Pontón asegura que será "a primeira en chamar a Villares e Leiceaga" se Feijóo perde a absoluta

Pontón, este xoves en Santiago © Nueva Economía Forum

Ás portas da campaña electoral as principais forzas que concorren ás eleccións do vindeiro 25S intercambiaron medidas chiscadelas a prol dun eventual entendemento postelectoral se a aritmética do Parlamento así o permitía. Isto é, se o PP perdía a maioría absoluta. Case a continuación a enquisa do CIS, organismo en horas baixas polos seus recentes fallos de prognóstico pero autor, en todo caso, do inquérito máis completo desta carreira electoral, arrefriou os ánimos ao prognósticar que, catro anos despois, a maioría dos de Alberto Núñez Feijóo segue intacta. No entanto, en plena vaga expansiva do debate do pasado luns esas chiscadelas regresaron, se cadra dun xeito máis explícito. Tanto como o expresado este venres, por exemplo, pola aspirante á Xunta polo BNG, Ana Pontón: ela, di, non dubidará en ser "a primeira en chamar a Villares e Leiceaga" se na madrugada do 25 ao 26 aos conservadores non lles dan as contas.

Tras ser vista, en xeral, como a candidata que mellor rendibilizou o debate a cinco -o mesmo que Feijóo rexeita agora reproducir en TVE-, Pontón protagonizou este xoves un almorzo informativo organizado por Nueva Economía. Tras unha intervención de marcado carácter económico, na que expuxo propostas como a banca pública, a facenda propia ou a aposta por recuperar o investimento en I+D+i recortado nos últimos anos, a candidata soberanista foi cuestionada pola súa disposición un pacto de esquerda. Ela, evidencia, concorre aos comicios para "gobernar o país" e por iso "preferiría" que un novo goberno fose "encabezado" polo Bloque. No entanto, resalta, nas últimas semanas está a ser "moi clara" a respecto dos "pactos".

Pontón comprométese a "falar esa mesma noite sobre propostas para un goberno alternativo"

Se as urnas non ditaminan "unha maioría clara", isto é, unha absoluta do PP, "esa mesma noite" a tamén líder do BNG comprométese a "chamar" os candidatos de PSdeG e En Marea "para falar sobre propostas que permitan un goberno alternativo" e "deixar atrás" os anos do PP. E vaino facer, asegura, coa independencia da "demonización" que o PP retoma a respecto das coalicións -mentres, resalta, esixe "un tripartito" para España- e despois, augura, de dar "unha gran sorpresa nas eleccións".

Leiceaga "tende a man" ás "forzas progresistas" para "acordos razoables"

Case á mesma hora e noutro almorzo informativo o candidato socialista reiteraba a súa disposición ao acordo. Dende a aseveración de que o seu horizonte é "liderar" a esquerda e, polo tanto, o posible Goberno de esquerda, Xoaquín Fernández Leiceaga mantén que a súa "man" estará "tendida" ás demais "forzas progresistas" para tecer "acordos razoables" se é posible desbancar os populares. Algúns dos acordos aos que sería posible chegar, resalta, poderían ser os vinculados a "utilizar plenamente" o autogoberno de Galicia, a comezar por retomar as transferencias de competencias pendentes, caso da Autoestrada do Atlántico, as competencias sobre o litoral ou o tráfico e a seguridade viaria.

Villares: "Garantimos un goberno alternativo ao PP"

Nun sentido semellante expresábase tamén, novamente, o cabeza de cartel de En Marea. No marco dunha entrevista na Cadena SER Luís Villares foi preguntado por se apoiaría un pacto de esquerda con independencia da correlación de forzas que houbese nel ou se, pola contra, Galicia correría o risco de que sucedese algo semellante á investidura fallida da pasada primavera no Congreso. "Dixemos dende o principio que estamos comprometidos con este país e para acabar coas políticas antisociais do PP", retrucou.

Alén de que a formación que encabeza "non considera outra opción que non sexa que En Marea lidere o cambio político", Villares di "ser claro" ao respecto. "Garantimos un goberno alternativo ao PP" se Feijóo non ten maioría absoluta.

Leiceaga, o pasado mércores nun mitin en Vigo CC-BY-NC-SA PSdeG
Villares, no mitin de Ferrol CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.