Pontón avoga por un BNG "decisivo" tras o 28A para lograr unha "solución para Alcoa"

Ana Pontón e Néstor Rego, na xuntanza con delegados e delegadas sindicais da CIG CC-BY-NC-SA BNG

O BNG reivindicouse este martes como “clave” para que “haxa solución para os problemas que ten o desenvolvemento industrial” en Galicia e avogou por que o Bloque sexa “decisivo” tras o 28A para así “facer posible que haxa unha solución para Alcoa”

Así o dixo a súa voceira nacional, Ana Pontón, durante o encontro que xunto ao candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, mantivo con delegados e delegadas da CIG nunha comarca, dixo, especialmente afectada “pola invernía industrial de Galiza”, con 400 empregos en cuestión en Alcoa e outros 5.000 en risco no conxunto do sector. 

Pontón ve nunha tarifa eléctrica para as electrointensivas "estable, predicible e competitiva" a solución para conflitos como o de Alcoa

Pontón advirte que a partir deste domingo vanse tomar “decisións que marcarán o futuro industrial” da comarca da Coruña e de Galicia e apostou por unha solución que pasa por conseguir unha tarifa para as empresas electrointensivas. “que sexa estable e predicible no tempo e competitiva” nun país que, destacou “produce electricidade a esgalla”, pero ten en risco milleiros de postos de traballo polos custos enerxéticos. 

“Mentres as eléctricas se fan de ouro, 400 traballadores e traballadoras teñen o corazón nun puño pendentes dunha conta atrás na que se xogan o seu futuro e o dos seus fillos e fillas”, destacou Pontón, que advertiu de que os escanos nacionalistas servirán para “defender os dereitos laborais da clase traballadora”. 

Néstor Rego, pola súa banda, insistiu na importancia de que Galicia teña “unha voz propia en Madrid” que leve ao Congreso “a voz da maioría social do país”. Fíxoo nunha xornada na que, tras o encontro cos delegados sindicais, tanto el como Pontón mantiveorn unha xuntanza con representantes do cadro de persoal e Isowat, onde están en risco 80 postos de traballo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.