que "malia tratarse dun acto simbólico, entendemos que pode ser útil para sinalar a necesidade  de rexeitar públicamente prácticas economicamente perniciosas e socialmente inaceptabeis", tal como se recolle no texto que están a valorar. "Ogallá que outras promocións sigan o noso exemplo" conclúe Baleato.

Jordi Pujol CC-BY-NC-ND Oriol Campuzano

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.