Pontón confrontará con Feijóo no Parlamento ata a fin da lexislatura

Pontón e Jorquera, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Unha remuda "absolutamente natural". Na pasada Asemblea Nacional o BNG decidiu suprimir a incompatibilidade da portavocía nacional, para a que foi elixida Ana Pontón, coa candidatura á Presidencia da Xunta, que a propia Pontón asumiu a finais de abril. A formación soberanista completou este luns as remudas iniciadas en ambos procesos coa súa tradución parlamentaria: a portavoz nacional e candidata será tamén quen confronte co presidente da Xunta no Pazo do Hórreo ata o remate da lexislatura. O obxectivo, afirman, é facer ver a "alternativa de futuro" ao PP.

A propia Pontón e quen ata agora asumiu a portavocía, Francisco Jorquera, compareceron este luns ante a prensa para anunciar as mudanzas. Jorquera, candidato do Bloque en 2012, manterá a "coordinación do grupo parlamentario e a representación na Xunta de Portavoces", mentres que Pontón, como covoceira, será quen formule as preguntas nas sesións de control que resten ata as eleccións.

Jorquera: "Ana ten a responsabilidade de ser a máxima referente da política do BNG"

"Ana -explica Jorquera- ten a responsabilidade de ser a máxima referente da política do BNG", dado que como candidata á Presidencia "debe ter a oportunidade de contrastar nos debates parlamentarios o continuísmo que representa o señor Feijóo" coas propostas do Bloque. A líder nacionalista asume a tarefa tras un "traballo intenso" de Jorquera, de quen destaca o seu "rigor e seriedade, pero sobre todo a súa firmeza na defensa dos intereses de galegos e galegas".

"Cortina de fume" de Podemos

Pontón ponse á fronte do grupo do Bloque nos debates con Feijóo nun contexto no que, di, a formación frontista se compromete co posible cambio de Goberno en Galicia pero sen asumir o que considera "unha cortina de fume para tapar a grave crise de En Marea", di, en referencia á oferta da coalición para crear unha "Mesa polo Cambio Político en Galicia" que será "avaliada" polos "órganos de dirección" do Bloque. O BNG, di Pontón, "leva demostrado ao longo da súa historia que propiciou gobernos alternativos ao PP", pero que non vai ser "a sucursal de Podemos nin parte do decorado electoral de [Carolina] Bescansa".

Pontón: "O BNG leva demostrado ao longo da súa historia que propiciou gobernos alternativos ao PP"

Podemos, di en resposta á dirixente do partido que encabeza Pablo Iglesias, perdeu "cinco meses constatando con feitos que a súa prioridade non era desaloxar a Mariano Rajoy da Moncloa", toda vez que "os seus intereses partidistas estiveron por riba da defensa desa consigna que agora axitan". Así, afirma, "con toda a cordialidade", que Podemos debera "comezar por romper a pinza que ten co PP no Concello de Pontevedra", en referencia a Marea Pontevedra, e "propicie gobernos alternativos ao PP".

Neste sentido, a candidata do Bloque sinala que o seu programa irá "moito máis alá da proposta de desaloxo do PP". Será, asegura, un programa "con propostas popias para dar solución a unha situación de emerxencia nacional na que viven moitas galegas e galegos". Alén diso, agrega, o BNG "ten no seu ADN o diálogo" e "falar con todo o mundo", o cal "non signficará nunca converternos n unha sucursal.

Pontón e Jorquera, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.