Ponteareas deberá aboar 1,3 millóns en facturas impagadas polo goberno anterior

Casa do Concello de Ponteareas © Concello de Ponteareas

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de obrigar ao Concello de Ponteareas a pagarlle 1,3 millóns de euros á empresa Central Eléctrica Sestelo pola débeda xerada entre os anos 2007 a 2009 correspondente ao consumo eléctrico de alumeado público e diversas instalacións municipais. Únense a outros 3 millóns de euros de obrigas anteriores ás que o novo equipo municipal tivo que facer fronte no seu primeiro ano de mandato. Dende as eleccións de maio de 2015 goberna a localidade Xosé Represas Giráldez (BNG), que sucedeu ao popular Salvador González Solla, responsable destas facturas non pagadas.

Únense a outros 3 millóns de euros de obrigas anteriores ás que o novo equipo municipal tivo que facer fronte no seu primeiro ano de mandato

"Estas decisións do anterior Goberno de gastar sen control e non ser capaces de atender nin o gasto corrente, provocaron unha situación económica insostible co Concello na bancarrota, dando mala imaxe de Ponteareas con reclamacións continúas, e débedas esquecidas mesmo de 1998”, salienta Represas. O Concello de Ponteareas foi intervido polo Estado en 2012, atopándose nese momento nunha situación que quebra financeira que obrigou o Goberno central a facerse co control das contas municipais, retendo un 50% dos ingresos municipais para evitar o aumento da débeda e previr o debalde que, aparentemente, levara a institución a esta circunstancia. Esta situación produciuse, ademais, no marco das irregularidades denunciadas pola investigación da Operación Patos.

Neste caso, a sentenza do TSXG responde a un recurso presentado pola compañía eléctrica contra a decisión do anterior goberno do PP de deixar sen pagar facturas de 2007 (por 328.061 euros), 2008 (por 596.533) e 2009 (por 401.582), que suman un total de 1.326.177 euros. O tribunal deulle a razón á empresa demandante e, polo tanto, ordea o abono de toda a débeda que non prescribira no momento do plan de pago a provedores en abril de 2012, no que o executivo Salvador González rexeitou incluir estas débedas, provocando a demanda xudicial da empresa. Fontes do Concello de Ponteareas afirman que a sentenza "era previsible", e salientan que se converte “noutro burato económico máis, xenerado polo anterior goberno con Belén Villar ao cargo da facenda municipal”, en palabras de Francisco Alonso, actual concelleiro de Facenda. Belén Villar está investigada no marco da Patos polos encargos realizados á construtora Eiriña.

"Estas decisións do anterior Goberno de gastar sen control e non ser capaces de atender nin o gasto corrente, provocaron unha situación económica insostible co Concello na bancarrota", denuncia o alcalde

Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, salienta as "sorpresas" coas que cada pouco se está atopando o novo Goberno municipal, sorpresas "orixinadas pola irresponsabilidade do anterior Goberno que teñen afectado negativamente aos intereses xerais de Ponteareas", di. Represas considera que esta nova condena supón "unha dificultade engadida para levar a cabo novas políticas de cambio e para favorecer a creación de emprego", pero engade que farán "todo o posible para que a veciñanza non  pague as consecuencias da nefasta xestión do PP".

“Agora, unha das prioridades é abordar a aplicación desta nova condena, buscando a formula máis vantaxosa para os intereses municipais e para evitar máis atrasos ou incumprimentos nos pagamentos para que a débeda non siga incrementándose”, sinala. “Estamos realizando unha xestión axustada do gasto do Concello para atender todos os servizos básicos e as medidas de benestar social", engade. E conclúe pedindo unha "reflexión" para que "nunca máis se consintan gobernos corruptos que xestionan e gastan sen control”.

 

Casa do Concello de Ponteareas © Concello de Ponteareas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.