Pontón acusa a Feijóo de "competir con Ciudadanos en aplicar a normativa máis antigalega"

Ana Pontón, no acto sobre lingua na Coruña © BNG

Ana Pontón reivindicou este domingo na Coruña o "dereito a vivir en galego” durante un acto con ducias de cativos e seus pais. “É triste que Núñez Feijóo se queira despedir da presidencia da Xunta cun novo paso atrás, no que parece competir con Ciudadanos en ver quen aplica a normativa máis antigalega”, afirmou.

Pontón avoga por garantir o dereito ao ensino en galego e derrogar a "normativa antigalega do PP"

“Queremos que a partir do 25 de setembro abramos un tempo novo para a lingua galega, onde teñamos un Goberno que tenda a man ao desenvolvemento pleno do noso idioma e non peche os ollos ante as discriminacións diarias que se producen en Galiza por utilizala”, afirmou Pontón, que avogou por garantir o dereito ao ensino en galego e afirmou a intención do BNG de derrogar a "normativa antigalega do PP". Ademais, reivindicou que a segunda canle da TVG estea dedicada a público infantil e xuvenil con programación en galego e medidas para garantir que “a lingua galega non sexa tratada como lingua estranxeira no seu propio país”, indicou.

O BNG quere que a segunda canle da TVG se dedique aos nenos con programación en galego e medidas para que “a lingua galega non sexa tratada como estranxeira”

“Durante os últimos sete anos tivemos atrancos no desenvolvemento do noso idioma e dende o BNG o que defendemos é que a partir do 25 de setembro fagamos posíbel medrar en galego, vivir en galego e acabar con estas políticas que converteron a lingua galega en estranxeira na súa propia terra”,insistiu quen lembrou que o Executivo de Feijóo "foi quen en 30 anos prohibiu que determinadas materias se puidesen dar en galego na Galiza”

O Bloque, como lembrou Pontón, aposta por aplicar o Plan de Normalización Lingüística e por dar pasos cara adiante na defensa e na promoción do noso idioma, “tanto no que se refire á proxección internacional da nosa cultura como ás posibilidades de poder dirixirnos con normalidade a calquera administración ou empresa que actúe no noso país na lingua galega”. “Nós imos derrogar a partir do 25-S ese decreto que elimina unha acción positiva a favor do idioma, como o feito de que fora a lingua normal cos administrados e tamén imos garantir que haxa pasos efectivos para a utilización do galego na Xustiza e en todos os ámbitos sociais, para crear un marco favorábel ao desenvolvemento do noso idioma”, dixo en referencia á última iniciativa de Feijóo. 

Por último, asegurou que os medios de comunicación "teñen unha débeda cos nenos e nenas de Galiza". “Eu fun unha das adolescentes da Xeración Xabarín”, dixo, “e agora temos uns medios públicos públicos que case non ofertan programación infantil e xuvenil en galego, por iso reivindicamos que a segunda canle da televisión pública se destine a reforzar o noso idioma", dixo. 

Ana Pontón, no acto sobre lingua na Coruña © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.