Na súa prolongadísima declaración ante a Fiscalía no comezo do xuízo pola 'caixa b' do Partido Popular, o ex-tesoureiro da formación, Luis Bárcenas, puxo foco por dúas veces no PP de Galicia. Ambas, para atribuír a esa contabilidade de diñeiro negro fondos datados cando o presidente do partido en Galicia xa era Alberto Núñez Feijóo, nos anos 2006 e 2010.
O ex-tesoureiro atribúe á contabilidade 'b' 2 millóns en doazóns do PP galego datadas cando Feijóo xa o presidía e asegura que a derradeira achega a ese financiamento irregular foron 50.000 euros dende o PP de Pontevedra
Sempre segundo a versión de Bárcenas, o PPdeG xestionou durante o ano 2006, no que Feijóo accedeu ao liderado en substitución de Manuel Fraga, case 2 millóns de euros en doazóns de empresarios que serviron para sufragar a campaña das eleccións galegas do anterior por vías alleas á legalidade vixente no momento. Ademais, asegurou a preguntas do fiscal, de Galicia procederon tamén os que, asegura, foron os derradeiros 50.000 euros da 'caixa B'. Concretamente, do PP de Pontevedra, di.
O rexurdimento de ambas acusacións, que o propio Bárcenas xa expresara hai máis de oito anos, cando deu en ofrecer por primeira vez detalles da 'caixa B' á Xustiza, vén de facer rexurdir tamén as peticións de explicacións na oposición galega. Tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, piden contas directamente a Feijóo sobre as finanzas ás que se refire Bárcenas porque, resaltan, el xa era o líder do partido en Galicia no período cuestionado.
A líder do BNG ve "urxente" que Feijóo "dea explicacións" e cuestionarao ao respecto na vindeira sesión de control: "Esconderse só incrementa as dúbidas", di
A xuízo de Pontón, Feijóo non pode limitarse a "ignorar" as declaracións de Bárcenas ante a Audiencia Nacional, toda vez que "volven situar o oco na corrupción do seu partido". "É urxente que dea explicacións" sobre as doazóns "á caixa B no partido en Galiza cando el xa era presidente do PPdeG". "Se algo nos repugna ás persoas que cremos que a política debe estar ao servizo das cidadanía é a corrupción" e "esconderse ou non dar explicacións só incrementa as dúbidas".
Ante a posibilidade de que Feijóo non aborde o asunto motu proprio, Pontón adianta que formulará a pregunta directamente no Parlamento. Así, instará o presidente a falar das achegas á 'caixa b' que Bárcenas atribúe ao PPdeG na vindeira sesión de control.
Tamén o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ve imprescindible que Feijóo ofreza "explicacións públicas tras a declaración xurada" na que Bárcenas "apuntou que a última operación pagada polo fondo da caixa B procedía do PP de Pontevedra. Non en van, resalta, no ano 2010 Feijóo "xa lideraba o partido", cargo no que fora elixido a mediados de xaneiro de 2006.
Caballero ve imprescindible que Feijóo dea "explicacións públicas tras a declaración xurada" na que Bárcenas "declara que o PP galego, na etapa de Feijóo, entregou 50.000 euros á caixa B"
O presidente da Xunta e do PPdeG, defende o líder socialista, "non pode seguir escapando de dar explicacións" mentres o ex-tesoureiro do seu partido "declara que o PP galego, na etapa de Feijóo, entregou 50.000 euros da caixa B que tiveron como destinatarios finais a Rajoy e De Cospedal. "Como líder do PSdeG e como cidadán teño claro que cómpre ser implacables coa corrupción", agrega Caballero, que tamén trasladará o asunto á vindeira sesión de control a Feijóo.
Tanto Pontón como Caballero subliñan que as declaracións de Bárcenas chegan despois de que o 'número dous' da trama Gürtel e antigo secretario de organización do PP de Galicia, Pablo Crespo, tamén afirmase ante os tribunais que os populares galegos manexaran diñeiro negro para financiarse. Ante anteriores acusacións tanto de Bárcenas como de Crespo, o PPdeG defendeu que non existiran achegas irregulares de empresas á formación "polo menos, dende que eu son presidente do partido; saberán os anteriores do anterior", matizara Feijóo. No ano 2013, cando Bárcenas concretou as acusacións por primeira vez, Feijóo tamén considerara "desproporcionado" comparecer no Parlamento ao respecto.