Pontón, disposta a practicar a "insubmisión" con aquelas leis "que causan dor e sufrimento"

Candidatos e candidatas do BNG no acto celebrado en Rianxo © BNG

A candidata do BNG, Ana Pontón, afirmou en Rianxo que a súa formación "é a candidatura que confía en Galiza sen tutelas nin sucursalismos”. “Reconversións navais, crise láctea, despece da frota, Prestige, Ence, Gurtël e agora Soria premiado no Banco Mundial. Para que isto cambie temos que facer algo diferente e confiar neste país, porque o 25S é imprescindible derrotar á dereita pero con iso non chega, é preciso un cambio estrutural como o que representa o BNG, que dea solucións a Galiza de hoxe”, asegurou.

“Estamos nunha situación de emerxencia que require algo máis que parches ou un simple cambio de xestores. É o momento da política ao servizo do pobo, e no BNG temos programa, ambición de país, un proxecto sólido e con experiencia no que os galegos e galegos poden confiar”, salientou. Pontón amosouse disposta a "practicar a insubmisión con aquelas leis que causan dor e sufrimento, coas normas que prexudican a vida das persoas".

Pontón reivindicou “máis poder político” para resolver os problemas de fondo: decadencia demográfica, despoboamento, paro, crise estrutural dos sectores produtivos". “Poder político para decidir na economía produtiva, para xerar emprego, elevar os salarios e as pensións, blindar os servizos públicos, recuperar á mocidade emigrada e para defender a lingua e cultura”, dixo.

A candidata do BNG reclamou "a xestión do 100% dos impostos e do aforro a través dunha facenda e dunha banca galegas". “Conseguiríamos máis recursos para crear emprego, blindar os servizos públicos e o benestar social”, dixo. Tamén reivindicou "competencias plenas para aplicar unha política de promoción económica a medida dos nosos sectores produtivos, non das transnacionais, e poñer o país a producir”.

Ana Pontón no acto celebrado en Rianxo © BNG
Candidatos e candidatas do BNG no acto celebrado en Rianxo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.