Pontón apela ao “premio extra” do voto ao BNG: defender Galicia e “frear a dereita rancia”

Acto do BNG no porto da Coruña © BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou este sábado aos indecisos para que voten a súa formación o 28A porque facelo ten “premio extra” ao “garantir” a defensa de Galicia e frear a entrada tamén da “dereita carca, rancia e antigalega” que, dixo, representan “Vox e Ciudadanos”.

Pontón fixo esta referencia tendo en conta a posibilidade de que o BNG dispute escanos en Pontevedra e na Coruña coas dúas formacións de dereitas e insistiu en que “non fai falla ser nacionalista” para votar o Bloque, senón “querer un futuro mellor para este país”. 

Pontón apelou ao voto a quen "defende Galicia, dereitos sociais, liberdades públicas e democracia”, pero tamén “impide que haxa un só escano da dereitona rancia, machista e antigalega”

Así, Pontón apelou ao voto "decisivo" a unha formación que "defende Galicia, dereitos sociais, liberdades públicas e democracia”, pero que tamén “impide que haxa un só escano da dereitona rancia, machista e antigalega” á que cre que lle están “disputando escanos”.

A portavoz do BNG non quixo entrar a valorar as enquisas, nin as que lle "gustan menos", nin as que lle "gustan máis", máis aló de que confirmen "un BNG en remontada" que vai "ser a sorpresa destas eleccións". 

Acto do BNG no porto da Coruña © BNG

A dirixente do BNG fixo estas declaración nun acto no Porto da Coruña xunto ao candidato ao Congreso por esta provincia, Néstor Rego, onde puxo a dársena da cidade herculina como un exemplo da “discriminación” das forzas estatais. A situación cos terreos interiores do porto e co financiamento de Punta Langosteira é un exemplo de manual da discriminación do Estado e do inútil que resulta ter deputados que en lugar de defender os intereses dos e das galegas están para facer o que mandan os seus xefes dende Madrid”, denunciou tras lembrar que o Estado investiu nos portos de Xixón, Valencia, Barcelona e Bilbao máis de 5.000 millóns de euros.

Néstor Rego asegura que defenderá no Congreso a devolución dos terreos portuarios á cidade e que o Estado financie o 100% de Punta Langosteira

“O compromiso do BNG é claro: condicionaremos o goberno do Estado a que financie Punta Langosteira e que os terreos do porto interior sexan devoltos á cidade”, dixo Rego, que demandou “que se atendan as principais reclamacións da cidade basicamente en tres aspectos: a condonación da débeda de Punta Langosteira finiquitando a discriminación con respecto ao porto de Valencia, dotación e execución orzamentaria dos 140 millóns necesarios para a conexión co porto exterior que lle dá operatividade e competitividade e, en terceiro lugar, que os terreos do porto interior sexan devoltos á cidade da Coruña”, explicou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.