Pontón contrapón as "guerras de poder" doutros partidos cun BNG "centrado nas propostas"

O BNG, presentando a candidatura pola Coruña CC-BY-SA BNG

A candidata á presidencia da Xunta polo Bloque, Ana Pontón contrapuxo este xoves as políticas de “autobombo ou guerras de poder” doutras forzas cun BNG, "centrado en escoitar, dialogar e explicar propostas para que os galegos e galegas saiamos adiante nun momento tan difícil e complexo”.

Pontón contrapón as "guerras de poder" doutros partidos cun BNG "centrado en escoitar, dialogar e explicar propostas"

A candidata, durante a presentación da lista pola Coruña, lembrou que hai máis de tres semanas que o BNG aprobou as súas candidaturas porque o importante, dixo, é traballar cun “proxecto claro, definido e solvente” para avanzar cun “programa sólido e de país”.

Ademais, Pontón advertiu que o 25S o país non se xoga “un mero cambio de xestores”, senón que "son necesarias mudanzas estruturais para facer fronte ás desigualdades sociais e a diverxencia económica de Galiza". "O BNG aposta por eses cambios a través dun proxecto alternativo cheo de solvencia, experiencia e valentía para o cambio político que se vai producir nas vindeiras eleccións de setembro", engadiu.

Asemade, a candidata do BNG asegurou que é "necesario superar o Estatuto e aplicar políticas na defensa do noso idioma e cultura".

Pola súa banda, Xosé Luís Rivas, Mini, número 2 da candidatura pola Coruña, afirmou  que a candidatura do BNG pola provincia, ao igual que as candidaturas do resto das provincias, caracterizase  “pola súa seriedade, amabilidade  e non anda con vaivéns do vento”.

O BNG, presentando a candidatura pola Coruña CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.