Bárcenas atribúe á contabilidade 'b' 2 millóns en doazóns do PP galego datadas cando Feijóo xa o presidía

Proclamación de Feijóo como líder do PP de Galicia en xaneiro de 2006 (arriba) e dous instantes da declaración de Bárcenas ante a Audiencia Nacional o 8 de marzo de 2021 CC-BY-SA Foto: PPdeG | Montaxe: Praza Pública

Nos días do verán de 2013 en que Luis Bárcenas, ex-tesoureiro do PP, deu en ofrecer por primeira vez á Xustiza detalles sobre a contabilidade de diñeiro negro que, defendía, o partido viñera xestionando durante décadas, o diario El País revelaba un documento achegado á investigación alén dos famosos papeis. Tratábase dun certificado que, informaba o xornal, fora elaborado polo PP de Galicia para xustificar ante a dirección central do partido como cubrira os gastos da campaña das eleccións galegas de 2005, ás últimas ás que concorreu encabezado por Manuel Fraga e tras as que acabaría perdendo a Xunta.

O informe exhibido pola Fiscalía e sinalado por Bárcenas como auténtico recolle 2 millóns en doazóns xestionadas polo PPdeG e datadas no ano 2006 que serviron, segundo o ex-tesoureiro, para sufragar a campaña das eleccións galegas de 2005

Esta semana, case oito anos despois dúas súas primeiras revelacións á Xustiza, o ex-tesoureiro está a declarar con profusión ante o tribunal da Audiencia Nacional que o xulga polo caso da 'caixa B'. No comezo do xuízo o fiscal anticorrupción, Antonio Romeral, pediulle detalles sobre diversos documentos da contabilidade do PP, tanto da oficial como sobre a que Bárcenas denominara "extracontable", a dos cartos en negro. Un deles é a devandita certificación sobre a campaña galega de hai década e media. Ao responder, o ex-tesoureiro volveu dar o documento por bo, como en 2013, e sinalou como parte desa 'caixa B' eses 2,6 millóns de euros en ingresos que, segundo indica o informe, xestionou o PPdeG durante o ano 2006, isto é, nos primeiros meses de Alberto Núñez Feijóo como presidente da formación en substitución de Fraga, remuda que foi oficial o 15 de xaneiro daquel ano.

Bárcenas asegura que os empresarios reflectidos no informe son "doadores específicos de Galicia e para Galicia" que fixeron pagamentos "aparte da contabilidade" oficial

Na primeira xornada de declaracións de Bárcenas no xuízo, o pasado día 8, o fiscal Romeral pediulle detalles sobre "que expresa" ese documento xa que, indica, o Ministerio Público non deu atopado "unha correlación" coas finanzas do partido. "Non é un documento da sede central nin ten nada que ver cos papeis", respondeu Bárcenas, xa que se trata "dun papel que remite" o daquela xerente do PP de Galicia -na altura, Modesto Fernández- explicando "como están cubrindo o financiamento da campaña electoral en Galicia".

Aínda que a campaña se desenvolvera na primeira metade de 2005 -as eleccións celebráranse o 19 de xuño daquel ano-, o informe refírese a "relación de ingresos" entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2006. O que indica, sinalou Bárcenas, son "as achegas que hai do Grupo Parlamentario de Galicia e dunha serie de empresarios que achegaron xa esas cantidades á campaña". Segundo o informe, o grupo parlamentario puxera 466.000 euros e a sede central, algo máis de 120.000. Ambos conceptos si cadrarían coas contas oficiais. No caso dos empresarios, abonda, son "doadores específicos de Galicia e para Galicia".

"No caso concreto de Galicia, é evidente que esas doazóns non estaban na contabilidade oficial ao ser de empresarios que licitaban con Administracións públicas"

"Isto estaba na contabilidade oficial?", repreguntou o fiscal. "Os conceptos oficiais, si", retrucou Bárcenas para despois abondar que boa parte dos doadores son "case todos, empresas da construción" e "é evidente que se tiveron que empregar en pagamentos aparte da contabilidade". "No caso concreto de Galicia, é evidente que esas doazóns non estaban na contabilidade oficial ao ser de empresarios que licitaban con Administracións públicas e entregaban cantidades que superaban os 6.000 euros, que eran a cantidade máxima; daquela, entendo que non figuraban nesa contabilidade", concluíu a súa declaración ao respecto. En realidade, o límite legal naqueles anos eran 60.000. "Non estaban", corroborou despois o fiscal. 

Boa parte das empresas que figuran no documento foran receptoras de múltiples adxudicacións do Goberno galego durante o fraguismo e tamén posteriormente. As que aceptaran responder a El País no momento da publicación do documento negaran esas achegas.

O PP declarara apenas 200.000 euros en fondos propios para a campaña

Os máis de 2 millóns de euros reflectidos no documento e sinalados por Luis Bárcenas como parte do financiamento daquela campaña electoral do PP en Galicia contrastan coas contas rendidas oficialmente polo partido ante o Consello de Contas. A formación, tras perder o Goberno, declarara que manexara un orzamento de 3,03 millóns de euros para a campaña electoral, dos que só 253.000 eran fondos propios do partido (cantidade que despois se reducira a 219.923). As contas, indicara, completábanse con 1,6 millóns do financiamento público ordinario con cargo aos resultados electorais e 1,2 millóns de préstamos bancarios.

Feijóo e Rajoy, nun acto do PP cando ambos estaban na oposición CC-BY-SA PPdeG

O PP declarara ao Consello de Contas 1,41 millóns en gastos daquela campaña electoral, dentro do límite legal, e a dirección estatal informara ao Tribunal de Cuentas sobre doazóns por 3,5 millóns en todo o Estado

Aquel mesmo informe reflectía que, en aplicación da lexislación, o PP tiña que cinguirse a un límite de gasto naquela campaña (excluíndo envíos de propaganda e papeletas) de 1,43 millóns de euros e declarara gastos por 1,41 millóns, polo que concluía que se axustara á normativa. Contando os envíos electorais, a suma total era de 1,9 millóns de euros, tamén dentro dos límites legais. Esas mesmas cantidades reflectíanse nas contas remitidas pola sede central do PP ao Tribunal de Cuentas para o ano 2005

Naquel ano 2005, o PP declarara ao Tribunal de Cuentas doazóns por 3,5 millóns de euros en todo o Estado. Deles, especificaba, 193.000 euros eran doazóns de persoas xurídicas e 211.400, de persoas físicas. Outros 3,07 millóns, aseguraban, procedían de doazóns anónimas. En 2006, o PP declarou 3,7 millóns en doazóns, resultado da suma de 119.000 de persoas xurídicas, 515.262 de persoas físicas e outros 3,1 de achegas anónimas. Segundo o informe que Bárcenas sinala como auténtico, só o PPdeG manexara máis de 2 millóns de euros en cartos doados e xestionados á marxe do circuíto legal aínda que, atendendo ao publicado por El País en 2013, a súa contabilidade oficial reflectía unicamente 11.600 euros en doazóns nominais e 196.700 en achegas anónimas.

O contexto legal da época: máximo 60.000 euros 

A lei vixente na época prohibía achegas privadas superiores aos 60.000 euros e as de empresas que recibisen contratos públicos; segundo o documento, varias das doazóns ao PPdeG eran ilegais

A normativa vixente ao respecto naquel momento era a lei de financiamento dos partidos políticos de 1987. No relativo ao financiamento privado, a norma estipulaba que os partidos "non poderían aceptar ou recibir, directa ou indirectamente", achegas anónimas que superasen nun 5% o total da subvención pública de cada ano. Tamén vetaba as achegas "procedentes dunha mesma persoa física ou xurídica" que superasen os 10 millóns de pesetas (60.000 euros) nun ano e mais os fondos de "empresas públicas" ou "empresas que, mediante contrato vixente, presten servizos ou realicen obras ou subministros para algunha Administración Pública".

Deste xeito, ata once das doazóns reflectidas no documento que Bárcenas sinala como correspondente ás contas do PP de Galicia en 2006 transgredirían a lei vixente na altura xa só polas súas contías. En total, esas achegas por riba do límite legal sumarían 1,7 millóns de euros.

Nestes anos, a dirección do PPdeG sempre negou calquera irregularidade con Feijóo á fronte do partido

Dende que os coñecidos como papeis de Bárcenas saíron á luz -o ex-tesoureiro matizou reiteradamente no propio xuízo que se trata dos "papeis do PP"-, a dirección do PP de Galicia negou calquera irregularidade na etapa con Feijóo no seu liderado. Así, por exemplo, xa en 2013 o propio Feijóo asegurara que non existían achegas irregulares de empresas á formación "polo menos, dende que eu son presidente do partido; saberán os anteriores do anterior", matizara. Naqueles meses, tamén considerara "desproporcionado" ter que comparecer ao respecto no Parlamento, como reclamara a oposición galega.

Nos anos seguintes, Feijóo continuou desligando o PPdeG de calquera posible irregularidade. Veu negando, ademais, "credibilidade" a Bárcenas e confiou na "honorabilidade" de Mariano Rajoy tanto no referido ao financiamento do partido como á remuneración dos seus altos cargos que, segundo o ex-tesoureiro, tamén se compuña de cartos negros ata o estourido do caso Gürtel.

Xuntanza da dirección do PP de Galicia en 2008 CC-BY-SA PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.